Cada vez máis o Foreing Office semella unha delegación da Secretaría de Estado. Blair asumiu o papel de "legado imperial" e realizou o labor previo ao inicio do ataque. Nunha viaxe relampo xirou as pertinentes visitas a Rusia, Paquistán e a India. Mentres, unha vez máis, confirmábase a inexistencia dunha política exterior europea. Mister PESC segue desaparecido.
Os gobernos británicos senten nostalxia do pasado imperial. Frustrados tras a 2ª Guerra Mundial pola perda dos seus enormes dominios viron nos EEUU aos sucesores e herdeiros do dominio anglosaxón do planeta. Logo dos anos de desanimo mirando para o interior recuperaron o protagonismo internacional como fieis escudeiros. Ao dúo Reagan-Thatcher dos oitenta sucedeulle o Clinton-Blair dos noventa. Se alguén pensaba en razóns ideolóxicas para explicar tal proximidade, a nova entente Bush-Blair tira por terra esta suposición. Londres considera que o papel de EEUU é indiscutible no mundo unipolar e que o seu consiste en ser o primeiro convidado na mesa de Washington e actuar como "cabalo de Troia" na Unión Europea. A súa é unha visión do mundo cun só centro, non o mundo plural que unha política exterior e económica autónoma da Europa unida podería impulsar.
Blair debeu lembrar as vellas leccións escolares cando se desprazou á India e Paquistán para resolver os últimos detalles do ataque militar contra o vello estado-tapón que os seus antepasados crearon para protexer os intereses británicos na "xoia imperial". Agora hai que protexer os intereses estratéxicos no control das rutas da enerxía, cuestión que sempre se esquece ao falar dos conflictos de Oriente Medio ou centroasiáticos. Mesmo se debeu sentir satisfeito cando todas as televisións do mundo emitiron as súas declaracións case coa mesma consideración que as do presidente George W. Bush.
Estamos ante unha nova guerra Play Station. Foguetes fulgurantes nas pantallas de televisión. Os mortos e feridos non existen, pero son reais. Da nova aventura só quedará destrucción, morte e máis odio. Moito máis odio que os Ben Laden de quenda mesturaran con andrómenas relixiosas para brindarllas como falso consolo aos condenados da terra.