20071210 bolivia oposicion a constitucion

Obxectivo Morales

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego
 Opositores á nova Constitución de Bolivia; clic para aumentar
Os gobernadores dos catro estados máis ricos "a Media Lúa (Santa Cruz, Pando, Beni e Tarija)", xunto ao de Cochabamba, dedícanse dende entón a chamar á desobediencia civil, á escisión e laian por unha revolta militar que restaure a democracia! (Foto: Os cinco gobernadores opositores á nova Constitución. De esquerda á dereita, Ernesto Suárez Satori (Beni), Rubén Costas (Santa Cruz), Manfred Reyes Villa (Cochabamba), Mario Cossio (Tarija) e Leopoldo Fernández (Pando)).
 

O acatamento por parte do presidente Chávez do resultado no referendo da Constitución parece ser unha boa nova para a democracia mundial, mais non para Bolivia. Coa "inesperada reacción", as poderosas axencias de prensa perderon argumentos contra un dos inimigos da orde mundial, e xa que logo viraron os seus obxectivos contra outro deses indios que devecen por rachar coa ditadura das empresas do Norte en Sudamérica: Evo Morales. Cando o aimará arrasou nos comicios de 2005, o 82% dos recursos xerados polos hidrocarburos bolivianos ficaban nas mans das empresas. O outro 18% no Estado, no pobo. Hoxe acontece exactamente o contrario.

Coma no caso venezolano, as axencias emiten crónicas sobre as eivas do país "non foi Evo quen o fixo o máis pobre de Sudamérica", as violentas manifestacións "só as dun bando" e un presidente tachado de antidemócrata por aprobar un proxecto de Constitución sen a oposición. Porén, esa oposición non acudiu á Asemblea Constituínte en Oruro, ao igual que fixera a venezolana renunciando a combater electoralmente nas lexislativas de 2005.

Os gobernadores dos catro estados máis ricos "a Media Lúa (Santa Cruz, Pando, Beni e Tarija)", xunto ao de Cochabamba, dedícanse dende entón a chamar á desobediencia civil, á escisión e laian por unha revolta militar que restaure a democracia! Hai uns días visitaban Wáshington para denunciar a "ditadura de Evo Morales" na OEA, agarimando ao veciño de enriba fronte á maioría indíxena do país.

E iso que o proxecto de Constitución só prevé unha reelección presidencial "o problema que nos venderon no caso de Venezuela", mais tamén a creación de consellos populares para administrar os recursos públicos e unha maior autonomía para as rexións indíxenas, o que ameaza o poder duns terratenentes que primeiro alporizaron ás insolidarias e racistas clases medias por mor da suposta unilateralidade de Evo e agora proclaman a autonomía das súas rexións traizoando ao Estado.

Para desatrancar a eiva, Morales propón un referendo revogatorio para el, pero tamén para os nove gobernadores. É unha solución dubidosa. Malia que saíse vitorioso, as interpretacións das eleccións son sempre tendenciosas e, ao cabo, o que acontece nas rúas de América Latina adoita ser moi diferente ao que contan as (des)informacións que chegan a estas terras.