Montenegro: ¿victoria amarga?

As eleccións lexislativas extraordinarias celebradas en Montenegro en abril pasado abalaron un pouco máis o fráxil estado iugoslavo. A victoria dos partidarios da independencia, a coalición do PDS e do SDP, socialistas e socialdemócratas, abriu un novo periodo de incertidume que pode resolverse neste mes de xuño coa convocatoria dun referendo sobre a autodeterminación.

Dun posto de vista estrictamente matemático, sinala Milka Tadic-Mijovic en “Monitor”, un 55 por cento dos electores optaron por un Montenegro independente, contra unha minoría nada despreciable dun 45 por cento que é partidaria de manterse nun Estado común coa Serbia. No Parlamento, 44 escanos son independentistas e 33 pro-iugoslavos. Para os federalistas, a victoria independentista é insuficiente, e para os soberanistas, o camiño da independencia non ten volta atrás.

Con seis deputados no Parlamento, os liberais semellan a forza política decisiva para condicionar a formación do novo goberno. En moitos lugares do país é a Alianza Liberal quen decanta a correlación de forzas, e, en Cetinje, capital histórica de Montenegro, obtiveron unha victoria importante. Na noite electoral anunciaron a súa boa disposición para apoiar a convocatoria dun referendo antes do 30 de xuño. Pero tanto neste caso como no da coalición vencedora, as prioridades poderían mudar debido á enorme presión exercida por Estados Unidos e a Unión Europea.

Paradoxalmente, sinala Dragoljub Vukovic en “Monitor”, a derrota electoral das forzas políticas serbo-iugoslavas semella ser máis útil aos designios da comunidade internacional que a victoria independentista. Contrariamente á disposición amosada antes da caída de Milosevic, a actitude agora das diplomacias occidentais consiste en buscar solucións que non teñan en conta a vontade da maioría dos electores de Montenegro e que aseguren a supervivencia da Iugoslavia unida.

Á vista dos resultados electorais, o experto en dereito constitucional, Slobodan Vucetic, de Belgrado, aseguraba que “despois de nove anos no seo da Federación iugoslava, 164 000 electores votaron a favor do mantemento da federación, o que representa un 25,3 por cento do electorado contra un 65 por cento en 1992″.

Pero a organización do referendo non semella cousa doada. En primeiro lugar, cómpre establecer un acordo cos liberais e as minorías. En segundo lugar, máis complexo aínda, garantir unha participación mínima do 50 por cento dos electores inscritos para que os resultados do referendo acaden validez legal. Ante o anuncio do plebiscito, os partidos federalistas agrupados na coalición pro-iugoslava, adiantaron o seu boicot á consulta. Montenegro queda así paralizado, a medio camiño entre o que non acaba de morrer (a Federación iugoslava) e o que non da nacido (o estado independente).