O repugnante golpe infrinxido pola masacre do 11 de setembro ten desencaixada a política internacional. Comeza a percibirse como se estende, por todo o corpo da humanidade, unha paseniña limitación de movementos que restrinxe a democracia e anquilosa o pensamento. ¿É o prezo necesario para acabar co terrorismo ou só unha estratexia do conservadorismo de EEUU?
O mundo enferma, a democracia está doente, a información enchufada a máquina da única análise, as respostas internacionais condicionadas polo filtro de Bush "ou estades con nos ou estades cos terroristas" e a guerra tornase tan invisible como os mortos do Word Trade Center.
O líder único, avalado polo feito de ter sido o principal agredido e humillado o 11-s dicta o camiño e nos conduce á guerra entre a máis grande coalición internacional de todos os tempos contra dun dos países máis pobres da face da terra, gobernado pola intolerancia dos estudiantes da relixión aos que EEUU adestrou e financiou durante a ocupación soviética de Afganistán. ¿É a guerra a única dirección posible na que desprazarse? ¿Estabiliza ou desestabiliza o polvoriño de Oriente Medio? ¿Estamos certos que esta guerra mingua a posibilidade de futuros atentados?¿Xa non é eficaz a diplomacia do dólar?
Ningún fin, ningún obxectivo, ningunha causa, por nobre que sexa… xustifica a perda dunha soa vida. Esta era ata o 11 de setembro a teimosa liña argumental que precedía a descualificación de calquera análise das causas latentes nos actuais conflictos no mundo.
Mais a plasticidade moral e a elasticidade na coherencia das teses defendidas polos dirixentes mundiais e os profesionais máis relevantes dos grandes medias, que saturan de análises e furtan a información para administrala en medidas doses, virou na semana posterior ao 11-s: A guerra abriuse agora como o único camiño posible.
Nunha sorpresiva reviravolta argumental, nada sorprendente por certo para quen coñeza minimamente a política internacional, utilizouse o dereito á lexítima defensa como xustificación da oportunidade da guerra. Pero a guerra… é a guerra. Ten como única meta a destrucción, a morte e a derrota do adversario. ¿O obxectivo da erradicación do terrorismo xustifica o exterminio de vidas inocentes?¿Esta causa nobre merece que perdan vidas civís, anciáns, cooperantes da Cruz Vermella, nenos…?
O terrorismo do S.XXI coa súa anacrónica barbarie ten a rara habilidade de amordazar os argumentos dos defensores dos dereitos humanos, dos traballadores polo diálogo, dos que percuran resolución pacífica dos conflictos, dos que buscan unha nova orde mundial máis xusta e solidaria; e servir en bandexa a iniciativa social aos ultraconservadores que axiña sucumben a tentación de recortar liberdades e atopan na razón da forza a mellor solución, sabedores de que as voces críticas, en momentos de crise, corren o risco de seren interpretadas o intencionalmente asociadas como de cómplices traidores.
Así aconteceu cos Demócratas no capitolio, onde non quixeron correr este risco e votaron a favor de ampliar e reforzar o poderes do presidente republicano. Mesmo aceptaron un sensible recorte das liberdades individuais consagradas como a maior singularidade da democracia norteamericana. Non é doado enfrontarse ao presidente con maior índice de popularidade da historia dos EEUU, un 90%.
Non abonda con que se condenen os atentados do 11-S como "’abominables e salvaxes", hai que aplaudir sen fisuras os ataques e silenciar os eufemísticos "danos colaterais". O chamamento do presidente Hugo Chávez para que cesen as mortes de civís, portando nas súas mans fotos de nenos afgáns abatidos polos indiscriminados ataques norteamericanos, significou a fulminante chamada a consultas da embaixadora dos EEUU en Caracas, Donna Hrinak.
Cando transcorreran tres semanas de continuos bombardeos sobre afganistán, os ministros de asuntos exteriores reunidos en Luxemburgo o 29 de outubro, comentaron a crecente impopularidade que as perdas civís estaba a causar na opinión pública europea, pero non se atreveron a cuestionar a liña estratéxica de Bush, convencidos de que agora xa non é posible a marcha atrás.
Son moitos os coñecedores do mundo islámico que dubidan de que do éxito desta operación bélica dependa poder extirpar definitivamente o terrorismo internacional. A propia operación cirúrxica que pretendeu ser fugaz no tempo e hixiénica, tanto en danos como en obxectivos, comeza a infectarse en plena intervención e supura excrecións incompatibles coa sensibilidade democrática e o respecto á vida.
Nin siquera a fortuna en dólares coa que se puxo prezo a cabeza de Ben Laden, semella garantir que poida ser capturado algún día, tal como recoñeceu o secretario de defensa Donald Rumsfeld.
A guerra da información tampouco marcha por bo camiño. Así A Voz de América que emite para Oriente Medio, a penas consiguen o 2% dos oíntes e goza dun desprestixio xeneralizado ata o punto que os dirixentes norteamericanos premen sen tregua para saír nas emisións de Al Iazira, a televisión árabe con máis audiencia. A guerra mediática no Oriente Medio, tampouco leva o rumbo previsto.
