ucraina

Misión africana: tratando de conseguir a paz sen ofender ao agresor

A guerra que Rusia desatou contra Ucraína -en 2014- oito anos máis tarde foi elevada a niveis comparables cos da II Guerra Mundial. "Tecnicamente’ segue sendo unha contenda entre dous estados, aínda que os xefes do Kremlin seguen esforzándose por convencer á opinión pública mundial que soamente están a facer fronte ao hexemonismo estadounidense, que puxo en Kíiv un réxime de “monicreques neonazis” para facer dano a Rusia...
Liñas de investigación International Relations
Palabras chave Paz Ucraína
Idiomas Galego

A partir de aquí pérdese calquera lóxica no discurso ruso. Por que, se as bases ianquis son unha ameaza para Rusia, esta invade un país que non ten esas bases, pero que si tolerou, e isto en contra da súa propia constitución, a presenza no seu territorio das bases militares rusas? E foron esas bases de onde saíron a agresión, a guerra e a anexión? Por que a alianza noratlántica, que foi creada para “destruír a Rusia”, non o tentou nunca e mesmo agora preocúpase porque as súas armas entregadas a Ucraína non alcancen o territorio ruso? Por que para previr a expansión da alianza, extermínase a Ucraína, a quen se lle nega a afiliación á OTAN, mentres se permite que se asocie outro país veciño, Finlandia, claramente asustado polo que está a facer Rusia, que lle esixiu “neutralidade eterna” hai 80 anos? É moi sinxelo entender estas ‘contradicións’ cando un dáse conta que o “imperialismo”, o “hexemonismo”, a “guerra” e a “anexión” etc., son malos só cando non son rusos.

Con todo, hai políticos que prefiren crer que o imperialismo ruso é agresivo só contra países veciños, como Ucraína, que obterían descontos ou outras vantaxes mostrándose ‘leais’ ou ‘imparcialmente comprensivos’ con Moscova, que estando ao lado de Moscova, terían certas garantías para seguir no poder. Só con estes intereses particulares pode explicarse a abstención dalgúns países á hora de votar na ONU, unha organización creada precisamente para excluír as guerras agresivas da vida dos pobos, como a agresión rusa que non se pode negar nin ignorar. De todas as maneiras, necesitan expresarse a favor da paz, aínda que sexa en forma abstracta, sen acusar a ninguén de atentar contra ela.

A guerra en Ucraína e as súas consecuencias afecta a todos, en maior ou menor medida, independentemente de se apoian a algunha das partes inmediatamente implicadas ou se manteñen neutrais. Especialmente no caso da crise alimentaria global como consecuencia do bloqueo do Mar Negro por parte de Rusia, e o primeiro afectado neste caso é o continente africano.

A iniciativa pola paz promovida recentemente por algúns países africanos e encabezada por Sudáfrica representaba unha vontade de poñer fin ás hostilidades, pero estaba limitada por un evidente desexo de non prexudicar a relación con Rusia. O líder da “misión africana”, o presidente de Sudáfrica, Cyril Ramaphosa, xa se vía nunha situación complicada, dado que este ano o seu país é sede do cume de BRICS e debe recibir a Putin, pero estando adherido á xurisdición do Tribunal Penal Internacional, deberá arrestar ao presidente ruso obedecendo a orde emitida pola devandita instancia. A República de Sudáfrica non apoiou ningunha das resolucións da ONU contra a agresión rusa, o cal é o caso doutros catro países membros da misión (Congo, Uganda, Exipto, Senegal), mentres que dous outros (Zambia, Comoras) apoiaron as resolucións parcialmente.

Con esta composición, a misión falaría moito sobre a necesidade de conseguir a paz, evitando sempre referirse a quen desatou a guerra, o cal non permitiría atopar unha solución para terminala. Apreciouno o xefe da diplomacia rusa, Lavrov: “A misión africana destacou os coñecidos “doce puntos da iniciativa de paz da RP de China” e sinalaron aquelas partes que lles resultaban próximas e que nós compartimos”. Como se sabe, a iniciativa chinesa, feita publica a comezos do ano, non tivo ningún efecto, porque expuña un alto ao fogo sen propoñer algunha concesión por parte do agresor. O mesmo pasou coa iniciativa africana. Nin sequera os ataques aéreos rusos durante a permanencia da delegación africana en Kíiv, que a obrigaron baixar ao refuxio, fixérona recoñecer de onde vén o perigo de guerra. Na rolda de prensa conxunta, Ramaphosa declarou que os ataques de mísiles que escoitaron durante a visita “non funcionan moi ben para establecer a paz”, e concluíu que “por iso falamos da necesidade dunha desescalada por ambas as partes”. Unha sentenza dunha lóxica máis que discutible, porque as partes son o agresor e a vítima, e ambas deben desescalar, aínda que desde 2014 vén escalando a súa agresión anexionista motu proprio, sen necesidade que lle provoque a vítima.

Tras a visita a Kíiv, a delegación de mediadores africanos trasladouse a Rusia ao día seguinte, pero antes de manter un encontro entre todos, o mandatario surafricano foi a reunirse persoalmente con Putin para discutir cuestións do cume de BRICS, despois que o gobernante ruso se xactase en público de que tiña máis armas nucleares que Occidente e non pensaba negociar a súa redución, usando para maior convencemento unha expresión vulgar rusa que podería traducirse como “que lles dean”. É dicir, o surafricano ía falar sobre unha cooperación construtiva coma se a súa contraparte non fose o demiurgo dunha guerra agresiva non vista en Europa desde a época de Hitler, e non lle enviase mísiles a Kíiv coa mensaxe clara de que “quere máis a guerra que a paz”, como o expresou o ministro de exteriores ucraíno.

A delegación africana explicou ao dono do Kremlin o seu plan, que inclúe un repregamento das tropas rusas, a retirada das armas nucleares tácticas rusas de Bielarús, a suspensión da orde de detención contra Putin ditada pola Corte Penal Internacional e a relaxación das sancións contra Rusia. E un plan inservible: o repregamento é insuficiente para terminar a guerra e ademais nunca funcionou cos rusos. En canto ás armas nucleares en Bielarús, trátase só dunha movida de Putin na escalada da súa chantaxe nuclear contra Occidente, porque Rusia ten as súas propias fronteiras cos tres veciños de Bielarús e o enclave de Kaliningrado proporciónalle máis alcance en dirección occidental que o país dominado polo ditador Łukašenka. En cambio, a suspensión da orde de detención e a relaxación das sancións son simplemente un premio barato para o agresor.

Impresionado por tanta comprensión, Putin compartiu cos líderes africanos que sempre quixo negociar e mostroulles un documento redactado fai dez meses en Istambul: un proxecto de acordo con Ucraína conseguido con axuda do presidente turco T. Erdogan e rubricado polo xefe do equipo ucraíno nas negociacións fracasadas. O que estipulaba o papel era a neutralidade “permanente” de Ucraína e garantías da súa seguridade con Rusia, EE.UU., Reino Unido, China e Francia como garantes. A verdade é que a neutralidade de Ucraína consagrada na constitución e Rusia como un dos garantes da súa seguridade foron xustamente o “marco de dereito internacional” que existía no momento que Rusia comezou a súa agresión militar.

É inútil preguntar se de verdade os líderes africanos querían deter a guerra, máis importante é darse conta de que a realidade é que o exterminio de Ucraína como pobo, como país, segue escalando e o agresor pode darse por comprendido por alguén máis no mundo.