belen recital poesia mahmud darwish

Mahmud Darwish, de Belén a Compostela

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Mahmud Darwish, clic para aumentar
A pesar da pantalla xigante instalada fóra do teatro, non calaron as voces daqueles que se resistían a escoitar a Mahmud Darwish na distancia e pouco a pouco foise abrindo a entrada para encher por completo o recinto. Así, un milleiro de persoas aplaudiron un recital que, como bo concerto, rematou coa visita a camerinos de centos de seareiros na procura dunha sinatura. (Foto: ©Moncho Iglesias Míguez).
 

As grandes figuras do pop mundial non visitan Palestina por diversos motivos. Un deles podería ser a carencia de centros, outro as dificultades de acceso, quizais tamén o medo. Con todo, a sociedade palestina sabe preparar e gozar con ditos eventos. Así, un recital de poesía de Mahmud Darwish podería ser descrito coma un concerto de masas, posto que nel se congregan centos de persoas sen importar idades nin profesións, cun único motivo: escoitar ao poeta.

O venres, as portas do teatro da universidade de Belén, en Palestina, abriron un par de horas antes do comezo do concerto. Aínda que o aforo era limitado, a xente buscou un lugar dende ben cedo para poder estar o máis preto posible do seu ídolo, combatente verbal, camarada de loitas líricas, poeta da resistencia: Mahmud Darwish, un nome que significa Palestina, metáfora do Edén perdido.

Ás sete comezaba o recital de laúde, como preludio ao evento principal do día. A música de corda deu paso a un poeta que, de non ser coñecido, sería confundido cunha estrela do mundo da canción ou un actor importante. Á hora sinalada as portas do foro vibraban cos empurróns de todos aqueles que non tiñan entrada e mais querían escoitar os desafíos verbais do gran poeta palestino. A pesar da pantalla xigante instalada fóra do teatro, non calaron as voces daqueles que se resistían a escoitar a Darwish na distancia e pouco a pouco foise abrindo a entrada para encher por completo o recinto. Así, un milleiro de persoas aplaudiron un recital que, como bo concerto, rematou coa visita a camerinos de centos de seareiros na procura dunha sinatura. Esa confluencia de xente, máis as dúas horas de recital, que incluíu bises, provocou o cansazo do poeta que, na quenda de preguntas, desculpouse, agradecendo ao pobo galego ese premio que está a piques de recibir por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Parte desa escrita de Mahmud Darwish foi recitada en Belén ante un público silente e entusiasmado coa forza da palabra. Un auditorio que só rompeu o silencio co furor dos espontáneos aplausos provocados por versos como eses nos que o poeta se pregunta qué ha facer sen o exilio, porque, comenta, o exilio é unha das fontes das que mana a creación literaria ao longo da historia. Do mesmo xeito, o entusiasmo creceu ante eses versos nos que non nega a súa identidade, reivindicando ante un soldado israelí que el é árabe: "Escribe/ que son árabe/ e o meu número de identidade é o cincuenta mil;/ que xa teño oito fillos,/ e chegará o noveno ao final do verán./ ¿Enfadaraste por iso?".

Mahmud Darwish naceu en 1941 nunha pequena aldea no norte do actual estado de Israel. Tras a guerra do 48, os israelís ocuparon Birwa, a súa vila, e Darwish, coa familia, converteuse nun refuxiado no seu propio estado. Foi así que, dende novo, participou activamente na política, polo que sufriu arrestos domiciliarios e incluso a prisión. Amais, esa loita política viuse moitas veces reflectida nos seus versos, que pronto se converteron en himnos para a poboación palestina e o mundo árabe en xeral.

Con só 19 anos, Darwish publicou o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron preto de 30 coleccións de poesía e narrativa traducidas a máis de 35 idiomas. Os temas tratados son, fundamentalmente, o amor e a política. O destino da súa terra é unha das principais liñas de batalla duns versos que lle fixeron gañar o recoñecemento como poeta da resistencia, á vez que o odio en diversos sectores da sociedade israelí. Neste sentido, o poema "Un soldado soñando con azucenas brancas", no que o eu poético fai referencia a un amigo israelí que decide deixar o país tras regresar a casa, ao final da guerra do 67, non deixou indiferente a ninguén. Así, mentres a parte israelí se sorprendeu ante un poema que pretendía facer da sociedade israelí unha xente totalmente pacifista que renuncia a todo; algúns árabes descualificaron o poema porque parecía un intento de humanizar a terrible figura representada polo soldado israelí. Ante estas controversias, Darwish comentou que el mesmo fundara o seu propio estado independente: a lingua. Unha lingua que trata de dar a coñecer a loita existente entre dúas memorias, comentou unha vez.

Recoñecido internacionalmente pola súa revolta poética, Darwish é a voz lírica da loita pola independencia palestina. A súa poesía, que emprega a linguaxe cotiá para dar maior efectividade e intensidade aos seus versos, aínda é descoñecida para moitos dos veciños do lugar. Con todo, Darwish, que fala hebreo perfectamente e confesa ter amigos xudeus, admite que só quixera que se lese a súa poesía como representación do amor por unha terra, non coma os versos dun inimigo. É daquela que podería existir non só un transvase poético, alén dos muros, senón un intercambio cultural e amizoso.