O recentemente concluído Cumio de América do Sur en Brasilia "a racionalista capital brasileira" ven de supoñe-la aposta de Brasil por se converter na nova potencia da rexión. A pesar do seu indudable peso específico "non obstante é a novena economía mundial", Brasil non asumira con anterioridade o seu papel de país predominante no escenario americano. A convocatoria dos 12 presidentes sudamericanos (a excepción da Guaiana Francesa, que é parte integrante de Francia) a unha reunión orixinal, á marxe dos outros foros nos que participan os países sudamericanos, puso de manifesto o poder de movilización e a materialización dunha vella aspiración brasileira, reunir a tódolos mandatarios de América do Sur.
Que Brasil ten tódolos requisitos para ser cualificada de potencia na rexión non ten dúbida. Brasil representa a metade da superficie do subcontinente sudamericano, así como a metade da poboación. Ademáis, supón cáseque o cincoenta por cento do seu producto interior bruto, sen esquecer, como xa se dixo, que se sitúa entre as nove primeiras economías do mundo. Nembargantes, ata o momento, Brasil non só non quixo exerce-lo seu papel de líder rexional, senon que ademáis tampouco estaba en condicións de poder afrontar dita posición.
Se tradicionalmente o equilibrio rexional sustentábase sobre tres países de peso similar como eran Arxentina, Brasil e México, esta situación empezou a mudar na década dos 80 e, especialmente, nos últimos anos. A fin dos réximes dictatoriais e a progresiva chegada da democracia, o abandono dos prantexamentos nacionalistas e a apertura a unha economía globalizada, e o fin do mundo bipolar e o fortalecemento dos bloques rexionais, supuxo a transformación da situación continental. Este cambio foi substancial no caso da Arxentina, quen veu perdendo progresivamente a súa influencia en favor de Brasil e México e, en moita menor medida, Chile.
Xa que logo, na actualidade, soamente Brasil, ademáis de México, conta cos ingredientes necesarios para asumi-lo liderato rexional: unha economía de escala, un nivel de desenvolvemento aceptable, e unha sólida bagaxe cultural. Partindo destas firmes bases, Brasil tan só carecía do indispensable elemento volitivo para materializa-la citada pretensión. De feito, durante anos, a política exterior brasileira, como a de moitos outros Estados latinoamericanos, caracterizouse pola aplicación da Doutrina Estrada e a consecuente falta de vontade política para actuar máis aló das súas fronteiras.
Coa chegada ó poder de Fernando Henrique Cardoso en 1995 esta situación empezou a cambiar lentamente. A pesares da negativa do presidente Cardoso verbo das aspiracións de Brasil ó liderato rexional, a realidade é que as tropas brasileiras participan asiduamente nas misións de paz das Nacións Unidas, o Brasil intermediou no conflicto fronteirizo entre Ecuador e Perú, e actuou firmemente para aborta-los ataques á democracia en Paraguai. É certo que esta nova actitude realízase dun xeito sutil e alonxado dos clásicos instrumentos das grandes potencias, pero iso non desminte o feito de que, como xa pronosticara no seu día Henry Kissinger, Brasil esté destinado a se-lo eixo do novo equilibrio rexional sudamericano.
Co cumio, Brasil non só amosou a capacidade senon tamén a vontade necesaria para se converter no líder rexional de América do Sur. Á marxe da lóxica tutela dos Estados Unidos, só o México de Vicente Fox vai ser quen de poder disputarlle a Brasil a súa posición preeminente.