O valor da axuda

 Xuntanza Congacode, clic para aumentar
En Galicia, o novo goberno, ven de presentar un Plan Director para a Cooperación ao Desenvolvemento que inclúe un compromiso económico importante -que Wolf probablemente desaconsellaría-, pero tamén ven cargado de ideas e principios inspiradores que denotan non soamente convicción, senón un axustado equilibrio entre os obxectivos e a disposición de recursos e que seguramente, sexamos optimistas, moderarían o seu escepticismo. (Foto: A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, presidiu a xuntanza do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento, Congacode, unha das tres comisións de coordinación e asesoramento que aprobaron, o 6 de febreiro de 2006, por unanimidade, o borrador do I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009. ©Conchi Paz/Xunta de Galicia).
 

Martin Wolf reflexionaba recentemente en Financial Times sobre os efectos da duplicación da porcentaxe do PIB que os países ricos dedican á axuda para o desenvolvemento. Desbalde ou oportunidade?, viña a dicir. Fronte aos partidarios do reforzamento da axuda, o autor amosábase escéptico, obviamente coincidindo na retórica cos obxectivos -¿quen pode negar o empeño da palabra na loita contra a pobreza?- e mesmo co carácter irrisorio dos compromisos actuais dos países ricos arredor desta cuestión -¿quen pode afirmar a xenerosidade dos máis desenvolvidos co subdesenvolvemento?-, e sitúa en catro as principais desconfianzas. Primeira, non é crible a transformación no comportamento dos países beneficiarios; segunda, non é imaxinable a xeración de capacidades suficientes para xestionar o incremento das axudas, por mor da fraxilidade mesma das organizacións que deben asumir tan complicado labor; terceira, os criterios de elección e de reparto poden non ser os máis acertados e non é o mesmo optar por privilexiar os máis avanzados dos retrasados que os máis atrasados dos menos avanzados; cuarta, non é a cantidade da axuda o factor principal para reducir as enfermidades ou a pobreza, senón a motivación e o compromiso dos actores, dos gobernos, dos individuos e das empresas.

En efecto, o incremento substancial da axuda, esixida en función da consecución dos Obxectivos do Milenio (ODM), segundo o conceptuado por Nacións Unidas, presenta reservas e hipotecas. Unha que cita o autor é que o aumento desproporcionado pode inducir a corrupción; e se os gobernos non teñen claras as prioridades, podería darse un efecto deslexitimador da propia axuda. En suma, Wolf, que prepara o camiño e os argumentos para contestar as críticas dunha opinión pública que reclama o reforzamento da axuda, tantos nos países desenvolvidos como no resto, o que reclama é menos aumento espectacular, porque pode derivar en caos ou na decepción, e máis reforzamento prudente que poida propiciar melloras duradeiras. Se un analiza os obxectivos e os niveis de compromisos asentados polos principais países en relación ao cumprimento dos ODM, enténdese perfectamente a preocupación de Wolf, columnista do Financial Times, porque sempre está moi por debaixo do recollido como desexable polo informe da ONU sobre a realización dos ODM, de xaneiro do ano pasado, elaborado por Jeffrey Sachs. Especialmente sangrantes son os casos de EEUU e de Xapón.

En Galicia, o novo goberno, ven de presentar un Plan Director para a Cooperación ao Desenvolvemento que inclúe un compromiso económico importante -que Wolf probablemente desaconsellaría-, pero tamén ven cargado de ideas e principios inspiradores que denotan non soamente convicción, senón un axustado equilibrio entre os obxectivos e a disposición de recursos e que seguramente, sexamos optimistas, moderarían o seu escepticismo. Esa concepción, que parte do respecto ás estratexias que cada país en desenvolvemento debe concibir para modernizarse, incorpora aos destinatarios ou beneficiarios, pero tamén a propia sociedade galega e os seus axentes, públicos e privados, aos que cómpre convencer de que o investimento na superación das desigualdades non é despilfarro e que, pola contra, pode contribuír a lograr que esa esixencia moral, económica, social e política que é a redución da pobreza no mundo, poida ser unha realidade crible, ata para os economistas descreídos como Martin Wolf.