Israel en “punto morto”

Será difícil clarificar se o mortal asalto militar israelí en augas internacionais contra a “Flotilla da Liberdade” que levaba dende Turquía axuda humanitaria para Gaza, suporá un punto de inflexión na política de Oriente Próximo. Polo pronto, e ante a indignación mundial, o centro de atención enfócase nos complexos manexos que realice o goberno dereitista do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu para xustificar a súa inaceptable actuación, mentres tente repeler as reaccións internacionais na súa contra.

A primeira reacción política de importancia no contexto rexional foi a ruptura de facto nas relacións entre Turquía e Israel, estreitos aliados militares e diplomáticos desde que en 1949 o goberno turco decidira recoñecer ao Estado israelita.

Non obstante, a conxuntura entre ambos países complicouse seriamente desde a brutal ofensiva militar israelí contra Gaza entre 2008 e 2009, cando Ankara practicamente “conxelou” as súas relacións con Tel Aviv, erixíndose incluso o seu primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan como un dos máis prolíficos críticos contra Israel. Paralelamente, a poboación turca multiplicou as súas simpatías pola causa palestina.

Qué fará Obama?

O distanciamento entre dous aliados como Turquía e Israel repercutirá na visión e perspectiva xeopolítica do presidente estadounidense Barack Obama en Oriente Próximo, en particular ante o seu recente (e infructuoso) intento por relanzar as negociacións de paz entre palestinos e israelís.

A crise actual causada polo ataque israelí contra a flota humanitaria turca afectará seriamente a tradicional alianza estratéxica entre Washington, Ankara e Tel Aviv, perspectiva ampliada ante os últimos acontecementos políticos na rexión. Desde 2009, Obama e Netanyahu veñen manifestando un inédito distanciamento, incluso en escenarios tan sensibles para a seguridade mutua como é o caso do programa nuclear iraniano.

Desde finais de marzo pasado, este distanciamento entre EEUU e Israel comezaba lixeiramente a minorarse ante as aspiracións diplomáticas estadounidenses por relanzar o practicamente sepultado proceso de paz entre Israel e a Autoridade Palestina. Pero o recente ataque israelí contra a “Flotilla da Liberdade” ameaza con paralizar de novo o confuso nivel de confianza entre Washington e Tel Aviv, deixando a Obama nunha delicada situación para relanzar calquera tipo de iniciativa en Oriente Próximo.

Igualmente, apreciase outro serio distanciamento entre EEUU e Turquía, con Irán como trasfondo. Washington criticou duramente a Erdogan por propiciar un pacto nuclear con Irán avaliado por Brasil, xusto cando Obama esperaba concertar nas próximas semanas unha postura común no seo do Consello de Seguridade da ONU para dar curso a maiores sancións contra Teherán. Polo tanto, Washington e Ankara afrontan a súa máis difícil e incerta conxuntura das súas relacións bilaterais.

Cabe esperar que Turquía intensificará e capitalizará unha postura condenatoria contra Israel no Consello de Seguridade da ONU, tomando en conta que actualmente Ankara é membro rotativo non permanente ata 2011. Pero a complexidade se incrementa ante a ambigua posición da ONU, que se ben lamentou a morte de civís na embarcación humanitaria turca refusou condenar a Tel Aviv por perpetrar un claro exemplo de violación do dereito internacional e dos dereitos humanos, atacando en augas internacionais unha embarcación de civís.

A crise de confianza

Á espera de perpetrarse toda serie de protestas mundiais contra Israel, así como dunha hipotética espiral de violencia nos territorios palestinos e, posiblemente de ataques terroristas contra obxectivos israelís, Tel Aviv preparase para afrontar a indignación mundial por unha actuación absolutamente inaceptable, incluso dende a súa perspectiva de “lexítima defensa”.

Con este panorama, a credibilidade israelí verase seriamente afectada, toda vez deberá determinarse se finalmente primarán os intereses xeopolíticos, especialmente de parte estadounidense, para “sepultar” este grave incidente. Esta delicada situación pode dar paso a un novo acto de impunidade israelí e unha crise de confianza sobre a posición de Washington.

Igualmente, resta observar se a actual crise afectará a composición interna do goberno de Netanyahu, claramente dependente dos partidos ultradereitistas e nacionalistas como Israel Beiteinu. Á espera de saber qué posición adoptará finalmente Washington, é probable que Netanyahu inicie unha táctica de “queimar o tempo” para repeler a condena internacional pola súa actuación, tentando controlar a iniciativa política e diplomática.

Cunha crise económica en cernes, salpicado polos efectos ecolóxicos do vertido no Golfo de México, así como diversos “frontes abertos” en Afganistán e Corea do Norte, e coa atención enfocada contra Irán, Obama pode igualmente diluírse nunha grave crise de confianza sobre o liderado de Washington. Velaí que o mortal ataque contra a “Flotilla da Liberdade” medirá o pulso e os contrapesos de intereses xeopolíticos en Oriente Próximo, incluso con resultados inesperados.