Artigo oririxinalmente publicado no "Nós Diario", 2 de maio do 2025
Xeopolítica Eurasia

O ensino da Xeopolítica desde a Economía

A xeopolítica, entendida como a disciplina que estuda a disposición do espazo e o seu impacto político, evolucionou desde o seu enfoque tradicional ata converterse nun campo multidisciplinar. Un campo que, segundo recollen diversos estudos, inclúe a interrelación entre políticas públicas, economía e dinámicas globais. Desta maneira, os novos enfoques sobre a xeopolítica tratan de reflectir a crecente complexidade das relacións internacionais e a interdependencia dos Estados nun contexto globalizado.

Ademais de analizar factores xeográficos e militares, a xeopolítica moderna examina as implicacións económicas dos conflitos internacionais, as políticas comerciais e as tensións entre potencias emerxentes e tradicionais. Nun contexto como o actual de incerteza internacional, a educación desempeña un papel estratéxico ao capacitar as novas xeracións para comprender as complexidades xeopolíticas e económicas.

Xeopolítica e economía: unha relación interdependente

Un dos aspectos centrais da xeopolítica constitúeo o estudo da relación entre poder político e control de recursos. Así, autores como Robert Gilpin subliñaban nas súas obras como os Estados buscan maximizar o seu poder económico a través das relacións internacionais, cun enfoque que axuda a comprender a interconexión entre as decisións xeopolíticas e as consecuencias económicas.

Historicamente, potencias mundiais como Gran Bretaña no século XIX ou os Estados Unidos no XX empregaron a súa influencia política para garantir o acceso aos recursos estratéxicos. Na actualidade, fenómenos como a globalización intensificaron estas interdependencias, promovendo a integración económica e a cooperación internacional. Con todo, as tensións xeopolíticas contemporáneas, como as sancións económicas impostas a países como Rusia ou Irán, ou as derivadas da guerra arancelaria, evidencian como as decisións xeopolíticas afectan directamente ás economías nacionais, ao benestar cidadán e, en definitiva, á estabilidade global. Por este motivo, o papel no xogo da economía mundial de países como os pertencentes aos BRICS debe ser froito de análise. Entre estes países, nas últimas décadas adquiriu especial relevancia o caso de China e o seu modelo de industrialización, que levou ao país asiático a gañar peso en economías como a española, tal e como recolliamos no ensaio recentemente publicado e titulado ¿Chiña? La Asociación Estratégica Integral España-China XX aniversario. Mais a relevancia deste actor mundial tamén se fixo patente nos últimos anos noutras economías europeas, americanas e incluso africanas. Ademais, as crises sanitarias -como a do Sars-Covid19-, as crises enerxéticas -como a xerada pola guerra na Ucraína- ou a loita polas materias primas -nos últimos tempos centradas nas terras raras- subliñan a vulnerabilidade das economías fronte ás dinámicas globais.

images 4

A importancia de incluír a xeopolítica nos currículos educativos

Esta situación fai evidente a necesidade dunha análise crítica e informada sobre as implicacións das políticas internacionais no desenvolvemento económico local e global. Por iso, a educación en xeopolítica debe ofrecer aos estudantes ferramentas para comprender a complexidade da realidade mundial e promover solucións innovadoras que equilibren intereses locais e globais. Integrar a xeopolítica nos plans de estudo é esencial para preparar aos cidadáns para enfrontar un mundo cada vez máis interdependente. Neste sentido, cómpre non esquecer que o poder brando exercido desde a educación permite aos Estados proxectar valores, moldear perspectivas e habilidades dos cidadáns e influír internacionalmente. É dicir, que a educación actúa como un instrumento xeopolítico.

A relevancia da xeopolítica para a formación dos estudantes

Un exemplo práctico de como a educación pode ser unha ferramenta para fortalecer a cooperación global constitúeo a mobilidade estudantil e a colaboración internacional entre institucións educativas. A inclusión da xeopolítica coas mobilidades no ensino non só contribúe á comprensión do mundo globalizado, senón que tamén fomenta competencias clave como o pensamento crítico, a resolución de problemas e a intelixencia emocional. Estas habilidades son fundamentais para abordar desde unha perspectiva integradora e colaborativa situacións complexas, como cambios sociais, crises económicas e conflitos internacionais e adaptarse aos constantes cambios do contexto internacional.

Xadrez 1