Montenegro: entre dous Titáns

Dicía o xornalista e escritor checo Ferdinand Peroutka que no mundo actual as nacións pequenas teñen quedado rebaixadas ó rango de simples posicións estratéxicas no combate entre os titáns. Peroutka finou en 1978, mais a súa afirmación pode que siga sendo válida nos nosos tempos.

Apartados xeográficos Europe
Idiomas Galego

Dicía o xornalista e escritor checo Ferdinand Peroutka que no mundo actual as nacións pequenas teñen quedado rebaixadas ó rango de simples posicións estratéxicas no combate entre os titáns. Peroutka finou en 1978, mais a súa afirmación pode que siga sendo válida nos nosos tempos.

É sabido que os Balcáns teñen sido durante décadas territorio de tensións entre os Estados Unidos e Europa Occidental, e Rusia e o paneslavismo; e esta tensión prosegue. Recentemente, en concreto o pasado 16 de outubro, celebráronse eleccións lexislativas na pequena república de Montenegro. Estes comicios non foron uns máis, senón que estiveron especialmente observados pola comunidade internacional debido ás súas implicacións xeoestratéxicas no histórico “combate” entre Washington e Moscova. O país xogábase entre inclinarse definitivamente cara a órbita europea e americana cunha integración na OTAN ou, pola contra, virar cara a órbita rusa e paneslava.

Os resultados provisionais amosaron que o Partido Democrático dos Socialistas (PDS) ocupa 35 dos 81 escanos, fronte o principal partido da oposición, a Fronte Democrática (FD), que ocupa 18. Ao non ter acadado unha maioría absoluta, o líder do PDS e actual Primeiro Ministro, Milo Djukanovic, que leva gobernando ininterrompidamente 25 anos, debe buscar unha coalición de goberno que presumiblemente será coas minorías albanesas, croatas e bosnias.

Paralelamente, os partidos opositores buscan unirse para formar unha maioría alternativa. Sen embargo, a interpretación xeral dos resultados está sendo que o bloque proeuropeo e proamericano ten gañado as eleccións debido tamén ás divisións entre a oposición que Djukanovic ten promovido dende a súa chegada ó goberno tralo derrube da Unión Soviética.

No contexto actual, quen máis ameazado se ve é o Kremlin, sendo para Putin unhas eleccións relevantes. Hai tres razóns para isto, sendo a última a de maior peso:

1.      En primeiro lugar, existen razóns económicas xa que Montenegro é un dos principais destinos nos Balcáns das inversións rusas.

2.      En segundo lugar, dende hai séculos, Montenegro ten sido o principal aliado na rexión de Rusia.

3.      En terceiro lugar, é un dos poucos países do Adriático que non é membro da OTAN – e que conta con bases navais profundas para un bo uso de grandes buques e submarinos -, mais ten dende maio do presente ano unha oferta para unirse á organización atlántica.

No eido do debate sobre a integración na OTAN, interese principal dos países occidentais, a poboación de Montenegro está certamente dividida entre un 47% de persoas que queren a integración fronte un 39% que se opoñen radicalmente[1]. Ademais, o goberno considera que a integración debe ser unha decisión que tome o Executivo, fronte a opinión da oposición que defende un referendo; polo que a situación complícase.

Mais a análise desta situación veríase incompleta se non se vencella coa división identitaria que racha o país. Dende a chegada de Djukanovic ao goberno hai un cuarto de século, o Executivo ten desenvolvido unha política de creación dunha nova identidade nacional propia de Montenegro, en definitiva unha política de pro-montenegrización co obxecto de afastarse do mundo ruso e paneslavo, gañando autonomía nacional e achegándose ó bloque europeo e estadounidense. Mais esta política non deu todos os seus froitos, polo que segue habendo un 30% dos cidadáns que se consideran serbios ou que non consideran que as dúas identidades sexan contraditorias, sentíndose afastados das teses pro-occidentais e atlantistas.

Así pois, os cidadáns de Montenegro vense nunha disxuntiva habitual dos pequenos Estados, moi especialmente nos europeos, que é ter que aproximarse a unha opción que lles aporte unha bóveda de seguridade dende o punto de vista militar. Vemos como noutros países europeos de menos dun millón de habitantes suceden cousas semellantes. Luxemburgo e Islandia son membros da OTAN asegurándose protección ante agresións externas atendendo ao artigo 5 da carta fundacional da Alianza. Islandia posúe ademais un acordo bilateral de defensa cos Estados Unidos dende 1951. Andorra atópase protexida por España e Francia mediante o “Tratado de Boa Veciñanza, Amizade e Cooperación”; así como San Mariño e a Santa Sé, que son protexidos por Italia como Francia o fai con Mónaco. Pola súa banda, Malta, que non é membro da OTAN, ten un forte nexo en materia de seguridade co Reino Unido xa que era o antigo administrador do arquipélago e que ademais posúe bases militares en territorio maltés.

Neste senso, Alesina e Spolaore (2003) falan, en relación ao tamaño dos Estados, que este é a consecuencia de dúas forzas opostas, o beneficio da economía de escala (incluído no ámbito militar) e o custo da heteroxeneidade das preferencias. Afirman que un Estado pode permitirse ser pequeno cando o seu nivel de integración nun mercado maior, rexional ou global, lle permite especializarse aumentando a súa eficiencia económica á vez que se protexe de ameazas militares “externalizando” a súa defensa. Pola contra, un Estado grande pode sosterse sobre o seu mercado interno e garantir a súa propia defensa, mais a maior heteroxeneidade das preferencias dificulta a toma de decisións e pode, en última instancia, ameazar a súa integridade territorial. A integración rexional é, polo tanto, un mecanismo que permite que algunhas decisións non determinantes para a supervivencia do país sexan mantidas a nivel dos Estados, mentres as transaccións económicas e a defensa son transferidas a un nivel mais eficiente como é o rexional, evitando o custo da heteroxeneidade das preferencias intraestatais.

A tesitura de Montenegro é entón ¿Oriente ou Occidente?

 

“TheSize of Nations”, Alberto Alesina e Enrico Spolaore, Cambridge, Massachusetts: MIT Press, 2003