O día que pudo ser e non foi

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego

Pasan os anos e segue sobre a mesa a cuestión da independencia plena e a soberanía dos palestinos. Iso a pesar das roldas de negociación e dos tratados de paz que asinan os israelíes e os propios palestinos, auspiciados polos gobernos occidentais e dirixidos polos EEUU. En Oslo (1993) recolleuse o establecemento deste Estado dunha forma inequivoca. En Wye
River (1998) houbo un avance e chegouse a un acordo, supostamente firme, de proclamación o 4 de Maio de 1999. As circunstancias cambian e o tempo demostra que todos os acordos de paz asinados ata agora polos gobernos palestino e israelí, poden selo todo menos fiables.

Yassir Arafat viaxou recentemente por Europa e visitou os EEUU en busca de apoios para o recoñecemento internacional dun Estado propio. A xira tivo un resultado ambiguo. Recoñeceuse a lexitimidade da reivindicación dunha Palestina plenamente soberana pero insistiuse, novamente, na necesidade de retardar todo o proceso polo menos ata o ano 2000.

Un dos motivos principais dese retraso é a próxima celebración das eleccións lexislativas en Israel o 17 deste mesmo mes. Pero, por unha causa ou por outra, o goberno de Netaniahu ven pospoñendo a implementación do acordado en Wye River de forma continua e permanente dende o momento mesmo da súa firma. Deste xeito ese acordo segue aínda en estado latente e próximo a ser esquecido polos israelíes. Netaniahu pretende capitalizar agora como un éxito persoal o aprazamento acordado pola OLP (Organización para a Liberación de Palestina) e a ANP (Autoridade Nacional Palestina) para un mes despois do previsto, 4 de xuño, un compromiso intermedio entre os que aceptaban a data dada para o vindeiro ano e os que esixían unha inmediata proclamación o 4 de maio. O debate segue aberto e aínda non hai nada en firme. As eleccións marcarán un antes e un despois e será nese intre cando se estabilicen definitivamente as diversas propostas e se marque unha nova data.

A postergación desta proclamación non se debe contemplar baixo un prisma totalmente negativo. É un fracaso de Arafat, quen non ten xa forza suficente para enfrentarse ás discrepancias dentro dos sectores políticos e sociais palestinos, nin ós duros negociadores israelíes que xogan coa vantaxe de contar cun Estado conformado como tal e cunha grande potencia económica
e militar, a máis dos seus apoios a nivel mundial.

Pero os comicios israelíes poden favorecer a posición palestina e de Arafat se cae o goberno do Likud. Netaniahu ndurece de continuo a súa postura e retrocede nos avances acadadosen Wye. As ameazas ós palestinos non decaen e non interesa ceder territorios; esta actitude hostil cara o mundo árabe comprobouse de novo na recén celebrada III Conferencia Euromediterránea.

Con estas premisas iniciais un retraso pode abrir novas oportunidades para, da man doutro goberno, reemprender o camiño do diálogo constructivo e a paz. Este cambio ten visos de suceder en Israel. Unha presión excesiva de Arafat podería provocar reaccións adversas na poboación xudea e un maior respaldo electoral do Likud que, de confirmarse, pode pechar definitivamente toda esperanza a un proceso pacífico e consensuado.