20080406 londres nicky gavron e fu ying

Olimpíadas en Pequín

 Nicky Gavron e Fu Ying; clic para aumentar
Xiáng yún é o nome chinés do facho olímpico. Significa: nubes de bos augurios. Non obstante, a xulgar polo recibimento dispensado en varias capitais do mundo desenvolvido, predominan os nubarróns, tanto que ameazan con deslucir seriamente as olimpíadas. (Foto: O embaixador chino en Londres, Fu Ying, fai entrega no estadio Wembley do facho olímpico a Nicky Gavron, tenente de alcalde da cidade, o seis de abril de 2008).
 

Xiáng yún é o nome chinés do facho olímpico. Significa: nubes de bos augurios. Non obstante, a xulgar polo recibimento dispensado en varias capitais do mundo desenvolvido, predominan os nubarróns, tanto que ameazan con deslucir seriamente as olimpíadas. As protestas contra a represión china no Tíbet mobilizan unha ampla e diversa morea de persoas con clara intención de aguar a festa olímpica na que con tanto empeño veñen traballando as autoridades chinesas para presentar ao mundo unha nación moderna e responsable. Hai razón, no meu entender, para esixir máis democracia, maior respecto aos dereitos humanos, máis autonomía e mesmo independencia no Tíbet. Non hai ningunha en reclamar a volta de ningún estado teocrático. Unha cousa é apoiar á sociedade civil tibetana (e chinesa) e outra cousa é secundar o Dalai Lama, un líder relixioso cunha axenda pouco clara e un escuro pasado de conivencia cun réxime indefendible e uns padriños cunhas credenciais democráticas máis que cuestionables.

Pero os problemas nacionais que afronta China son serios de máis como para reducilos a unha cuestión maniquea. Aínda que porcentualmente, as nacionalidades minoritarias non representan máis aló do 8% da súa inmensa poboación, están asentadas en rexións fronteirizas, de grande importancia estratéxica e con notables recursos. En Tíbet, coma no Xingjiang, hoxe funcionan sociedades duais controladas firmemente polos han, a nacionalidade maioritaria que representa o 92% da poboación total de China, reservando postos de representación formal para as nacionalidades minoritarias. O intenso control político e económico reduce as posibilidades de exercicio dun autogoberno real. Mesmo no cultural, a asunción da diversidade adoece dun rancio folclorismo. Pensar que o desenvolvemento impulsado nestas zonas polas autoridades centrais será suficiente para diluír as identidades e reconvertelas en inmensos parques temáticos constitúe un gravísimo erro de cálculo.

Os disturbios de Lhasa e a represión que se exerce no Xingjiang son expresión da incapacidade das autoridades chinesas para imaxinar unha reforma da arquitectura político-territorial do Estado que garanta un novo equilibrio entre autonomía real e lealdade ao goberno central. Se non se avanza por esa senda e con maior flexibilidade, as tensións non decrecerán e a violencia organizada podería asentar de forma inevitable. Esta é unha realidade xa entre os uigures, pero Pequín dispón aínda de capacidade de manobra suficiente para utilizar medidas políticas que relaxen as tensións. Non obstante, debe tomar a iniciativa.

A visión do problema en África, América Latina ou en Asia é moi diferente da expresada nalgunhas cidades do mundo desenvolvido que tantas veces igualamos nese exceso de concepto que chamamos “comunidade internacional”. China atopará aquí máis entendemento ca rexeite, pero será unha pírrica compensación que en pouco axudará a mellorar a súa imaxe. Os dirixentes chineses, no Congreso celebrado en outubro pasado, decidiron dar pasos adiante para afondar na democratización do réxime. Os signos de bloqueo poden comezar polos problemas nacionais, pero seguir coas fondas inxustizas que ensombrecen o inmenso crecemento experimentado nos últimos anos. Ogallá que as olimpíadas fagan reflexionar a todos sobre a urxencia de propor solucións a estes problemas.