Independentemente de quen gañe as eleccións presidenciais previstas para o domingo 3 de outubro en Brasil, o que resulta claro é que a presidencia progresista de Lula da Silva terá unha sucesión que consolidará a transición democrática e a estabilidade institucional iniciada en 1985.
Independentemente de quen gañe as eleccións presidenciais previstas para o domingo 3 de outubro en Brasil, o que resulta claro é que a presidencia progresista de Lula da Silva terá unha sucesión que consolidará a transición democrática e a estabilidade institucional iniciada en 1985.
As expectativas e as enquisas apuntan a Dilma Roussef, do gobernante Partido dos Traballadores (PT), como a sucesora presidencial de Lula. En todo caso, a posibilidade de alternancia política nas mans da centrodereita de José Serra (PSDB) podería presentarse en caso de alcanzar unha segunda volta electoral, onde os votos e apoios dunha esquerda fracturada electoral e politicamente definirán a próxima presidencia, moi probablemente a favor de Roussef e do PT.
O proceso electoral brasileiro evidencia os cambios políticos dun país eminentemente emerxente no concerto internacional. Tres mulleres de esquerda (Roussef, Marina Silva e Heloísa Helena) disputarán a presidencia dun país que, para os próximos anos, reforzará a súa posición global coa celebración do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos 2016.
Tras oito anos de goberno, Lula deixará un país con menos pobres (o Programa Fame Cero reduciu a pobreza para once millóns de familias brasileiras), mais estable institucional e democraticamente, con perspectivas de potencia global emerxente (a través dos grupos BRIC, IBSA, etc.), cun peso internacional de gran magnitude e economicamente no seu momento máis estelar.
Pódese igualmente calibrar as críticas que dende sectores máis de esquerda e progresistas se realizan sobre a ortodoxia liberal do legado de Lula e do programa económico do PT. Este factor explica a fractura política na esquerda brasileira, manifestada nas candidaturas electorais do próximo domingo. Un escenario que, ironicamente, a oposición non logra aproveitar, desactivada ante a elevada popularidade de Lula (máis do 70%), un factor obviamente traspasado á candidatura da súa sucesora Roussef.
Dentro do contexto rexional, o Brasil post-Lula deberá definir unha posición clave como evidente epicentro de poder na área sudamericana, en particular a través de organismos como a UNASUR e MERCOSUR, e ante a variedade de tendencias dentro da esquerda en países como Venezuela, Uruguai ou Bolivia. Unha realidade que tamén deberá ponderarse de cara ao actual período electoral latinoamericano, que durará ata o 2012, e que definirá novos cambios e retos políticos en países como Venezuela, Arxentina, Perú e México.
Dende calquera perspectiva, Lula deixa un legado dificilmente superable. Pero o Brasil actual tamén experimenta un cambio de perspectivas e expectativas, asentadas nun Estado federal politicamente máis complexo, con maiores actores e demandas. Máis democrático e estable, menos desigual e economicamente mais potente, a próxima presidencia brasileira afrontará unha serie de retos aínda maiores dos que tivo que afrontar o propio Lula cando chegou por vez primeira á presidencia en 2003.