O “divorcio” entre EUA e América Latina

Compre observar o escaso interese que posúe América Latina, en particular o actual desenvolvemento dun importante ciclo electoral hemisférico, dentro da axenda política establecida en EUA de cara á elección da Cámara de Representantes e do Senado pautada para o próximo 4 de novembro. Este estratéxico test electoral para o presidente Barack Obama, tradicionalmente denominado o mid-term, enfocará as perspectivas en clave electoral para os comicios presidenciais estadounidenses de 2016. E nese contexto, América Latina está practicamente ausente dese debate.

Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

Compre observar o escaso interese que posúe América Latina, en particular o actual desenvolvemento dun importante ciclo electoral hemisférico, dentro da axenda política establecida en EUA de cara á elección da Cámara de Representantes e do Senado pautada para o próximo 4 de novembro. Este estratéxico test electoral para o presidente Barack Obama, tradicionalmente denominado o mid-term, enfocará as perspectivas en clave electoral para os comicios presidenciais estadounidenses de 2016. E nese contexto, América Latina está practicamente ausente dese debate.

               O escenario actual confirmaría un clima de paulatino e mutuo distanciamento entre Washington e a rexión. Por tomar algúns exemplos: as relacións con EUA non constituíron un tema político candente nin estratéxico nas polarizadas eleccións presidenciais brasileiras do pasado 26 de outubro, que deron a reelección a Dilma Rousseff. Mesma perspectiva apréciase na reelección de Evo Morales en Bolivia ou no ballotage que se levará a cabo en Uruguai entre a Fronte Ampla e o Partido Blanco. Electoralmente, EUA e América Latina semellan decididos a “pregar bandeiras” e seguir camiños distintos.
 
               De cara aos comicios lexislativos estadounidenses, América Latina aparece como un tema marxinal. A única perspectiva de atención cara a rexión pode concentrarse nos esforzos do Partido Republicano por fortalecer as expectativas de candidatura presidencial 2016 para o senador cubano-americano Marco Rubio (43 anos), un aspecto que moi seguramente polarizará calquera aproximación política de Obama cara o tema cubano.
 
               Son cada vez maiores as presións dos lobbies empresariais estadounidenses por  acabar co embargo contra Cuba vixente desde 1962. Esta perspectiva afiánzanse ante as expectativas de que China, Rusia e Brasil tomen a iniciativa dentro dos investimentos estranxeiros establecidos na Zona Económica Especial de Mariel,  impulsada dentro do proceso de reformas económicas que leva a cabo o goberno de Raúl Castro desde 2008.
 
               Por outra banda, a Iniciativa Trans-Pacífico impulsada por Obama a partir de 2011, e que ten como baluarte hemisférico á Alianza para o Pacífico creada en 2012 por México, Colombia, Perú e Chile, aparece como a maior garantía de interese para Washington dentro da súa política hemisférica.
 
O obxectivo xeopolítico desta estratexia de Obama apunta claramente á contención de China e a súa implicación hemisférica como socio estratéxico, particularmente a través dunha potencia emerxente (Brasil) e de actores enerxéticos relevantes (Venezuela e Bolivia), sen menoscabar a histórica relación que une a Beijing con Cuba, e que cobra na actualidade unha importante dimensión de carácter económico e comercial. Paralelamente, China aparece como un inversor estratéxico de cara á ampliación da terceira dársena da Canle de Panamá, prevista para 2016, así como o socio maioritario na construción e desenvolvemento da Canle de Nicaragua, proxecto que espera materializarse a partir de 2017.
 
Outros asuntos, como os problemas da inmigración ilegal e do narcotráfico (particularmente dende México) ocupan unha atención periférica dentro do debate electoral estadounidense. Con todo, as crises exteriores (guerra contra o Estado Islámico, tensións con Rusia) tampouco semellan desprazar a atención dun electorado polarizado pola depresión causada pola persistente crise económica, aderezada nas derradeiras semanas por unha crise sanitaria motivada pola expansión do virus do Ébola.
 
Este “divorcio” mutuo entre EUA e América Latina, ausentes ambos como prioridades estratéxicas das súas respectivas axendas políticas e electorais, define o curso dunha inédita etapa na relación hemisférica. Está por ver se este escenario pulsará os dilemas da potencia hexemónica (EUA) e as expectativas das potencias emerxentes (Brasil, China).