Os dilemas curdos

Deben observarse con atención os eventuais escenarios que pode deparar a actual crise suscitada en Oriente Medio polo avance das milicias yihadistas do Estado Islámico de Iraq e o Levante (EIIL). Tanto como a eventual potenciación dun conflito rexional de carácter sectario, o foco de atención supón albiscar unha hipotética fragmentación territorial entre Iraq e Siria, en particular pola conxuntura que se lle presenta ás ansias independentistas curdas, principalmente enfocadas no Curdistán iraquí, unha entidade separatista de feito que recobra o seu potencial xeopolítico.

Apartados xeográficos Middle East
Palabras chave Iraq Curdistán
Idiomas Galego

Deben observarse con atención os eventuais escenarios que pode deparar a actual crise suscitada en Oriente Medio polo avance das milicias yihadistas do Estado Islámico de Iraq e o Levante (EIIL). Tanto como a eventual potenciación dun conflito rexional de carácter sectario, o foco de atención supón albiscar unha hipotética fragmentación territorial entre Iraq e Siria, en particular pola conxuntura que se lle presenta ás ansias independentistas curdas, principalmente enfocadas no Curdistán iraquí, unha entidade separatista de feito que recobra o seu potencial xeopolítico.

Alén dos conflitos inherentes ao mosaico sectario rexional e das pretensións “yihadistas” por conformar un Califato islámico na rexión, o escenario actual engloba un silencioso pulso de intereses entre actores involucrados, destacando EUA, Irán e Turquía e, indirectamente, Israel e Arabia Saudita. Con todo, a ofensiva do EIIS, ó mesmo tempo que  confirma o fracaso da política estadounidense na pacificación do Iraq da posguerra e dun Oriente Medio cada vez máis balcanizado, implica abrir en consideración unha serie de hipotéticos escenarios, entre elas as expectativas por observar un eventual Curdistán independente.

A toma por parte das milicias yihadistas do EIIL de cidades estratéxicas ao Norte de Iraq como Mosul(1), Samarra, Ramadi, Al Tafar e Falluya, todas elas próximas á fronteira con Siria, motivou unha inmediata reacción militar por parte das milicias curdas “peshmergas” no cometido de afianzar o control en Irbil (capital política e administrativa do Rexión Autónoma do Curdistán iraquí) e Kirkuk, igualmente relevante polo seu potencial enerxético e hidráulico.

Consecuentemente, trala toma da cidade de Al Tafar polo EIIL, as comunidades turcomanas(2) asentadas principalmente nas rexións do Oeste e Norte de Iraq, solicitaron inmediatamente axuda a Turquía, alarmados polo avance yihadista sunnita do EIIS e pola preponderancia dos “peshmergas” curdos nas súas esferas de control territorial.

Tanto o avance yihadista do EIIL como o fortalecemento “militar” dos “peshmergas” curdos pode implicar unha reconfiguración do mapa rexional, que se traduza nunha secesión territorial de feito para Siria e Iraq(3). Neste sentido, é posible que a confusión en torno á crise actual en Iraq motive ao Curdistán iraquí a afianzar aínda máis a súa autonomía con pretensións separatistas, configurando deste xeito un inédito reacomodo xeopolítico en Oriente Medio, en particular de cara ás pretensións independentistas do Curdistán histórico.

Este escenario abarcaría ás comunidades curdas historicamente establecidas de Turquía, Siria, Iraq e Irán, potenciando a hipotética fragmentación territorial do Leste de Siria e do Norte de Iraq como unha especie de “corridor contiguo” curdo(4), cuxas implicacións afectarían os intereses xeopolíticos turcos e iranianos, en particular ante a presenza de numerosas comunidades curdas neses países.

Unha entente EUA-Irán?

