liam fox set2004

Os espidos de Europa

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Liam Fox, clic para aumentar
Así as cousas, na Gran Bretaña, que se encargará da presidencia da Unión Europea nos próximos meses cun agarimo comparable ó que o lobo amosou por carapuchiña, non agochan o entusiasmo. "Xa non practico a medicina pero cando vexo un cadáver, recoñézoo" di Mr. Liam Fox, o responsable para asuntos exteriores do partido conservador británico botando terra sobre o asunto. Mentres, en Italia, nun alarde de estupidez, a Liga fala de propoñer un referendo sobre a volta á lira, que se engancharía ó dólar. George Bush choutará de alegría. E con tanto pirómano é difícil conservar a casa intacta. Esperamos que a revisión crítica nos axude a facer unha Europa máis democrática.
 

É coma se holandeses e franceses nos deixaran espidos. De que nos ridiculizaron como a un conxunto de votantes aborregados e faranduleiros, que nos movemos ó son dun frautista de Hamelín que cambiou a frauta por un discurso mediocre e sen fondo, que todos aplauden e votan. A falla de discusión e reflexión sobre a
Constitución europea no exemplo español, camiñou en paralelo coa euforia coa que se vendía un resultado acrítico e unidimensional da victoria do si. España con Europa! Somos os primeiros! E agora qué? Agora o fracaso é de Europa, non é noso.

Tal vez esta sexa unha solución rápida pero non é nin sincera nin amosa unha análise profunda. De feito, se a maioría negativa se impón nestes países, é de supoñer que había razóns de peso para criticar a adopción deste documento, que aquí parecían sen importancia, non se valoraban na xusta medida, ou se trataron de forma neglixente.

A consulta "bendito sexa polo menos poder contar con ela" era importante en primeiro lugar, para poder concienciar á poboación sobre o que é Europa "á que se culpa de tódolos males", e dos seus beneficios. Pero o medo ó fracaso e á responsabilidade de ser o primeiro en dicir "non", se era o caso, pasou a factura. E niso os franceses e francesas foron máis valentes. Non se pode dicir que o seu coñecemento da constitución fose maior. Pero si se deron unhas condicións que xamais se permitirían aquí.

Por exemplo, no país galo o desgaste dos líderes dos meirandes partidos foi clave, unhas veces por falla de personalidade ou por erosión no exercicio do poder, tamén, porqué non dicilo, por falla de eficacia na xestión que non é o mesmo que dicir que gobernasen mal, o que é discutible. Ata aquí todo normal. Pero a isto sumouse, unha maior variedade de opcións e de revisións críticas no eido ideolóxico, de esquerda a dereita, e unha menor presión da disciplina de partido que nin de lonxe se atopa nas nosas terras.

De feito, os partidos políticos españois "salvo en casos contados de baróns privilexiados" son cárceres ideolóxicas para aqueles que aínda conservan un pouco de idealismo político, e de ansias de cambio e renovación. Por tanto, nun partido coma no outro, só lles queda o camiño da renuncia ó cargo, da dimisión e da ruptura en publico do carné de partido, para poder chamar dunha maneira fuxidía e efémera a atención dos medios de comunicación e facer causa. Iso si, os que renuncian a unha "hipotética" carreira política, gañan por uns instantes a admiración de tódolos seus paisanos, e van formar parte do esquecemento.

Pero tanto en Francia coma en Holanda, países con forte presión migratoria, a oposición á adhesión de Turquía, os problemas de integración e fortes taxas de inseguridade cidadán tiveron un rol preponderante. En Holanda, o problema é maior no sentido que houbo unha perda de confianza nas virtudes da inmigración. Pero amais, nalgúns países agóchase unha Europa acomodada que non quere nin oír falar dunha perda de calidade de vida, en favor da solidariedade, sexa do tipo que sexa.

Se a isto se lle suma a opacidade dun comité de "sabios" que case ninguén coñece ou ninguén se lembra de coñecelos, que propoñen establecer unhas regras que modificarán a orde establecida, sen garantías dunha gobernación democrática e onde non se sabe o que se pode perder, ultrapasamos os límites do que algúns estados membros da UE están dispostos a conceder.

Por se fose pouco, con gobernos desgastados de dereita, o debate diríxese cara unha política de esquerda. E deste xeito se producen os ataques contra o que se cualifica de imposición dunha Europa neo-liberal. A dereita gobernou durante moitos anos, sen máis achegas europeístas que o despropósito do Tratado de Niza, que non parece convencer a case ninguén. E estes mesmos gobernos criticaron o pobre avance dos gobernos de centro esquerda de Mitterrand, Felipe González, Prodi, etc.

O medo ó sacrificio dos restos do estado do benestar, ás ultimas liquidacións das empresas "petardo" de Estado "ás que dunha maneira ou outra se lles insufla diñeiro de estraperlo" ou a demonización dunha excesiva intromisión e intervencionismo das políticas comunitarias, son fáciles de xestionar nunhas sociedades civís cansas sempre do mesmo prato.

Así as cousas, na Gran Bretaña, que se encargará da presidencia da Unión Europea nos próximos meses cun agarimo comparable ó que o lobo amosou por carapuchiña, non agochan o entusiasmo. "Xa non practico a medicina pero cando vexo un cadáver, recoñézoo" di Mr. Liam Fox, o responsable para asuntos exteriores do partido conservador británico botando terra sobre o asunto. Mentres, en Italia, nun alarde de estupidez, a Liga fala de propoñer un referendo sobre a volta á lira, que se engancharía ó dólar. George Bush choutará de alegría. E con tanto pirómano é difícil conservar a casa intacta. Esperamos que a revisión crítica nos axude a facer unha Europa máis democrática.