O modelo exterior

Todos os observadores e analistas coinciden á hora de sinalar que o debate territorial, é dicir, a re-definición dos equilibrios entre o poder central e as comunidades autónomas, en especial, as nacionalidades históricas, vai concentrar boa parte da reflexión política que viviremos ata a celebración dos comicios lexislativos e sen que aí se esgote. Na configuración do estado autonómico avanzouse moito, pero non é un proceso acabado, nin no que ten de autonómico nin no que poida ter de estatal. E nas diferentes formulacións que se propugnan, de Euzkadi a Catalunya, cómpre dicir que ninguén aposta polo de agora pola ruptura do estado, aínda que as propostas de reparto competencial varíen substancialmente en intensidade.

Un dos pes esenciais dese debate territorial é o modelo exterior, é dicir, como en tempos de globalización poden actuar os poderes políticos existentes en cada unha das autonomías para mellor defender os intereses que representan. As reflexións apuntan en dous camiños. Primeiro, as autonomías reivindican maior presencia e participación na definición e representación da política exterior do estado. As autonomías son estado e este debe recoller as proxeccións individualizadas cando adquiran certo peso innegable e mesmo contar con posibilidades efectivas de discutir a mala calidade do servicio diplomático e consular español en diferentes latitudes e que moitos dos nosos emigrantes, por exemplo, padecen a cotío. É un debate que xa se deu en relación coa participación en Europa. A súa negación non silenciou nada senón que fixo medrar a súa dimensión reivindicativa.

Segundo, a representación directa no exterior. As autonomías non soamente o son en España, o son no mundo e nos tempos que vivimos resulta inconcibible pensar que se poden erguer valados que impidan unha presencia leal, coordinada, complementaria e reforzadora da actuación estatal. Sen dúbida, a existencia dun problema nacional en España distorsiona totalmente este debate, que en tantos outros lugares está perfectamente asumido. Hai uns meses me contaba un galego de Guadalajara que o estado mexicano de Jalisco dispoñía dunhas vinte "embaixadas" no exterior e ninguén ousaba reprender esas iniciativas por que eran necesarias e permitían gañar eficacia na proxección exterior dos múltiples intereses que conformaban esas comunidades, en primeiro lugar, as propiamente empresariais.

Sorprendeume que o novo tripartito catalán non crease unha consellería de acción exterior. Barallouse esa posibilidade en tempos de Pujol, moi activo na proxección internacional de Catalunya, e Esquerra simpatizaría abondo coa idea. En Galicia, as oficinas de representación en Bos Aires ou Florianópolis, aínda que cun perfil politicamente baixo, son unha realidade dende hai tempo; e Anxo Quíntana, portavoz do Bloque, reivindica a designación de "embaixadores" naqueles entornos que estratexicamente revistan interese para Galicia. Nós contamos cunha enorme presencia exterior dende hai moito tempo, labrada a pulso e concretada nesa demografía emigrante que non podemos nin debemos desaproveitar cando todos os pobos e nacións do mundo procuran internacionalizarse para mellor garantir a súa supervivencia. Precisamos capacidade e impulso político para implicalos activamente nun país que non pode renunciar a acompañar coas debidas garantías as esixencias internacionalizadoras de piares clave das súas estructuras máis elementais, da empresa á cultura.