Paralelamente, a crise actual semella abrir unha indirecta concreción de intereses “baixo corda” entre EUA e Irán, particularmente establecidos trala oferta de Teherán de axudar ao contrariado goberno iraquí liderado polo primeiro ministro Nourri al Maliki, á hora de conter o avance das milicias yihadistas do EIIL(5), maioritariamente conformadas por militantes sunnitas, e onde obsérvase unha prolífica militancia estranxeira, principalmente por parte de musulmáns europeos e doutros países árabes.

Abrindo unha xanela de cooperación co atribulado goberno iraquí, Teherán espera preservar o predominio xiíta ante calquera eventualidade de fragmentación territorial iraquí, incluso contemporizando a eventual radicalización das comunidades xiítas en Iraq, especialmente do Consello Supremo Islámico e do seu brazo armado, as Brigadas Badr, apoiadas dende Teherán por medio da poderosa Garda Revolucionaria Islámica.

Toda vez, Washington observa esta conxuntura como unha oportunidade para confirmar os plans aperturistas de Obama cara Irán, impulsados principalmente trala elección presidencial a mediados de 2013 de clérigo moderado Hassán Rouhaní e o acordo nuclear de Teherán co G5+1 alcanzado en novembro pasado, que aliviaron as sancións internacionais contra o país persa.

Con todo, tamén existe un interese xeopolítico chave, particularmente dirixido cara Turquía, tomando en conta o súbito e recente reposicionamento xeopolítico turco a favor de Rusia (trala crise de Crimea) e a intensificación dos contactos de Ankara con China e Irán, principalmente en materia económica e enerxética. Por tanto, a eventualidade dun Curdistán independente ao Norte de Iraq supón para Turquía un sutil "toque de atención" enviado por Washington, a tenor do recente distanciamento turco con Occidente.

Non obstante, Teherán acusou esta semana a Washington de presuntamente propiciar un conflito sectario en Iraq, particularmente aducindo a ambigüidade de Obama á hora de axudar ao goberno de Bagdad, un aspecto que intensifica as contrariedades e ambivalencias de Washington unha vez acelerara a súa retirada militar de Iraq desde 2012, así como o fracaso da súa política de estabilidade e pacificación rexional.

Todo isto coloca á actual crise motivada pola súbita ofensiva yihadista do EIIL, principalmente tralo seu control de Mosul, como o hipotético motor dunha serie de estratexias e acontecementos orientados a potenciar unha reconfiguración xeopolítica de Oriente Medio. Neste perspectiva, os dilemas irredentistas curdos acometen unha conxuntura repleta de riscos e incertezas que, ironicamente, pode resultar decisiva para as súas pretensións soberanistas.

 

 

 

           



(1) Detrás da súbita ofensiva do EIIS en Iraq existen diversas especulacións, particularmente trala toma da estratéxica cidade de Mosul, rico en xacementos petrolíferos e enclavada no Curdistán iraquí. Unha análise sobre os presuntos intereses occidentais detrás da ofensiva do EIIS pode consultarse no artigo de CHOSSUDOVSKY, Michael, “The Enginereed Destruction and Political Fragmentation of Iraq. Towards the Creation of US Sponsored Islamist Caliphate”, Global Research (Canadá), 14 de xuño de 2014. Ver en: http://www.globalresearch.ca/the-destruction-and-political-fragmentation-of-iraq-towards-the-creation-of-a-us-sponsored-islamist-caliphate/5386998

(2) A turcomana é unha comunidade turcofalante, de afiliación sunnitas e xiíta, asentados entre Iraq e Siria desde o século VII. Se contabilizan en aproximadamente 400.000 habitantes, un 13% da poboación iraquí, e contan coa representación política da Fronte Turcomana Iraquí, apoiada dende Turquía. Esta perspectiva intensifica os temores de reactivación dun conflito sectario en Iraq.

