O alento de Lois Tobío

Queda moito entre nós de Tobío e moito máis, estou seguro, descobriremos nos próximos anos. Era un home dunha madeira especial, traballador incansable e abnegado, militante ao cen por cen nas cousas do país, en todo o que sentía no máis fondo, comprometéndose sempre no que creía.

Non é cousa de rememorar agora os seus méritos, que foron moitos, como pola contra, hai que dicilo, indudablemente escasos os recoñecementos en comparanza co debido, algúns deles algo tardíos. Con Tobío pasa o mesmo que con tantas voces singulares que da este país e que non sabemos atraguer e valorar en si mesmas, persoas dunha gran valía que podían aportar moitísimo ao enriquecemento da nosa vida social e política, pola súa ampla experiencia, polo seu elevado nivel de coñecementos, pola súa xenerosa disposición.

Lembro coma se fose hoxe o meu primeiro encontro con el, na súa casa de Madrid, na rúa Bonetero, ao pouco de ler un magnífico artigo seu na Revista Española de Estudios Internacionales, a propósito do Conde de Gondomar, sobre quen se apaixonaba falando. Seguía con atención canto pasaba nun mundo en profundo cambio, reafirmando a contracorrente o valor dos ideais de igualdade e de xustiza social. Voltaba a súa mirada nostálxica ao rexurdir de Alemaña despois da unificación, con aquel Berlín da súa mocedade á espera dunha nova oportunidade. Daquela, o Igadi daba os seus primeiros pasos e todo foron palabras de ánimo e de estimulo. Logo prologaría o meu "Galicia e a Sociedade das Nacións" (Galaxia, 1992) e abordariamos a figura de Plácido Castro, tan similares ambos nas concepcións de fondo sobre o galeguismo e a proxección exterior de Galicia. Sempre lle estarei agradecido a Enrique Albor por achegarme aquela tarde ata Lois Tobío.

O legado global de Tobío é o dun galeguista universalista, dun home que comprendeu de boas a primeiras, sen necesidade de meditalo, o imponderable valor da identidade como clave para entenderse co mundo, para desenvolverse no mundo, sen perder o norte irrenunciable das orixes. Ese Tobío que deambula pola diplomacia, pola investigación histórica, pola traducción poética ou ensaística, polo xornalismo, en fin, é o mesmo Tobío do Seminario de Estudios Galegos, do Estatuto, do Consello de Galiza… Porque forma parte dunha xeración formada e educada na valiosísima idea do progreso con identidade, do positivo valor do noso achegamento ao exterior para sermos máis e mellores. É o universalismo galeguista que debería ser o pan de cada día, a nosa "biblia" en tempos de mundialización.

Tobío foi un home bo e xeneroso, sempre lúcido e leal, con sentido colectivo do seu facer, cosmopolita e culto, coherente coas súas ideas primeiras que nunca abandonou por comenencias de ocasión. Fuxía dos barullos e nunca andivo á procura de medallas nin desas homenaxes para maior gloria dos seus promotores.Esa honestidade intelectual, sempre admirada polos seus amigos, é a outra cara, imprescindible, do seu legado, a ter presente en tempos nos que o cinismo prolonga unha sombra negra sobre as nosas cabezas.

Mentres o reivindiquemos e fagamos o esforzo de divulgar o seu pensamento e a súa obra, Tobío seguirá entre nós. E sempre sentiremos o seu alento.