Novos tempos para a acción exterior de Galicia

De maneira anual desde o ano 2010 o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) edita o Informe Nós No Mundo, coma publicación periódica de seguimento da acción exterior de Galicia. Na edición deste ano, a duodécima, a moi recente aprobación da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, marca un claro punto de inflexión.

Liñas de investigación Paradiplomacy
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Palabras chave Galicia internacional lei
Idiomas Galego

De maneira anual desde o ano 2010 o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) edita o Informe Nós No Mundo, coma publicación periódica de seguimento da acción exterior de Galicia. Na edición deste ano, a duodécima, a moi recente aprobación da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, marca un claro punto de inflexión.

O informe comeza recoñecendo que a Lei abre un ilusionante camiño ao dar o máis alto nivel normativo da comunidade autónoma a relevancia da acción internacional de Galicia coma fenómeno público, presente de maneira transversal en todos os niveis de goberno e institucións autonómicas, mais tamén na propia sociedade. Xa desde o preámbulo a Lei advirte dunha inflación de interdependencias co global, que hai que aproveitar desde a nosa particular pegada universal no planeta, da diáspora á lusofonía, desde o Atlántico ao mundo celta, desde a universalidade dos Camiños a Santiago….

Para o IGADI, que desde o 1991 impulsou a necesidade de construír políticas públicas de acción exterior con intencionalidade estratéxica para o noso modelo de desenvolvemento, a boa nova da aprobación da Lei debe acompañarse de medidas para conectar os distintos esforzos institucionais e privados para globalizar Galicia, competitiva e cooperativamente, en liña coa Axenda 2030 de Nacións Unidas.

No proceso de construción da Lei, que foi produtivo e que se alongou por distintas incidencias entre 2019 e 2021, teimamos así na necesidade de programar esta ordenación, aspirando a avaliala medindo os retornos concretos da mesma, introducindo estímulos tamén para unha maior coordinación da acción exterior da Xunta coas cidades, as Universidades.... Aínda que non conseguimos a pedagoxía suficiente para conseguirmos completamente este salto de calidade ao que aspirabamos, a Lei finalmente aprobada está carregada de boas oportunidades que deben activarse para maximizar todos os esforzos xa en marcha.

Recoñecendo que no marco das incertezas da sociedade internacional caracterizada no inmediato pola pandemia e a incerteza das fendas da gobernanza global, propomos que acompañando o horizonte dos anos 20 e a Década Xacobea, aproveitemos a Lei coma mecanismo desde onde dar pasos firmes para aproveitar todo o noso capital exterior. Terá que ser na próxima Estratexia Galega de Acción Exterior onde consolidar as melloras en marcha para multiplicar as oportunidades. E o primeiro será aproveitar a Estratexia exterior española 2021-2024, que introduce xa elementos dos que podemos xerar oportunidades.

E se convencidas da paciencia estratéxica coma virtude apuntamos ao futuro para paso a paso seguir a mellorar os resultados, o Informe Nós No Mundo 2020-2021 achégase tamén a un conxunto de temas que perfilan de facto os retos inmediatos da mesma. Primeiramente, o Xacobeo 2021-2022, coma especialísima marca da Galicia global e unha segunda oportunidade vaticana. Ademais acaparan o foco do anuario os distintos impactos do Brexit na nosa terra, as relacións con Portugal, a Axenda 2030, o papel da lingua na internacionalización de Galicia ou a resignificación da universalidade do Centenario da Xeración NÓS.

Se algo nos deixa claro a vida diaria do IGADI e a edición do anuario Nós No Mundo 2020-2021 é o convencemento de que temos capital humano de primeiro nivel en Galicia conectado ao mundo e aos asuntos internacionais. Somos célula de universalidade, dicía Plácido Castro, e no 2021 faise máis preciso que nunca poñela en marcha para gañar o futuro, con realismo mais con ambición.