O pasado a xuízo

América Latina está sentando un histórico precedente, orientado a someter ante a xustiza aos responsables do seu pasado mais doloroso e recente. A semana pasada comezou en Bos Aires un inédito xuízo contra os responsables do macabro Plan Cóndor que, durante as décadas de 1970 e 1980 e orquestrado baixo o amparo de Washington, permitiu a coordinación represiva das ditaduras de Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Paraguai, Perú e Uruguai, na persecución e eliminación de opositores.

Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

América Latina está sentando un histórico precedente, orientado a someter ante a xustiza aos responsables do seu pasado mais doloroso e recente. A semana pasada comezou en Bos Aires un inédito xuízo contra os responsables do macabro Plan Cóndor que, durante as décadas de 1970 e 1980 e orquestrado baixo o amparo de Washington, permitiu a coordinación represiva das ditaduras de Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Paraguai, Perú e Uruguai, na persecución e eliminación de opositores.

A primeira fase deste histórico xuízo analizará a desaparición de 106 persoas, sendo a maioría cidadáns uruguaios pero tamén chilenos, paraguaios, bolivianos, arxentinos e peruanos, que foron desaparecidos polos mecanismos de represión de ditaduras como as de Jorge Videla na Arxentina, Augusto Pinochet en Chile, Alfredo Ströessner en Paraguai e as xuntas militares de Brasil e Uruguai.

Precisamente, entre os 25 acusados desta primeira fase xudicial figura o propio Videla, de 87 anos, pola súa implicación como presidente da xunta militar arxentina entre 1976 e 1982. Así mesmo estarán como acusados o ditador arxentino Reynaldo Bignone, de 85 anos, quen goberno a xunta militar entre 1982 e 1983; e o ex militar uruguaio Manuel Cordero. Videla e Bignone xa cumpren prisión por outros delictos dos que son acusados, en particular a desaparición física de opositores e os roubos de bebés,  fillos deses desaparecidos. Calcúlase que só na Arxentina, a ditadura militar entre 1976 e 1983 causou mais de 30.000 civís mortos ou desaparecidos.

Paralelamente, e aínda que tentativamente posposto, Guatemala abrirá nas próximas semanas un xuízo igualmente histórico. O ex ditador militar Efraín Ríos Montt, de 86 anos e actualmente baixo arresto domiciliario, acudirá ante o tribunal polas acusacións na súa contra de xenocidio de poboacións indíxenas e delictos contra a humanidade cometidos durante o seu réxime entre 1982 e 1983.

A Ríos Montt se lle acusa de practicar a política de “terra arrasada” contra aproximadamente 1.800 indíxenas da etnia ixil no departamento de Quiché, por presunta colaboración coa guerrilla guatemalteca. Por tanto, será o primeiro xefe de Estado dese país centroamericano en ser xulgado por xenocidio e crimes contra a humanidade.

O xuízo a Ríos Montt se realiza no contexto da presidencia de Otto Pérez Molina, líder do Partido Patriota, ex militar graduado na tristemente célebre Escola das Américas, centro amparado pola polémica Doutrina de Seguridade Nacional estadounidense a partir de 1946 e da que saíron personaxes clave do Plan Cóndor, como os militares arxentinos Roberto Viola e Leopoldo Galtieri e o ditador boliviano Hugo Bánzer.

Precisamente, Pérez Molina tivo mando de tropa no departamento de Quiché na década de 1980, escenario que hoxe ocupa o xuízo contra Ríos Montt. Neste contexto, o actual presidente guatemalteco chegou incluso a recoñecer publicamente dos “excesos” cometidos  nesa época, aínda que desestimando a acusación de xenocidio. Así e todo, a presión das ONGs, da Corte Interamericana de Dereitos Humanos, da ONU e doutros gobernos estranxeiros, principalmente europeos, que estudan as matanzas ocorridas nesa época, persuadiron obviamente a Pérez Molina a apoiar o xuízo contra Ríos Montt.

Calcúlase que o conflito armado interno que viviu Guatemala desde 1954 (ano da caída por golpe da CIA do goberno progresista de Jacobo Arbenz) e ata 1996, causou case 200.000 civís mortos. O proceso de democratización non solucionou, de forma inmediata, a impunidade xudicial. Por exemplo, Ríos Montt foi figura política clave da Fronte Republicana Guatemalteca (FRG), partido hexemónico entre 1990 e 2004. Incluso, o propio Ríos Montt foi presidente do Congreso e puido sortear o marco constitucional para ser candidato presidencial en 2004.

Ambos casos, o da xustiza arxentina co Plan Cóndor e o xuízo en Guatemala contra Ríos Montt, certifican en qué medida América Latina quere pechar unha páxina tristemente célebre da súa historia contemporánea. Un ciclo de represión e crimes amparados pola implicación de Washington a través das ditaduras militares e das oligarquías que as apoiaron. Consolidada nas derradeiras dúas décadas unha transición democrática non exenta de tensións reaccionarias, América Latina busca enxuizar un pasado que espera non volva a repetirse.