¿Era Milosevic o único problema? ¿Era a guerrilla do sur de Serbia, o Exército de Liberación de Presevo, Medvedja e Bujanovac, o castigo imposto a Kostunica por non aceptar a entrega de Milosevic a Carla del Ponte? ¿Son os conflictos de Macedonia a expresión do descontento da UÇK pola progresiva entrega de Kosovo ao control de Belgrado? A nova escalada do conflicto balcánico sitúa novamente contra as cordas a estratexia internacional de mantemento do statu quo na rexión. Ata agora Macedonia, dunha extensión similar a Galicia, presumía de ser a única das Repúblicas da antiga Iugoslavia que accedeu á plena soberanía sen disparar un só tiro.
É cedo aínda para falar do estoupido dunha nova guerra rexional, pero os combates van en aumento nas vilas que rodean Tanusevci, a trinta quilómetros de Skopie, a capital, con serio perigo de extenderse ao resto deste pequeno país. Esa baixa intensidade do conflicto podería trastocarse en calquera momento se tomamos en consideración que ata un cuarto da poboación macedonia é de orixe albanesa.
Diferentes expertos vaticinan o incremento dos combates con vistas a mellorar as súas posicións nunha hipotética negociación coas autoridades de Skopie. Outros, sen embargo, os limitan no tempo á duración da campaña electoral en Tirana donde as simpatías tenden a medrar en momentos políticamente moi oportunos para algunhas forzas internas.
Hai uns días, Milajim Fejzi, presidente do Forum para os dereitos do home de Gostivar e rector da Universidade paralela albanesa de Tetovo, confirmaba este prognóstico: os albaneses conquistarán os dereitos que desexan en Macedonia, pola negociación ou pola forza, asegurando que a federalización de Macedonia é inevitable. O obxectivo último dos grupos armados é evidente: a unificación de todas as rexións da ex – Iugoslavia de maioría albanesa, primeiro paso para a construcción da Gran Albania.
Polo de agora, as grandes instancias internacionais (OTAN, ONU) insisten na condena formal da violencia, pero non adiantan medidas adicionais de ningún tipo: nin militares ou policiais, para paralizar os combates; nin políticas, aclarando, por exemplo, o futuro do estatuto de Kosovo e o recoñemento efectivo dos dereitos das minorías en Macedonia e en toda a rexión.
Mentres, en relación a Belgrado, un documento confidencial do Departamento de Estado precisaba as esixencias de Washington para procurarlle axuda ao goberno serbio: colaboración decidida e clara na posta a disposición da xustiza internacional dos acusados por crimes de guerra; medidas lexislativas e políticas para garantir o pleno respecto das minorías étnicas; e cese inmediato do pagamento dos salarios e pensións dos oficiais do exército da República Srpska de Bosnia polos servicios financeiros de Iugoslavia. Belgrado debe dar unha resposta concreta antes do 31 de marzo próximo, data en que o Congreso americano vai decidir sobre a continuidade da axuda.