Mais sen dúbida, un dos factores clave do ingreso na UE foi a chegada dos Fondos Europeos. Mentres a política agraria (a coñecida como PAC), combinada coas políticas arancelarias comúns, permitiu a subsistencia de parte do sector primario nun contexto mundial crecentemente competitivo, as políticas estruturais permitiron reforzar e modernizar as redes de transportes e as infraestruturas, especialmente a partir da década dos noventa. A pesar destes logros, o deseño xeralista das políticas europeas, unido á falta de experiencia na planificación e xestión dos fondos, e xunto coa necesidade de execución do gasto para evitar a perda de recursos, tivo como resultados -entre outros- a proliferación de infraestruturas, edificios ou servizos cuxa utilidade non sempre foi ben resolta. A observación da anterior realidade deu pé á apertura do debate social, político e académico sobre a utilidade e eficiencia dos fondos. Así, un novo obxectivo foi configurándose como central na execución dos Fondos Europeos: a produtividade.
Ao mesmo tempo, o contexto de ampliación da UE provocou que estados coma o español visen minguada a cantidade de recursos asignados, fundamentalmente en favor de países como Polonia e os novos países entrantes. Neste contexto de redución de recursos para algúns dos países membros naceron as coñecidas como estratexias de especialización intelixente, cuxa natureza pretende precisamente acadar unha maior eficiencia e produtividade dos investimentos (cada vez máis escasos) dirixíndoos cara obxectivos específicos. E é que a literatura científica tamén viña reflectindo resultados dispares en canto á positividade ou non do impacto das políticas europeas. Unha mención especial neste sentido debería facerse respecto ao acontecido a nivel empresarial.
Se ben os estudos científicos adoitan consensuar que os fondos tiveron como efecto o aumento da capitalización das empresas, non se pode negar que a execución e a absorción dos mesmos por parte do tecido produtivo presentou algunhas ineficiencias e friccións. Nun territorio conformado en máis do 95% por pequenas e medianas empresas, o destino dos fondos acabou por ser moitas veces o de grandes empresas. Esta orientación das políticas non se pode illar completamente dunha realidade competencial que reserva ao Estado tarefas de coordinación e planificación dalgunhas políticas (un exemplo actual nesa dirección sería a capacidade de decisión estatal sobre proxectos estratéxicos, como os PERTE). Mais cómpre sinalar tamén nos últimos tempos veu prevalecendo a nivel de políticas e de literatura científica que a maior capacidade de absorción de recursos europeos por parte das compañías de maior dimensión redundaba nun mellor traslado a resultados (e produtividade) dos investimentos. Non obstante, esta orientación das políticas de innovación podería poñer en discusión, tal e como se defende no noso recente ensaio “As fugas de recursos, mito ou realidade colonialista en Galicia?” (Ed. Universidade de Vigo), aspectos como a (re)distribución dos recursos nos territorios para os que son destinados. A este aspecto, cabería engadir outras dúbidas que foi a aplicación dos fondos, como a mellora (ou falta) de competencia, ou a conveniencia estratéxica dos proxectos desenvolvidos.
Finalmente, xusto sería mencionar que, sen os Fondos Europeos, a situación económica sería peor. Entón, unha vez iniciado o camiño da eficiencia e da produtividade destes recursos coas estratexias de especialización intelixente, resta seguir a dar pasos que nos permitan afondar nesa complexa senda. Para isto, é necesario coñecer as problemáticas de planificación, deseño, execución e absorción de impacto dos fondos. Con ese fin, sería preciso levar a cabo máis avaliacións de seguimento e ex-post. Unha tarefa non exenta de dificultades nunha economía global cada vez máis intricada.