O “novo” Oriente Próximo

Unha visualización dos recentes acontecementos en Oriente Próximo e, particularmente, das alianzas que se tecen o tenor dos mesmos, dan a entender unha inédita configuración de pesos e contrapesos (algúns deles sumamente curiosos) pero que definen en qué medida a marcada atomización está (re)confeccionando o mapa rexional, particularmente ilustrado pola profusión de diversos intereses externos. Vexamos, por exemplo, as dúas principais crises de actualidade na rexión, sendo estas a guerra en Siria e o golpe militar en Exipto. Unha aproximación inicial explicaría que, en gran medida, o que sucede nestes países ten mais incidencia e dependencia dos factores e intereses externos que dos seus propios actores internos.

 
Apartados xeográficos Middle East
Idiomas Galego

Unha visualización dos recentes acontecementos en Oriente Próximo e, particularmente, das alianzas que se tecen o tenor dos mesmos, dan a entender unha inédita configuración de pesos e contrapesos (algúns deles sumamente curiosos) pero que definen en qué medida a marcada atomización está (re)confeccionando o mapa rexional, particularmente ilustrado pola profusión de diversos intereses externos. Vexamos, por exemplo, as dúas principais crises de actualidade na rexión, sendo estas a guerra en Siria e o golpe militar en Exipto. Unha aproximación inicial explicaría que, en gran medida, o que sucede nestes países ten mais incidencia e dependencia dos factores e intereses externos que dos seus propios actores internos.

 

Tomemos, por tanto, os intereses de países involucrados nestas respectivas crises, como son EUA, Israel, Turquía, Arabia Saudita, Catar e incluso Irán, e cómo os seus intereses gravitan en torno aos actores internos dentro do respectivo país en crise(1). No caso exipcio, a Irmandade Musulmán (IM); o seu deposto presidente Mohammed Morsi; o xeneral golpista Fatah al-Sissi e a Consello Supremo das Forzas Armadas (CSFA) E, no caso sirio, o réxime de Bashar al Asad; os rebeldes e opositores, agrupados ou non, dentro do Exército de Liberación Sirio (ELS), entre os que igualmente pódense identificar aos grupos yihadistas radicais, algúns deles ligados a unha sucursal rexional de Al Qaeda entre Siria e Iraq.

Podemos incluso identificar outros actores que, dependendo do contexto, implícanse como factores internos e esóxenos. Son estes, principalmente, dous movementos islamitas: o libanés Hizbulá, implicado directamente na crise siria a favor do réxime de Bashar al Asad: e o palestino Hamás, con maior incidencia en Exipto a favor da IM.

Cando es “amigo” ou “inimigo”?

Por tanto, as crises exipcia e siria explícanos unha curiosa secuencia de alianzas, moitas delas converxentes e contrapostas dependendo dos intereses involucrados. Por exemplo, o goberno turco de Recep Tayyip Erdogan e do partido islamita AKP amosase pro-Morsi e favorable á Irmandade Musulmá, absolutamente contrario ao golpe militar exipcio (Turquía ten millonarios investimentos no Exipto post-Mubarak durante o breve goberno de Morsi), pero amosa a súa frontal oposición ao réxime de Bashar al Asad.

Pola súa banda, EUA e Israel amosan unha posición quizais mais homoxénea, característica dos seus intereses estratéxicos, aínda que levemente (ou aparentemente)  menos cohesionadas dentro do golpe exipcio. O presidente Barack Obama deixou entrever certa “inquietude” co golpe a Morsi e a “ruptura democrática” en Exipto sen esconder claramente a súa tácita complacencia co golpe militar, cuxa natureza beneficia obviamente a Israel. No caso sirio, actualmente Obama impulsa unha operación militar “punitiva” contra o réxime de Bashar al Asad, posición tan diametralmente converxente cos intereses israelís.

Mentres Turquía fai unha curiosa concreción de intereses con EUA e Israel no caso sirio, contradín claramente eses intereses no caso exipcio. Curioso: esa aparente “benevolencia” de Obama con Morsi (escasamente probable ante a evidencia do tácito apoio estadounidense ao golpe militar) facía causa común cos apoios de “inimigos irreconciliables” para EUA e Israel, como son Irán e Hamás, notorios aliados de Morsi e da IM.

