images infografia2

México non consegue reverter a pobreza

O “Consejo Nacional de Evaluación de la Política de Desarrollo Social” de México ven de publicar este 5 de agosto un estudio sobre a evolución da pobreza, tanto a nivel estatal como nas 32 entidades federativas que compoñen o país para o ciclo 2008-2018. Un período sumamente interesante no nivel económico en canto inclúe todo o ciclo posterior á gran recesión e recuperación posterior nun país fortemente dependente do gran foco da crise (os EUA) e na esfera política, pois atinxe primeiro os últimos anos do ex presidente Felipe Calderón (2006-2012) e despois o mandato completo do controvertido Enrique Peña Nieto (2012-2018).

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Latin America
Palabras chave Pobreza México
Idiomas Galego

O “Consejo Nacional de Evaluación de la Política de Desarrollo Social” de México ven de publicar este 5 de agosto un estudio sobre a evolución da pobreza, tanto a nivel estatal como nas 32 entidades federativas que compoñen o país para o ciclo 2008-2018. Un período sumamente interesante no nivel económico en canto inclúe todo o ciclo posterior á gran recesión e recuperación posterior nun país fortemente dependente do gran foco da crise (os EUA) e na esfera política, pois atinxe primeiro os últimos anos do ex presidente Felipe Calderón (2006-2012) e despois o mandato completo do controvertido Enrique Peña Nieto (2012-2018).

O mais relevante -e desolador- que se revela con este estudo- é o xa exposto ni título do artigo: México non consegue reverter a dramática situación de pobreza na que se atopa a súa poboación. Se ben a taxa relativa baixou do 44.4% ao 41.9% esta só diminuíu debido ao crecemento poboacional(1), pois se en 2008 existían 49.5 millóns de pobres en México a cifra acadou os 52.4 millóns no pasado 2018 (!!). Amosando só unha mellor evolución no que concerne a pobreza extrema, a cal diminuíu dende 12.3 ata 9.3 millóns de persoas.

A “redución” anual da pobreza foi, pois, de apenas un 0.24% anual nun dos países emerxentes (BRICS) que debería dispoñer de maior capacidade para establecer políticas de desenvolvemento económico por unha banda, e de redistribución e mellora das condicións de vida da súa poboación por outro.

Alén diso, a fenda existente entre a pobreza urbana (37.6%) e a pobreza rural (55.3%) tamén aumentou nesta última década, amosando tamén unha falla de políticas de cohesión territorial e estratexia integral que mesmo se reflicte no empeoramento da situación nos estados do sueste do país xa de por si mais pobres coma Chiapas, Guerrero, Oaxaca e Veracruz.

Como vemos na seguinte infografía/resumo ofrecida pola CONEVAL, podemos confirmar que no México asistiu a outra década perdida.

images infografia2

PobrezaInicio

Ilustración 1 - Infografía do estudo. Fonte: CONEVAL

A situación de pobreza está ligada tamén, e como non podía ser doutro xeito nun sistema tan agresivo cos colectivos desfavorecidos coma no que vivimos, á dimensión tanto de raza coma de xénero. Así, unha orixe indíxena conduce, dun xeito case directo, a unha situación de pobreza ou como mínimo de forte desigualdade con respecto á poboación de orixe branca ou mestiza: case tres cuartas partes da poboación indíxena se atopa por debaixo da liña de pobreza, e mais de un terzo do total en situación de pobreza extrema. Cebándose esta de maneira especial coas mulleres indíxenas dos ambientes rurais no que a práctica totalidade delas vive nunha situación moito precaria(2) .

Profundando neste apartado, tamén foi publicado recentemente un estudio da ONGD Oxfam Intermón “Por mí Raza Hablará la Desigualdad. El impacto de las características étnico-raciales en la desigualdad de oportunidades en México", no que se recolle un estudo sobre os obstáculos que experimentan a poboación indíxena e afrodescendentes en diferentes ámbitos, coma as dificultades no acceso ao mercado laboral, a capacidade de acadar estudios superiores(3) ou mesmo á educación básica, que mais de un 26% da poboación indíxena non chega a rematar.

