Mal perder

Se comparamos os niveis de participación no referendo de Timor Leste cos rexistrados nas pasadas eleccións indonesias, a derrota das teses autonomistas pode darse por segura. O masivo respaldo á consulta por parte da poboación local foi unha demostración cívica de enorme valentía. O fracaso da estratexia de intimidación contra a poboación maubere obrigou ós simpatizantes armados da autonomía a centrar toda a súa maquinaria represiva no persoal de Nacións Unidas, quizáis coa vaga esperanza de alterar aínda o reconto de votos. Paradoxalmente, a maior parte das denuncias sobre irregularidades presentadas ante a comisión electoral independente están subscritas pola Fronte Unida para a Autonomía de Timor Oriental.

O comportamento das autoridades indonesias en Timor Leste non augura un doado porvir para este territorio. O simple anuncio do probable éxodo dunha cuarta parte da poboación no caso de trunfar a independencia nun momento en que un mínimo de responsabilidade aconsellaría primar os chamamentos á calma, á concordia e á búsqueda de espacios de integración, denotan unha clara complicidade coa estratexia de terror desas milicias que campan ás súas anchas sitiando e asasinando ó persoal da ONU. A deslealdade democrática de Iacarta é calculada e deixa entrever a urxencia da adopción de medidas de diplomacia preventiva que fagan posible, tamén aquí e para os menos favorecidos, ese cacarexado trunfo universal da democracia.