2004circo da cooperacion 07por cento 073

Onuescépticos

Apartados xeográficos Others ARCHIVE
Idiomas Galego
 Plataforma 0,7%, clic para aumentar
Parte do debate centrouse na negativa estadounidense a comprometerse co 0,7% do PIB para ser destinado a axuda oficial para o desenvolvemento no horizonte do 2015. Xunto á reforma do Consello de Seguridade, a desvalorización dos Obxectivos do Milenio foron os eixes principais e nos dous o cumio fracasou de forma lamentable. Un fracaso que xa se prognosticaba pero que quedou plasmado en palabras do propio Kofi Annan que admitía sen reparos a súa frustración. (Foto: Circo da Cooperación da Plataforma 0,7%).
 

O último e fundamental Cumio da ONU que tivo lugar entre o mércores e o venres da pasada semana con motivo do 60º aniversario, amosou unha vez máis a imaxe dunha organización internacional que xa se fixo costume nos últimos anos: a dun xigante cos pés de barro, abondoso en boas palabras e mellores intencións, pero incapaz de transformarse en pedra de toque para incidir eficazmente no sistema internacional.

Despois de tres días cargados de tantas expectativas como frustracións, as Nacións Unidas enfrontáronse ás súas propias contradicións: a necesidade de reformar unha estrutura de poder obsoleta pero útil aos seus máis directos beneficiarios, o empeño por promover democratizacións das distintas sociedades cando o seu funcionamento interno de toma de decisións dista moito de ser democrático (véxase o dereito de veto das cinco potencias vencedoras da IIª Guerra Mundial), cun Secretario Xeral que deseña as políticas de actuación pero que non dispón de capacidade de acción efectiva…

Poderíase pensar que o principal obstáculo da ONU é a ONU mesma, ou polo menos esa é a asociación de ideas que EEUU leva anos tentando crear. Esta é quizais a principal das súas contradicións, ¿como camiñar cara a unha efectividade internacional maior cando a superpotencia que máis poder ten dentro dela ten outros plans? EEUU aporta un 25% dos fondos das Nacións Unidas (aínda que é moito o que debe), é unha das cinco potencias con posto permanente e dereito a veto no Consello de Seguridade e, por se fora pouco, hoxe en día é a máis potencia das potencias, é dicir, a que acumula máis poder de negociación no ámbito internacional.

Coa iniciativa de ocupación unilateral de Iraq, a Administración Bush daba a entender que só unha ONU lle interesa, a que convalida e lexitima as súas políticas. Esa é a única cooperación internacional que agarda da ONU. Co polémico nomeamento de John Bolton, onuescéptico declarado, como novo representante estadounidense na institución, a parálise pode estar servida: apoio se apoian, dificultades se dificultan. Bolton presentou nin máis nin menos que 750 emendas ao documento final da Conferencia.

Para EEUU, o desenvolvemento só cabe abordarse no plano comercial e os Obxectivos do Milenio, as premisas aprobadas no 2000 para comprometer á comunidade internacional na loita contra a pobreza, noméanse no documento final pero non van acompañados de medidas concretas que permitan avances substanciais.

Parte do debate centrouse na negativa estadounidense a comprometerse co 0,7% do PIB para ser destinado a axuda oficial para o desenvolvemento no horizonte do 2015. Xunto á reforma do Consello de Seguridade, a desvalorización dos Obxectivos do Milenio foron os eixes principais e nos dous o cumio fracasou de forma lamentable. Un fracaso que xa se prognosticaba pero que quedou plasmado en palabras do propio Kofi Annan que admitía sen reparos a súa frustración.

Tampouco houbo acordo en materia de control nuclear (coa crise iraniana agravándose), nin en materia medioambiental, a pesar das evidencias de cambio climático (das cales o Katrina podería ter sido unha máis).

Si houbo certo avance para a creación dunha Comisión para a Consolidación da Paz, da substitución da Comisión de Dereitos Humanos (conflitiva para EEUU pola participación nela de países como Cuba ou Libia) por un Consello de Dereitos Humanos, e doutras propostas dirixidas a protexer ás sociedades contra posibles xenocidios. Pero sen grandes concrecións.

O resultado final, un documento de mínimos dunhas 40 páxinas sen a penas compromisos, e con polémica adicional ante a protesta de Venezuela, que presentou reservas polo procedemento de adopción: o borrador foi elaborado por só 32 países que logo quedaron reducidos a 15, negándoselle ao resto a posibilidade de formular propostas. Finalmente, foi aprobado por consenso, coa oposición de Cuba e Venezuela. Hugo Chávez, sen moito que perder, vistas as malas relacións que ten con EEUU, non se quedou aí e foi o único líder dos 170 presentes que dedicou duras críticas á falta de democracia e de efectividade da ONU e propuxo o seu traslado a un país que se comprometese coa propia organización e o desenvolvemento humano, en clara desautorización de Washington. Que o seu discurso fose o máis aplaudido é unha proba engadida do devir contraditorio da comunidade internacional que nos cumios deste tipo malamente disfraza de multilateralidade a hexemonía indiscutible de EEUU.