Vexamos, agora, os casos de Arabia Saudita e Catar. Ambos apoian loxística, financeira e ata militarmente aos rebeldes sirios, incluso é posible que ata a algún grupo yihadista. En Siria, estas “petromonarquías” van da man de EUA, Israel e Turquía. Pero o escenario cambia diametralmente no caso exipcio. Catar, como Turquía, apostou pola vía de Morsi e da IM, polo que o golpe militar (tacitamente avaliado por EUA e Israel) supuxo unha perda xeopolítica para este emirato dentro do complicado xadrez exipcio.

No caso saudita, a caída de Morsi supón un triunfo para os intereses de Riad, quen observaba ao modelo islamita da Irmandade Musulmá como unha referencia e un perigo potencialmente estratéxico de persuasión de demandas de cambio político para as masas árabes, en particular ante o déficit democrático e de dereitos humanos no país saudita.

Logo está Irán, curiosamente (ou cautelosamente) distante destas crises que afectan a súa contorna xeopolítica. Como no caso turco, Morsi e a IM iniciaron a mediados de 2012 un achegamento cara Teherán que inquietou aos militares exipcios, toda vez Irán é o principal bastión de apoio xeopolítico para o réxime sirio de Bashar al Asad. Por tanto, a caída de Morsi e un eventual cambio político en Damasco (con o sen bombardeos de EUA e dos seus aliados) supoñen notables perdas para Teherán.

Seguimos a secuencia cos casos de Hizbulá e Hamas, dous movementos herdeiros do islamismo político nado en Exipto coa Irmandade Musulmá a partir de 1928 e, posteriormente, amparados polo apoio iraniano a partir da década de 1980. Hizbulá mobiliza aos seus adeptos para defender ao réxime de Bashar al Asad en Siria, mentres que Hamás amosou un inesperado distanciamento co seu outrora benefactor sirio para apostar fortemente por Morsi.

Curiosamente, durante a súa breve presidencia, Morsi e a IM pediron publicamente unha especie de “yihad” contra o réxime de Bashar al Asad, tomando como referencia a tradicional represión do clan al Asad contra os islamitas sirios, posición que foi apoiada por Hamas mais non polo Hizbulá. Ante isto, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) xa amosou publicamente o envío de militantes para loitar a favor do réxime de Bashar al Asad en Siria, acusando ó mesmo tempo a Hamás de “traizón”.

Resta o estraño papel dos grupos yihadistas e da eventual conformación dunha rede de Al Qaeda entre Siria e Iraq. As ameazas de bombardeos de Washington contra posicións de al Asad son igualmente observados por estas células radicais como unha medida disuasoria e indirecta, interpretando así o plan de guerra de Obama como unha “ameaza directa” contra eles. Non obstante, e curiosamente, algúns destes grupos ben puideran obter apoio loxístico por parte de aliados de Washington como Arabia Saudita e Catar.

O líder de Al Qaeda, o exipcio Zaywan al Zawahiri, culpou ao deposto presidente Morsi e á IM de non levar a cabo unha “yihad” en Exipto, razón que segundo el explicaría o golpe militar. Un golpe que igualmente afecta os intereses da rede Al Qaeda no Magreb e no Sahel. Un caso particular: a península do Sinaí, unha territorio aparentemente fora de control onde pululan grupos yihadistas, criminais e contrabando de todo tipo, foi un espazo de intercambio para Hamás e á IM.

Neste sentido, a atomización xeopolítica e política rexional da a entender outro escenario inquietante e confuso: unha cada vez mais intensificada loita de poder entre os movementos islamitas e os grupos yihadistas por mobilizar ás masas árabes, e como esta loita igualmente beneficia aos intereses externos, principalmente para EUA e Israel. Exipto e Siria son dous exemplos claros deste escenario.

En definitiva, o “novo” Oriente Próximo corresponde a un confuso labirinto de curiosas e ás veces inexplicables alianzas, contrapesos e intereses cuxa matriz interpreta  a atroz atomización e desintegración rexional. Da mesma, os únicos globalmente beneficiados parecen ser EUA, Israel e moi probablemente Arabia Saudita. Quizais aquí estea configurándose un novo “triángulo” de poder cuxa finalidade básica é  confeccionar un novo mapa rexional.



(1) Como referencia sobre este “novo” Oriente Próximo e as súas complexidades xeopolíticas pode consultarse o editorial de Jeune Afrique “Idées simples sur l´Orient compliqué”, Nº 2.447, do 1º ao 7 de setembro de 2013.