Todas as conclusións ás que leva este estudos rematan na mesma idea: a desigualdade de oportunidades. Tanto de xeito xeral para a poboación que vive nos estratos mais desfavorecidos e dificilmente ten capacidade de progresar cara niveis de benestar superiores, coma de xeito específico para a poboación indíxena que sinte vulnerados de maneira recorrente os seus dereitos para progresar dignamente e acadar niveis de vida dignos. Resumindo, de acordo con estes estudos, 7 de cada 10 mexicanos que nacen en situación de pobreza morren na mesma.

Para finalizar esta peza e por abrir unha mirada cara o futuro, o Plan Nacional de Desenvolvemento actual presentado polo presidente Andrés Manuel López Obrador e o seu equipo de goberno establece como meta que 20 millóns de mexicanos e mexicanas abandonen a situación de pobreza e ata 5 millóns a condición de pobreza extrema de aquí a 2024. Isto implicaría unha necesidade de reducir en mais de 3.3 millóns de persoas a pobreza de xeito anual, cifras a anos luz de distancia dos resultados da última década.

Unha das medidas amplamente demandas por boa parte da sociedade e os expertos na materia durante os recentes anos implicou a subida do salario mínimo, o cal tras un lixeirísimo aumento polo ex-presidente Peña Nieto no ano 2017, foi unha das primeiras medidas serias adoptadas por Andrés Manuel López Obrador tras tomar posesión do seu cargo, incrementándoo dende os 88.36 pesos diarios ata 102.68, un 16.2%, amais de duplicalo -a 176.72 pesos- na ‘Zona Libre de la Frontera Norte’ (ZLFN).

Ademais, e para dotar de lexitimidade a unha medida enormemente cuestionada, compre destacar que non tivo ningún dos fatídicos efectos anunciados pola corrente económica ortodoxa (aumento da inflación, incremento da informalidade, destrución de empregos, etc.) polo que debería servir de exemplo para que outros gobernos de corte progresista na rexión se animen a establecer políticas sociais e laborais nos próximos anos.

Este mesmo plan de desenvolvemento presenta outras dez metas obxectivo sobre as que traballar co fin de mellorar as condicións materiais da vida dos mexicanos e mexicanas dun xeito multidimensional: “con énfasis en la reducción de brechas de desigualdad y condiciones de vulnerabilidad y discriminación en poblaciones y territorios”, incluíndo a dimensión educativa, a sanitaria, a informalidade laboral, a igualdade de xénero ou o imparable problema medioambiental.

Veremos se ademais de intentar acadar estas ambiciosas metas pola vía da redistribución, AMLO intenta comezar un proceso de transformación económica que poña freo a petrolización da súa economía e ao desmantelamento dos servicios públicos que só fan debilitar a un Estado que cada vez semella mais lonxe dun horizonte de paz social e prosperidade económica. Pois mentres que nestas verbas falamos de cifras e números, en México millóns de seres humanos malviven cada día para poder comer dignamente.

 

Bibliografía empregada e recomendada:

 

Citas bibliográficas:

(1) A poboación mexicana incrementouse en case 30 millóns no que vai de século, superando os 125 millóns de habitantes e converténdose no 10 país mais habitado do mundo. (INEGI)

(2) Ata o 84% destas mulleres viven por baixo da liña da pobreza (CONEVAL).

(3) Só un 8.5% da poboación indíxena tivo posibilidade de cursar estudos superiores, mentres que mais de un cuarto da poboación mestiza ou branca pode facelo. (OXFAM). Volvendo a atopar unha clara situación de desigualdade de xénero pois mentres os homes de orixe indíxena teñen un 23% menos de posibilidades de ingresar nos estudos superiores, as mulleres teñen ata un 50% menos de posibilidades, datos moi relacionados cos altos niveis de natalidade nas mulleres xoves.