Neoconquista ou cooperación

Ninguén debería alarmarse polo feito de que políticos e empresarios portugueses se reúnan para tomar posicións a respecto de cuestións decisivas para o futuro dun país como a relativa ó control de sectores estratéxicos da súa economía. Contemplemos o noso recente pasado en sectores e empresas concretas: xa quixeramos. Para Portugal, cun Océano por diante e España por detrás, o tema é de calado e ninguén se debe asustar por que isto suceda. Debería en todo caso preocuparnos que aquí non se reúnan políticos e empresarios para analizar, poñamos por caso, o presente e futuro das relacións galego-portuguesas á lus dos últimos cambios políticos e da parálise cooperativa actual.

Lisboa fai ben en buscar difíciles subterfuxios, sobre todo despois da decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre as golden share, para que os imperativos da xeoeconomía e da política poidan coexistir coas esixencias do mercado que nunca pode nin debe ser libre de todo nin obviar, como neste caso, a inevitabilidade dos factores de corrección histórica. Sen subvertir a orde das cousas, entre todos deberíamos buscar fórmulas que, como mínimo, permitiran certa fluidez e reciprocidade. Porque, a dicir verdade, tamén aquí non falta quen se lamente á hora de dar entrada a capital portugués ou a empresas portuguesas nos nosos mercados. Aínda así, uns e outros deberíamos diferenciar este problema da cuestión da cooperación interrexional.

Cambios vianse vir. A inclusión do CDS-PP do señor Portas no novo gabinete facía pensar, coñecidos os seus antecedentes, na hipótese dun xiro desta magnitude. A maiores, a viabilidade política do novo discurso gaña firmeza observando canto está acontecendo ao noso redor, no contexto europeo, de Francia a Holanda pasando por Italia (tamén analizando algunhas histriónicas propostas dos restos do new labour do señor Blair…). Progresivamente, forzas e discurso da ultradereita gañan en introducción social e respaldo electoral.

O actual clima fai pensar no impensable: que pode haber retrocesos nas relacións entre Galicia e o Norte de Portugal. Polo moito que hai en xogo, afirmaba hai uns días Jesús Gamallo, secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción exterior, "sería un erro unha crise con Portugal". En contra deste clima militan en primeiro lugar, os intereses comúns no ámbito europeo (os proxectos de Interreg III) e, naturalmente, unha forte inercia económico-comercial que lideran os colectivos empresariais de ambas beiras. Pero, non o esquezamos, un debilitamento da fluídez institucional e política acabaría por afectar, en maior ou menor medida, a todas as dinámicas.

Todos somos conscientes dos perigos do actual impasse que pode incidir negativamente no desenvolvemento dunha eurorrexión presentada como modélica polas propias instancias comunitarias, e importa definir medidas e actuacións que reforzen o diálogo e o entendemento bilateral. Non podemos nin debemos quedar de brazos cruzados á espera de que o tempo arranxe unha liada, pequena, pero que pode ir a máis, se os interesados no contrario, aquí e alá, non se mobilizan adecuadamente. E obsérvase demasiado silencio ao respecto e escasa mudanza, especialmente alén Miño, no marasmo político-administrativo que connota as relacións con Galicia dende hai máis de medio ano.

Galicia e Portugal, sobre todo o Norte, dispoñen dunha enorme plataforma común que debe enriquecerse e non debilitarse. Nun tempo como o actual, mesmo no ámbito empresarial compriría traballar na definición de intereses comúns, xeográficos e sectoriais, para asentar alianzas que reporten beneficios mutuos. Igualmente, debemos pular seriamente por introducir aqueles mecanismos que eviten tratos discriminatorios co capital veciño.

Por outra banda, cómpre non perder de vista que a mellor vacina para estas situacións é a asunción por parte da sociedade civil de ambas as dúas beiras do oportuno desta relación e nese camiño queda aínda moito por facer. Nin Galicia ten unha imaxe propia e definida en Portugal nin as respectivas sociedades, galega e portuguesa, mesmo no Norte, superaron a fronteira coa mesma rapidez que o diñeiro. Urxe por iso alentar procesos sociais e culturais que, co tempo, sí dotarán de irreversibilidade o proceso de achegamento.