O PSD portugués contra un orzamento neoliberal do PS!

O Partido Socialista de José Sócrates presentará este venres un orzamento digno aos ollos dos intereses financeiros internacionais. Avanzará con decisión no camiño apuntado desde a máis descarnadamente neoliberal UE de todos os tempos e o FMI. Institución esta última que, curiosamente, nada di do Estado con máis peso no seu seo, os Estados Unidos, que están a optar por unha vía diferente da europea, teoricamente a errada.

Apartados xeográficos Europe
Idiomas Galego

O Partido Socialista de José Sócrates presentará este venres un orzamento digno aos ollos dos intereses financeiros internacionais. Avanzará con decisión no camiño apuntado desde a máis descarnadamente neoliberal UE de todos os tempos e o FMI. Institución esta última que, curiosamente, nada di do Estado con máis peso no seu seo, os Estados Unidos, que están a optar por unha vía diferente da europea, teoricamente a errada.

Sócrates opta, pois, por liderar a redución dun dos estados do ben estar máis fracos de toda a UE, a fin de que as entidades de, entre outros, algúns dos países máis ricos da UE teñan garantías de que irán cobrar en tempo e forma. Será necesario recordar que esas son as mesmas entidades responsables da crise e da súa expansión internacional? Será preciso lembrar que recibiron axudas públicas? A opción non lle debía saír barata en termos políticos. De feito, o 24 de novembro está convocada unha folga xeral que gaña adhesións cada día que pasa e os inquéritos que se van publicando auguran unha caída notable do PS. Isto por non falar dos graves problemas de descohesión social que cabe augurar e que, de feito, xa están na base da activación dun rexionalismo no norte cunha forza sen precedentes.

Mais, paradoxalmente, o PS non obtería hoxe uns resultados peores dos do seu principal opositor, o PSD, en boa medida polo xogo profundamente hipócrita e perigoso dos últimos días, precisamente en relación ao orzamento. Acontece que cando todo o mundo esperaba un cerrar filas á volta do orzamento, dada a delicadísima situación económica e financeira portuguesa, o líder do PSD, Pedro Passos Coelho, decidiu especular coa posibilidade de non apoiar o documento. O movemento é hipócrita porque de estar no goberno o PSD non proporía un orzamento moi diferente do que presenta o PSD. Sendo un orzamento moi difícil de xestionar en termos políticos para un partido que se di de esquerdas, obedece aos ditados neoliberais internacionais aos que o PSD adhire e que, en todo o caso, non se atrevería a contrariar en maior medida que o PS. E é perigoso porque de non saír adiante o documento, a situación de Portugal sería automaticamente pésima.

O goberno xa adiantou que no caso de o orzamento non saír adiante dimitiría. Aínda que non o fixese, sería un goberno desautorizado e sen unha das ferramentas fundamentais de calquera Estado, de modo que a súa marxe de manobra, nun momento crítico, sería moi reducida. E no caso de dimitir, ou ben se tenta conformar un novo goberno cos deputados actuais, que tería que ser tamén do PS, de forma que se tería avanzado pouco; ou ben se convocan eleccións… Ah! Pero aquí a Constitución portuguesa coloca ao país veciño nun beco sen saída: estando convocadas as eleccións presidenciais para o próximo 23 de xaneiro, non pode haber eleccións lexislativas 90 días antes ou despois. Isto significaría, pois, estar sen novo goberno até o mes de maio.

En boa lóxica, cabe pensar que o PSD acabará apoiando o orzamento de Sócrates, a pesar do que moitos analistas portugueses sostiveron durante esta semana. Resulta asustador, con todo, que tácticas de diferenciamento político ditadas por estratexias electorais poidan levar a situacións tan delicadas mesmo nunha materia como a económica, onde centro-esquerda e centro-dereita son dificilmente diferenciables nestes momentos.

Todo parece valer. A sede dos poucos polo poder non coñece límites. Por iso a billa ha de ser controlada pol@s moit@s.