20070726camaguey raul castro 54ani revolucion

O cruzamento cubano

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego
 Raúl Castro, clic para aumentar
En Cuba saben que tras case 50 anos de revolución os cambios están preto. A figura de Fidel é fundamental e sen ela o devir político da grande das Antillas está a chegar a un cruzamento de camiños. Saben tamén que hai dúas cousas que non van acontecer cando o verde oliveira abandone o terreal para mudar en mito. Nin o sistema vai implosionar como a URSS, co desmoronamento da estrutura política dun día para outro, nin vai haber un desembarco do modelo de vida ianqui na illa. Serán eles, os cubanos, os que escollerán o camiño a seguir. (Foto: Raúl Castro na cerimonia en Camagüei de celebración do 54 aniversario do frustrado asalto ao Cuartel Moncada, o 26 de xullo de 1953).
 

Logo dun ano enteiro orfa do verde oliveira do comandante en xefe, a sociedade cubana semella afeita xa á situación e poucos esperaban a súa reaparición pública o día 26. Digan o que digan, para o cubano medio Fidel está por riba dun sistema que na rúa é moito máis criticado no eido económico que no político ou social. Mesmo entre a disidencia "a da illa, non a de Miami", formada disque por máis de 300 grupos, as opcións de cambio pasan case sempre polo socialismo, con graos varios de apertura financeira, e poucos cuestionan un sistema que cando menos garante unhas necesidades básicas inexistentes para a maioría da xente en América Latina e o Caribe.

A confusión, mágoa incluso, creada pola doenza do comandante foi substituída pola lenta espera, porque o cubano sabe esperar, espera sempre, e logo pola tranquilidade de teren acceso coma nunca aos pensamentos da alma da revolución. Fidel escribe agora moi a miúdo no Granma e dalgún xeito isto fixo que o pobo se sinta máis achegado a el que cando dirixía o país.

No entanto, en Cuba saben que tras case 50 anos de revolución os cambios están preto. A figura de Fidel é fundamental e que sen ela o devir político da grande das Antillas está a chegar a un cruzamento de camiños. Saben tamén que hai dúas cousas que non van acontecer cando o verde oliveira abandone o terreal para mudar en mito. Nin o sistema vai implosionar como a URSS, co desmoronamento da estrutura política dun día para outro, nin vai haber un desembarco do modelo de vida ianqui na illa. Serán eles, os cubanos, os que escollerán o camiño a seguir e están seguros que calquera intento de toma de poder dende Miami sería respostado, mesmo pola disidencia máis fera, coa volta á serra da poboación enteira.

Mais o cruzamento está aí, con dúas opcións que teñen en China e Venezuela os seus modelos. O camiño chinés consistiría nunha lenta deriva cara o ultracapitalismo e a desigualdade, de aí que non son poucos os fillos da revolución que se esforzan en desacreditar o exemplo chinés e en explicar que a potencia oriental non é, hogano, un modelo comunista. E logo está Venezuela, a alternativa bolivariana, o socialismo ese do século XXI que aínda está por construír. É por isto que os herdeiros de Moncada din que hoxe a revolución cubana estase a xogar nas rúas de Caracas.