O noso grande tradutor

O volume “Verbas Atlánticas”, a compilación de poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro recentemente editada pola Fundación que leva seu nome, pon de manifesto a condición do natural de Corcubión como o noso grande tradutor. A edición de Laura Linares Fernández, coidada no detalle, precisa e rigorosa en todos os seus extremos, realza as habilidades e a calidade estética dun Plácido tan fiel ao sentido orixinal como esforzado na adaptación creativa á nosa lingua.

Liñas de investigación Paradiplomacy
Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

O volume “Verbas Atlánticas”, a compilación de poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro recentemente editada pola Fundación que leva seu nome, pon de manifesto a condición do natural de Corcubión como o noso grande tradutor. A edición de Laura Linares Fernández, coidada no detalle, precisa e rigorosa en todos os seus extremos, realza as habilidades e a calidade estética dun Plácido tan fiel ao sentido orixinal como esforzado na adaptación creativa á nosa lingua.

Certamente, a condición de tradutor é unha das dimensións mais sobresaíntes de Plácido Castro, de quen habería que destacar tamén a súa faceta de xornalista ou a militancia galeguista. Ao longo da súa vida despregou as súas inquedanzas e saberes en numerosos campos, acomodándose ás circunstancias que lle tocou vivir, especialmente a partires da guerra civil, o exilio e o retorno. Pero dende os primeiros anos en Escocia ata os seus derradeiros días en Cambados, a paixón pola poesía e a tradución acompañouno sempre e nela destacou cunha brillantez que sorprende con cada lectura.

Non hai fronteiras non obstante entre os varios Plácido. Cabe significar que en plena ditadura, nas súas colaboracións literarias para os xornais, obrigatoriamente escritas en castelán, sen embargo, facía as traducións de autores estranxeiros directamente ao galego e así eran reproducidas. Entón, como agora acontece aínda con algúns xornais, cando o galego se expresa no campo da literatura, non é problema. Aí enclaustrado, está ben.

A sensibilidade poética de Plácido maniféstase nesta obra. Moi especialmente na segunda parte, a que recolle a tradución de As Rubayiat de Omar Kayyam, mais tamén na primeira, cunha longa ringleira de poetas favoritos entre os que cabe citar a Thomas Hardy, Walter de la Mare, John Masefield, Yeats ou Christina Rossetti, a quen acostumaba comparar coa nosa Rosalía de Castro.

O compromiso coa lingua galega nunca supuxo en Plácido un conflito. El, que dominaba varias linguas e sobre todo aquel inglés aprendido no Reino Unido dende moi novo, recoñecía na nosa fala a súa lingua de orixe perfectamente capaz, por outra banda, de expresar os mais complexos sentimentos e saberes ditados noutras linguas. A contradición idiota que a algúns lévalles a contrapoñer galego e inglés, poñamos por caso, nunca tivo en Plácido acubillo algún. Todas merecíanlle respecto.

Reunir a obra poética traducida completa, como fixo Laura Linares, permite dignificala e poñela en valor. Así, estas “Verbas Atlánticas” constitúen un acto de xustiza con Plácido e tamén evidencia o tamaño da débeda que Galicia ten contraído con el. Esa reparación agarda.