Presentación

Liña de investigación: Economía galega e relacións económicas internacionais

No momento actual a economía mundial atópase convulsa como consecuencia dunha multiplicidade de factores: a crise financeira de 2008 e a recente pandemia mundial son dous dos principais shocks acontecidos a nivel global nos últimos anos. En primeiro lugar, a última grande crise económica e sistémica do modelo de acumulación financiarizado sacudiu con intensidade á meirande parte das economías desenvolvidas. Como todos sabemos, esta crise tivo consecuencias diferentes para cada país, véndose cada un afectado tamén dunha maneira diferente nas súas relacións económicas co exterior. En segundo lugar, a crise derivada da pandemia supuxo un brusco freo á actividade produtiva mundial, cuxas consecuencias están aínda por dilucidar mentres a pantasma da recesión paira sobre numerosas economías

Por outra parte, o quecemento global e o cambio climático froito do desgaste medioambiental obriga no futuro a encarar mudanzas no paradigma vixente de produción industrial, que precisa da reestruturación das cadeas de valor para atender a criterios de sostibilide e circularidade, permitindo así camiñar cara unha economía máis verde. Neste contexto a ONU publicou en 2015 os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que rexerán as relacións económicas mundiais ata 2030.

Ademais, as relacións comerciais no contexto mundial están nun momento moi particular. O xiro proteccionista dado polo expresidente Trump nos últimos anos responden á progresiva multipolaridade global, que pode significar a perda de hexemonía norteamericana e a maior expansión do xigante chinés, que vén de promover iniciativas como a recuperación das coñecidas como Rutas da Seda ou a creación do Banco Asiático de Investimento en Infraestrutura (AIIB).

Por se fose pouco, conflitos como a guerra na Ucraína tiveron como consecuencia o encarecemento dos prezos da enerxía e dos cereais, acelerando un fenómeno inflacionario mundial que xa se viña producindo como consecuencia da inundación de moeda decretada polas autoridades norteamericanas e europeas como medida para evitar o afundimento económico durante a expansión do coronavirus.

Por este motivo, Galicia como suxeito económico precisaría reformular a súa estratexia no ámbito económico internacional co fin de facer fronte aos retos que se aveciñan. É por iso que desde o IGADI se crea a presente Liña de Investigación en Economía, unha liña que teño a responsabilidade e o pracer coordinar e que pretende reflexionar a través das achegas de diferentes autores de referencia sobre a actividade económica galega en relación co mundo e viceversa.

Un saúdo