Obama sepulta a “Primavera árabe”

Con vistas ao seu “mid-term” de mandato presidencial, as recentes decisións diplomáticas do goberno de Barack Obama en Oriente Medio non deixan dúbidas sobre cómo a alarmante ambigüidade de Washington co respecto aos cambios políticos na rexión confirma, ó mesmo tempo, a súa escasa capacidade de percepción á hora de acometer os acontecementos rexionais. Todo isto precisamente nunha conxuntura onde Obama esperaba “abandonar” un Oriente Medio inestable para concentrar a súa atención estratéxica en Asia-Pacífico.

Apartados xeográficos Middle East
Palabras chave Obama Oriente Medio Exipto
Idiomas Galego

Con vistas ao seu “mid-term” de mandato presidencial, as recentes decisións diplomáticas do goberno de Barack Obama en Oriente Medio non deixan dúbidas sobre cómo a alarmante ambigüidade de Washington co respecto aos cambios políticos na rexión confirma, ó mesmo tempo, a súa escasa capacidade de percepción á hora de acometer os acontecementos rexionais. Todo isto precisamente nunha conxuntura onde Obama esperaba “abandonar” un Oriente Medio inestable para concentrar a súa atención estratéxica en Asia-Pacífico.

O mellor exemplo é a constatación do aval estadounidense ao golpe de Estado fraguado polo xeneral Fatah al Sissi contra a Irmandade Musulmá acaecido en xullo de 2013, confirmado co seu apoio á recente mascarada electoral que entronizou a al Sissi como novo presidente exipcio. A visita do Secretario de Estado John Kerry o pasado 22 de xuño ao Cairo certifica ese aval de Washington orientado a potenciar o “novo Exipto” dirixido con man de ferro por al Sissi como un peón chave orientado a garantir a preponderancia duns intereses estadounidense laminados polos recentes acontecementos rexionais.

Mentres Kerry eloxiaba a “estabilidade” exipcia, Washington confirmaba a liberación de US$ 575 millóns en axuda militar a Exipto, “conxelados” tralo golpe militar contra o ex presidente islamita Mohammed Morsi. Paralelamente, o novo mandatario al Sissi fortalecía o “estado de sitio” que vive o Exipto desde fai un ano, ao certificar a condena a morte de 183 simpatizantes da Irmandade Musulmá, acusados dun ataque a unha estación policial o ano pasado, así como a prisión para varios xornalistas, entre eles tres correspondentes estranxeiros e outros profesionais da cadea Al Jazeera, así como decenas de estudantes e activistas sociais.

Con isto, Obama desoe as demandas de diversas ONGs e gobernos (entre eles Australia), críticos e activos contra as condenas a morte no Exipto post-golpe e as prisións contra xornalistas e activistas. Se ben Washington “condenou” levemente o golpe contra Morsi en xullo de 2013, case de inmediato fortaleceu a al Sissi no poder, probablemente á espera de concretar en qué medida o estamento militar exipcio podía garantir unha tensa estabilidade. Deste modo, Washington afianzou no Cairo un réxime de “pretorianismo militar” con al Sissi á cabeza, como eventual “novo modelo” para un mundo árabe atomizado pola conxuntura “post-Primavera”.

Non obstante, a ambigua realpolitik de Washington transita con dubidosa visión estratéxica. Resulta evidente que, para Obama, o interese real da súa política exterior en Oriente Medio é fortalecer unha apertura diplomática con Irán, unha perspectiva que, paralelamente, tenta non alterar os seus peóns estratéxicos herdeiros da “guerra fría” (Israel, Exipto), fomentando ó mesmo tempo un toque de atención cara aliados tradicionais (Arabia Saudita, Catar), eventualmente persuadidos a “ocupar” o espazo que gradualmente “abandona” Washington na rexión.  

Contemporizando a incerta apertura iraniana, Obama avala o réxime pretoriano e ditatorial de al Sissi en Exipto coa finalidade de diminuír os roces e tensións establecidos nos derradeiros tempos con Israel e Arabia Saudita, os dous principais benefactores do golpe militar de al Sissi, temerosos do ascendente papel de Teherán na rexión, especialmente fraguado polos contactos iranianos con Morsi así como co primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan.

O “factor Teherán” lle permite igualmente a Obama abrir unha perspectiva de actuación no caótico Iraq, azoutado polo avance das milicias “yihadistas” do Exército Islámico do Iraq e do Levante (EIIL), un aspecto que ó mesmo tempo certifica o fracaso de Washington en pacificar un Oriente Medio cada vez más atomizado, inestable e incerto. Precisamente, a visita a Exipto aduce os temores de Washington por observar un avance xeopolítico do EIIL que poda afectar a estabilidade de aliados en risco de ameaza, como Xordania, polarizado pola masiva presenza de refuxiados sirios así como de palestinos.

Precisamente, as dúas bazas estratéxicas traducidas na apertura iraniana e o apoio ao golpista al Sissi permite a Washington matizar a súa errática actuación en diversos escenarios. Un ten que ver coa súa contrariedade en observar cómo o réxime de Bashar al Asad sigue en pe en Siria, recuperando practicamente o control do país e expulsando a unha dividida plataforma rebelde onde o “factor EIIL” é unha consecuencia máis da propagación rexional da inestabilidade siria.

Para Obama, abrir canais con Teherán é unha perspectiva indirecta no sentido de “conxelar” a tradicional alianza estratéxica entre Siria e Irán, así como garantir o apoio iraniano á hora de conter a eventualidade dun foco islamita en “terra de ninguén” entre Siria e Iraq dominado polo EIIL, que afecte o tenso e difícil equilibrio entre as comunidades sunnitas e xiítas en Iraq.

Paralelamente, a perspectiva de conter ao EIIL significa para Washington fortalecer colateralmente a capacidade “autonómica” do Curdistán iraquí, rico en xacementos petrolíferos e hidráulicos, e que pode ó mesmo tempo constituír un toque de atención cara os receos estadounidenses ante a “nova política exterior” turca cara Irán, China e Rusia, especialmente trala crise de Ucraína e Crimea.

Todo isto repercute na paulatina degradación da atención de Obama cara Oriente Medio, moi probablemente determinada por factores conxunturais (crise no espazo euroasiático) e outros de carácter estratéxico, en particular o ascenso de China en Asia-Pacífico e a potenciación de novas fontes de enerxía, en particular  petróleo de esquisto. Está por ver cómo iso reverterá o contexto de Oriente Medio.

Polo pronto, Obama aposta por gradualmente abandonar a ambigüidade inicial, fortalecendo un réxime ditatorial en Exipto como “modelo” da post-Primavera árabe sen reparar nos seus perniciosos efectos en materia de dereitos humanos e democratización. Con isto, o esforzo por trazar unha política aperturista con Irán ten miras en condicionar unha incerta viraxe xeopolítica para Oriente Medio, con efectos directos e colaterais para Israel, Arabia Saudita e Turquía, e a intención por ilustrar un “lavado de faciana” pouco convincente para Washington.