Macedonia, a guerra que ven de Cosova

Malia que numerosos especialistas vaticinaban hai uns meses que en Macedonia non se abriría unha nova guerra balcánica, a teimuda realidade confirma unha escalada imparable na que se advirten as mesmas constantes dos últimos anos na rexión: enfrontamentos armados, cínicos acordos de paz que non poden disimular a existencia dunha guerra aberta, limpeza étnica … Da chamada "cuestión serbia" en tempos de Milosevic á "cuestión albanesa" de hoxe, a comunidade internacional, coa OTAN por diante, evidencia novamente as súas carencias para impedir unha deriva belicista, ¿ou aínda precisa un conflicto máis para prolongar e ampliar a súa intervención na rexión?

Os factores desencadeantes do actual conflicto en Macedonia, singular país, independente por primeira vez na súa historia e no que o salario medio mensual non acada os 200 dólares mentres os empresarios son exonerados do pago da seguridade social ou de cotizar ao sistema de pensións, poderiamos sistematizalos da seguinte maneira. En primeiro lugar, na orde interna, cómpre referirse á situación dos albaneses. Segundo o último censo (1994), a minoría albanesa representa aproximadamente o 24 por cento da poboación. Algunhas fontes, sen embargo, habida conta do éxodo rexistrado durante a guerra por Cosova, consideran que poderían chegar ata a terceira parte, ubicados estratéxicamente ao oeste, dende Skopjie a Orie (rexión de Podog), con permeabilidade fronteiriza practicamente total con Albania e Cosova. Para o Alto Comisariado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) os albaneses poderían ser hoxe a minoría maioritaria: da observación das matrículas escolares no curso 1999-2000, a minoría albanesa superaba aos macedonios.

Pero a súa presencia na esfera pública e nos ámbitos de poder é moi exigua. Nas forzas armadas e na policía non superan o 3 por cento e nos últimos anos foise afondando a dinámica segregadora, ata conformarse en comunidades practicamente paralelas. Esta situación de discriminación real alimenta as reivindicacións dun maior recoñecemento da minoría albanesa, ben sexa en termos socioculturais -consagración da oficialidade do seu idioma- ou políticos -federalización do país-. E tamén é o caldo de cultivo no que converxen as numerosas tensións que axexan a rexión.

A intensidade das reivindicacións da minoría albanesa foi a máis despois das últimas eleccións presidenciais. O novo Presidente, Boris Trajkovski, debe boa parte da súa victoria ao posicionamento ao seu favor do Partido Democrático Albanés, de Arben Xhaféri, quen precisa rendabilizar agora a súa aposta, reforzado pola situación de independencia de facto da veciña Cosova e pola emerxencia o ano pasado do Exército de Liberación de Macedonia (UÇKM), formado seguindo a estela da UÇK. Esas demandas, moi razonables, chocan cun nacionalismo macedonio obsesionado co perigo de desbordamento albanés e que non esquece o boicot do referendo de independencia de 1991.

A derrota da UÇK, segundo factor, nas eleccións municipais de Outubro pasado -lembremos a victoria do "traidor" Ibrahim Rugova, da Liga Democrática-, e o medo a verse arredados do escenario político alentou unha nova estratexia baseada nun enquistamento das súas reivindicacións máis extremistas e a extensión do conflicto no Norte da Macedonia. Resultaba aquí enormemente doado pois a correlación étnica facilitaba o seu propósito: maioría de albaneses de Cosova que se refuxiaran en Macedonia, albaneses de Macedonia que loitaran coa UÇK na guerra con Belgrado. Hashim Thaçi, o líder da UÇK, hoxe máis moderado, sempre avogou por unha Gran Albania.

A maiores, a indefinición a respecto do futuro de Cosova e a ambigüidade da comunidade internacional fomenta igualmente as expectativas dos grupos máis extremistas. A crise na Federación iugoslava, coas tensións entre Kostunica e Djindjic dunha banda, e de Serbia con Montenegro por outra, poden derivar na quebra absoluta da Federación. Esa ruptura podería radicalizar as esixencias albanesas: se Serbia e Montenegro son incapaces de convivir nun mesmo estado, ¡como irán facelo os albaneses cos serbios!

Por outra banda, pasada a páxina de Milosevic, a comunidade internacional semella negar en Macedonia o apoio a quen foran os seus aliados en Serbia. Os amigos en Cosova (UÇK) son inimigos en Macedonia, con enormes dificultades para encarreiralos ou reprimilos: ben é verdade que loitar contra unha guerrilla non é o mesmo que facelo contra un exército regular e que as unidades do exército macedonio son escasas, pero na tibieza da OTAN pesan sen dúbida as hipotéticas do pasado. Moitos dos alzados en armas foron formados polos seus mandos. Hai quen fala xa dos talibáns balcánicos… aínda que os seus uniformes e gorras parecen de Armani.

Dase o paradoxo de que a Macedonia, visiblemente prooccidental na rexión, dende 1993 serviu de base de operacións para a intervención occidental. Aquí se estableceron os primeiros cascos azuis, os observadores da OSCE e as propias forzas da KFOR. Pero esa garantía da presencia internacional, especie de amuleto protector contra os expansionismos veciños (Albania, Serbia ou Bulgaria) non sirve de nada cando o fráxil equilibrio demográfico do país vese alterado substancialmente debido á acción militar da propia OTAN contra Iugoslavia. En boa medida, o agravamento das tensións actuais ten a súa orixe nos bombardeos da OTAN de 1999.

Asi as cousas, a hipótese dunha solución rápida do conflicto en Macedonia non semella viable. Moitas claves do seu futuro dependen da evolución do seu contorno e da clarificación dos propios actores externos. A conxelación podería vir da man dunha extensión de facto do protectorado existente en Cosova a boa parte de Macedonia, protectorado que dificilmente amortiguaría, como se amosa na propia Cosova, unha conformidade dos albaneses co seu status. Seguimos instalados aínda na lóxica da guerra.

Principais formacións políticas

  • DA, Alternativa Democrática.
  • CDCM, Alianza Social-Demócrata Macedonia (ex-comunistas).
  • PDSH, Partido Democrático Albanés
  • LDP, Partido Liberal Democrático
  • PDP, Partido da Prosperidade Democrática (albanés)
  • SPM, Partido Socialista Macedonio (ex-comunistas)
  • VMRO-DPMNE: Organización revolucionaria interior macedonia-Partido democrático pola unidade nacional macedonia (nacionalista).

Resultados das últimas eleccións
(
Próximas: outubro 2002).

Eleccións lexislativas (1998)
VMRO-DPMNE49
DA13
CDCM27
PDP14
PDSH11
LDP4
SPM1
Outros1
Total120

Eleccións presidenciais
(Próximas: outubro 2004).

Primeira volta, 31.10.99. Participación: 65%.

Candidatos% de votos
Tito Petkovski (CDCM)32,7
Boris Trajkoski (VRMO)20,9
Vasil Tupurkovski (DA)15,5
Muharen Mexhipi (PDSH)14,9
Stojan Androv (LDP)10,7
Mohamed Halili (PDP)4,4

Segunda e terceira volta (14 novembro e 5 decembro 1999).

Candidatos2ª volta3ª volta
Boris Trajkoski (VRMO)5290
Tito Petkovski (CDCM)4610

A terceira volta realizouse en 24 circunscripcións nas que deberon repetirse as votacións.