Nun curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) celebrado en Pontevedra no pasado mes de Xullo, tivemos a oportunidade de reflexionar sobre as dinámicas de integración en dúas realidades socioeconómicas e xeopolíticas, a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e o Mercosur, ben distantes pero cun haber de proximidades, presentes e futuras, igualmente salientable.
A delicadeza do momento que viven ambos procesos é de naturaleza distinta. Mentres, no Mercosur se agudizan as tensións derivadas da crise arxentina, cun Domingo Cavallo que coa mirada posta en Washington califica o Mercosur como unha "pallasada", e dos desencontros entre Buenos Aires e Brasilia, na nosa eurorrexión visualizase ese novo horizonte da Europa do alargamento que incrementará a nosa perificidade e reducirá os fondos comunitarios para o desenvolvemento. Pero en ambos os dous casos afróntanse tesituras trascendentes.
No Mercosur, Brasil e Arxentina, deben decidir se dan un novo salto adiante que vaia máis alá da "diplomacia presidencial" e polo tanto, apostar ou non pola creación de institucións, normas xurídicas, reglas comúns, en definitiva, un novo consenso que nos permita falar de integración real. A confianza entre Arxentina (en xullo eliminou as vantaxes das importacións brasileiras fornte a terceiros paises) e Brasil está practicamente rota. Pero a difícil presidencia de De la Rúa ten como virtude que obriga ás partes a saír da súa indefinición e manifestar claramente se o Mercosur segue a ser un proxecto estratéxico para todos. A sombra do ALCA alarga a súa influencia.
Por outra banda, na nosa eurorrexión estamos a atravesar un ecuador. A creación e desenvolvemento dunha imaxe exterior común semella un imperativo futuro para optimizar ese "plus" de identidade que nos aproxima. Cómpre cultivalo a fondo, especialmente nos eidos menos abordados ata agora (cultura) e nos capítulos de maior proxección futura (dende a política ambiental ata o audiovisual).
Vertebrar esa identidade eurorrexional esixe vontade política das Administracións galega e portuguesa, vencer as resistencias de Madrid e de Lisboa, e, sobre todo, contemplar proxectos de cooperación e alianzas sólidas ante terceiros que poidan transcender o ámbito estrictamente comunitario. Certo que na Asia ou na Africa lusófona poden existir oportunidades, pero é sen dúbida na área latinoamericana donde as posibilidades están máis sementadas e donde mais receptividade e comprensión inmediata poden atopar os nosos sectores económicos máis dinámicos.
Galicia conta nese sentido cun importante capital de relacións na rexión. Ese camiño andado pola nosa acción exterior pode facilitar enormemente o futuro da eurorrexión se nos decidimos en serio a facer de ponte entre Europa e América, non no papel, senón na política real. O Norte de Portugal é o noso aliado nesa estratexia e reforza a potencialidade das nosas limitadas dimensións individuais respectivas.
Pero o reforzamento da identidade común é un requisito indispensable para unha eficaz promoción exterior conxunta.