(3) Cobran aquí incidencia a presunta continuidade de plans xeopolíticos establecidos no pasado, principalmente por parte de Israel, para propiciar unha “balcanización” de Oriente Medio, particularmente debilitando aos Estados árabes, a fin de preservar a integridade estatal e os intereses xeopolíticos de Israel. Neste sentido, son especialmente significativos o denominado “Plan Yinon” (1982), establecido en plena guerra do Líbano, e concibido polo xornalista israelí Oded Yinón, con notable influencia no Ministerio de Exteriores israelí. Este plan prefiguraba unha hipotética fragmentación territorial de Siria, Iraq e Líbano a tenor das rivalidades sectarias e relixiosas, a necesidade de “domesticar” un Exipto como minoritario socio estratéxico israelí, así como a presunta “inviabilidade” de Estados como Xordania, Libia ou Sudán. Para consultar o “Plan Yinon”, acceder ao enlace: http://cosmos.ucc.ie/cs1064/jabowen/IPSC/articles/article0005345.html . Igualmente, recoméndase consultar o artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto, “Desmontando o ‘triángulo árabe”, IGADI, 22 de agosto de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/desmontando-o-triangulo-arabe

(4) No apartado dun eventual Curdistán independente con foco na Rexión Autónoma Curda do Norte de Iraq, compre consultar o artigo do xornalista estadounidense Seymour Martin Hersh, escrito en 2004 trala caída do réxime de Saddam Hussein en Iraq, sobre a presunta cooperación militar e loxística israelí aos “peshmergas” curdos e milicias do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK en curdo) a fin de eventualmente configurar un “Estado tapón” curdo entre Siria e Iraq, fronteirizo con Turquía e Irán, potenciais rivais xeopolíticos israelís que veñen mantendo un achegamento xeopolítico nos derradeiros anos. Se ben Turquía foi o primeiro Estado islámico en recoñecer a Israel (1949) e en manter unha relación militar estratéxica (a partir de 1996), os roces de Tel Aviv co goberno islamita turco de Recep Tayyip Erdogan (no poder desde 2002), especialmente pola ofensiva militar en Gaza (2008-2009) e o ataque á flotilla turca a Gaza (2010), ben poden motivar a Israel a fortalecer os seus lazos de cooperación co Curdistán iraquí. Para consultar o artigo de Seymour M. Hersh, acceder ao enlace: http://www.newyorker.com/archive/2006/11/27/061127fa_fact?printable=true. Sobre as conexións entre Israel e o PKK, igualmente recoméndase consultar o artigo de ALI, Othman, “Possible Consecuences of Israel-PKK Union”, accesible en: http://www.todayszaman.com/news-257074-possible-consequences-of-pkk-israeli-unionby-othman-ali*.html. Igualmente, desde 2003, pouco despois da caída do réxime de Hussein en Iraq, proliferaron os contactos entre o Curdistán iraquí e Israel, especialmente en materia de cooperación económica bilateral (principalmente agrícola), así como diversas fontes aseguran unha intensificación da presenza do servizo de intelixencia israelí, o Mossad, no Curdistán iraquí desde 2013. Para maior información, consultar: “El Mossad aumenta presencia en el Kurdistán iraquí”, HispanTV, 28 de febreiro de 2013. Ver en: http://hispantv.com/NewsPrint.aspx?id=215334

(5) Segundo a consultora Soufan Group, entre 2.000 e 3.000 europeos, principalmente musulmáns de orixe árabe de Francia, Bélxica, Alemaña e Gran Bretaña, combateron desde 2011 no conflito sirio, ao lado das milicias yihadistas do EIIS. Todo isto sen engadir outros “yihadistas” provenientes de EUA e Australia, así como a preponderancia de combatentes de Arabia Saudita, Marrocos, Catar, Libia e Tunisia. Desde 2011, o EIIS recibiu apoio loxístico e financeiro de Arabia Saudita, Catar e Turquía no cometido de acabar co réxime de Bashar al Asad en Siria. Para maior información, consultar o enlace do Soufan Group: http://soufangroup.com, así como o artigo “Siria incuba el huevo de la serpiente”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 983, 9 de xuño de 2014, páxina 5.