Benjamín Netanyahu e Barack Obama durante unha reunión na Casa Branca en maio de 2011”

Obama e Israel: cambio de garda?

Ante a recente reelección presidencial de Barack Obama e coa perspectiva de eleccións parlamentarias adiantadas en Israel para xaneiro de 2013, pódese albiscar a posibilidade dun cambio nas estratéxicas relacións entre Washington e Tel Aviv, tomando en conta as friccións existentes entre Obama e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu durante o período 2009-2012?

Apartados xeográficos Middle East
Idiomas Galego

Ante a recente reelección presidencial de Barack Obama e coa perspectiva de eleccións parlamentarias adiantadas en Israel para xaneiro de 2013, pódese albiscar a posibilidade dun cambio nas estratéxicas relacións entre Washington e Tel Aviv, tomando en conta as friccións existentes entre Obama e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu durante o período 2009-2012?

De forma inédita, Israel foi unha “estrela central” da recente campaña presidencial estadounidense. O candidato republicano Mitt Romney acusou constantemente a Obama de propiciar as tensións e o distanciamento con “aliados fieis” e “estratéxicos” para Washington como Israel. No fondo, o problema enfocábase na necesidade de conter a potencialidade nuclear iraniana, un aspecto que imprimiu á campaña de Romney esa inesperada preponderancia israelí.

O candidato republicano apostou decididamente por atacar a Teherán, apoiando sen miramentos as demandas dun Netanyahu quen, no propio momento das eleccións esadounidenses, non dubidou en anunciar novos asentamentos israelís en Cisxordania e Xerusalén Leste, unha vez o Colexio Electoral anunciara a reelección de Obama.

Benjamín Netanyahu e Barack Obama durante unha reunión na Casa Branca en maio de 2011”Polo tanto, a reelección de Obama e determinados cambios de prioridades na súa política exterior consideran a posibilidade de observar escenarios inéditos na relación entre EUA e Israel. Escenarios non necesariamente subscritos á posibilidade dun distanciamento, actualmente visible, tomando en conta a aparente falta de sintonía persoal e política entre Obama e Netanyahu, pero que tampouco explicarían a posibilidade dun maior achegamento entre ambos líderes, toda vez aumentan as perspectivas de reelección de Netanyahu e da preservación da súa alianza política co ultradereitista e actual ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman.

É o déficit, non a xeopolítica

A visión estratéxica de Obama, cando menos secundada polo Pentágono e o Departamento de Estado, consiste en propiciar un retiro paulatino da presenza militar estadounidense no exterior, así como non “aventurarse” en novas intervencións militares, salvo o caso de Libia (2011) e moito menos nun escenario tan arriscado como Irán. Velaí as paulatinas retiradas militares de Iraq e Afganistán e á parálise e prudencia de Obama para non intervir en Siria. Pero quizais sexan razóns mais ben económicas que xeopolíticas as que obrigarían a cambiar este curso.

Esta visión moi probablemente estea motivada pola cada vez mais imperiosa necesidade de Obama e do Congreso de solucionar o problema do elevado déficit público estadounidense, o cal ameaza con provocar unha bancarrota nas contas públicas a curto prazo. Por tanto, Obama esforzarase mais en alcanzar consensos e pactos  políticos nun Congreso dominado polos republicanos que en ocupar a súa atención en Israel e Oriente Próximo. Isto permitiría a Obama traballar con maior claridade os problemas económicos que tanto peso tiveron na campaña electoral e que monopolizarán a axenda política da Casa Branca para o próximo período.

Neste contexto debe observarse como será a nova ecuación e de equilibrios entre EUA e Israel. O frontal e público apoio de Netanyahu a Romney e a posibilidade de reelección do actual primeiro ministro israelí nos comicios parlamentarios pautados para o próximo 22 de xaneiro de 2013 (curiosamente, dous días despois da toma de posesión de Obama para o seu segundo período presidencial) dirimirán esa nova ecuación entre Tel Aviv e Washington. Sexa que sexa a persoa que ocupe o posto de Secretario de Estado na nova administración de Obama, Israel seguirá sendo un aliado estratéxico pero, curiosamente, pode que xa non irrestritamente prioritario na axenda exterior estadounidense.

O dilema israelí

Obama e diversos círculos de poder en Washington semellan persuadidos a considerar que Israel transita, case inexorablemente, polo sendeiro dun illamento rexional en Oriente Próximo. Resta por ver ata qué punto esta posibilidade afectará os intereses estratéxicos de Washington na rexión. Noutro contexto, unha postura mais decidida e firme de Obama contra o programa nuclear iraniano non semella estipular unha acción militar, cando menos directa, tal e como prometeu Romney e como espera Netanyahu.

Considerar que este eventual distanciamento de Washington persuadiría a cambios profundos nas elites e na sociedade israelí (que poden verse materializados nas próximas eleccións lexislativas dese país) corresponde aínda un escenario incerto e repleto de riscos. Obviamente, Washington non quere “perder” ao seu estratéxico aliado israelí como tampouco semella convencido de seguir respectando e defendendo unhas pautas de relación aparentemente inalterables e que, a todas luces, danan considerablemente a credibilidade de Washington no exterior. Un aspecto, a credibilidade, que Obama publicamente considera imprescindible recuperar.

Se ben a imaxe de Israel segue a ser popularmente aceptada en EUA, así como o lobby israelí segue a funcionar politicamente con eficacia en Washington, os cambios en Oriente Próximo e o custe (político, económico e ata moral) que significa para Washington manter esa inalterable relación con Israel, poden terminar pasando factura. Aparentemente, quen mais perdería nesta nova ecuación é Israel, para quen o apoio exterior estadounidense supón un aspecto primordial da súa seguridade nacional.

Este escenario de desconcerto e incertezas pode abrir a posibilidade de que un Israel politicamente cada vez mais dereitista e dominado polos “falcóns”, síntase persuadido a actuar pola súa conta, con especial incidencia en escenarios particularmente delicados como Palestina, Siria e Irán. Dificilmente calquera administración en Washington terá a capacidade de deter os asentamentos israelís nos territorios palestinos, pero o problema semella ser mais ben interno que externo: os cambios demográficos nas sociedades israelí e palestina e a preservación dun estado de conflitos cos seus veciños, moi probablemente terminarán erosionando a lexitimidade israelí.

Existe a sensación de que, con Obama na presidencia, estaríamos asistindo a a unha serie de cambios demográficos e políticos que definirán o mapa político estadounidense para as próximas décadas, tanto como o seu paulatino declive como potencia hexemónica global. Pero indirectamente, pode que esta perspectiva aínda en cernes igualmente modifique, de forma insospeitada, as tradicionais pautas de relación entre EUA e Israel.