A ineficaz precisión das bombas intelixentes con alomenos catro "erros" ou "danos colaterais" recoñecidos polo Pentágono nun hospital, unha mesquita, un fogar de anciáns e un posto da cruz vermella…deu paso todo o arsenal de material de guerra clásico, na busca da eficacia de guerra e non da precisión.
As cegas bombas de fragmentación (cluster boms) que unha vez lanzadas se dividen en duascentas pequenas bombas de 1,5 kg, ábrense paso empurradas pola impaciencia dos humillados, en medio das crecentes críticas pola pouca eficacia da primeira potencia militar do mundo. Segundo a Comisión de Dereitos do Home das Nacións Unidas este tipo de bombas GBU-87 E GBU-89, xa utilizadas no Vietnan e no Kosovo, resultan moi perigosas tanto se estoupan como se permanecen intactas tras da caída- aproximadamente o 10% delas- , xa que se converten en minas antipersonais (MAP) que explosionan co simple contacto. Aínda que non están prohibidas legalmente, nin siquera os EEUU asinaron a Convección de Otawa que elimina as MAPs, existe lexislación internacional que limita a utilización de armas clásicas que poidan golpear indiscriminadamente a combatentes e a poboación civil.
Ata o caritativo lanzamento de alimentos dende o aire, que precedeu a chuvia de bombas non logrou fuxir da polémica e foi duramente criticado polo correspondente da revista británica Independente, Peter Pohman. Denunciou a irresponsabilidade de deixar caer alimentos sobre un país con 10 millóns de minas terrestres esparexidas por todo o Agfanistán, que poden estoupar ao contacto dos alimentos co chan, ou ao achegárense os civís para recoller o maná caído do ceo. En todo caso os 37 mil paquetes de comida diarios, nunca poderían compensar as 150 mil toneladas que deixaron de repartir as organizacións vencelladas á ONU, nin van saciar minimamente ás necesidades de máis de 5.000.000 de famélicos afgáns ao borde da desnutrición por mor dos vinte anos de guerras internas e os tres anos de seca.
Os tumores producidos polos impactos dos avións na Torres Xemelgas na saúde democrática do mundo son malignos e teñen difícil prognóstico curativo. O Presidente George W. Bush ven de recibir o respaldo da cámara de representantes para promulgar unha Lei Antiterrorista que outorga maiores poderes ao goberno federal e restrinxe a fiscalización xudicial. As vixilancias, as intervencións das comunicacións, as investigacións secretas, as retencións de inmigrantes sospeitosos durante sete días….teñen xa vía libre. Semellantes atropelos só atoparon a resposta das organizacións de dereitos humanos como Amnistía Internacional ou Human Rights Watch (HRW) que, alarmados pola existencia de máis de 1000 detidos, máis sen cargo algún, e supostamente relacionados coas investigacións do 11-S, inmediatamente respostaron: "Os cidadáns, estadounidenses ou non, teñen dereito a non ser detidos de forma arbitraria ou indefinida..deberíamos defendernos do terrorismo reforzando a defensa das liberdades que ten caracterizado este país".
Na simplista e esquemática cruzada do ben contra do mal, nin todos os inimigos son musulmáns, nin está todos máis alá do Misissippi. Os febles argumentos da identificación dos inimigos da cultura occidental cos radicais islámicos caeu por terra cando se apuntou a grupos internos da ultradereita norteamericana como instigadores dos casos de Ántrax que teñen aterrorizada a poboación. A raia que divide o Mc Mundo e o da Djihad de Ben Laden, diluíuna o Ántrax reforzando as veladas sospeitas de moitos analistas que sempre coidaron precisa a colaboración interna para levar a diante atentados tan complexos.
Estamos en tránsito cara novas fases do pensamento e das relación internacionais.
Nin a caída do muro supuxo a fin da historia como profetizou Francis Fukuyama, nin estamos diante do choque de civilizacións do que nos falou Samuel Huntington na primavera do 93, nin a globalización económica supuxo a fin das crises económicas e a diminución das desigualdades.
Esta nova fase debe saír do consenso internacional, da análise da desigual situación social do planeta, das realidades económicas, do respecto á diversidade, do compromiso solidario internacional.
¿Pode liderar esta nova fase de construcción o país que nin se comprometeu coa creación dun Tribunal Penal Internacional, nin asinou o protocolo de Kioto, ni a eliminación das Minas Antipersonais de Otawa, nin o Tratado de Mísiles Antibalísticos, nin a convección sobre armas biolóxicas, nin o redactado na conferencia internacional sobre o racismo, ou sobres a transparencia bancaria dos paraísos fiscais…
¿Poden encadrarse entre os socios da operación "Liberdade Duradeira", países que se caracterizan por unha férrea dictadura ou como fornecedores de inxentes recursos para a propagación do extremismo islámico como Arabia?
¿Teñen credibilidade suficiente os EEUU que apoiaron os golpes de estado de Irán e Irak do 1981 ou do 68, para logo demonizar a Khomeini e Sadam Husein?
¿Por que perseguir agora ao monstro Osama Ben Laden, creado e alimentado nos laboratorios da CIA, se Al Qaeda xa figuraba na lista das organizacións terroristas dende 1999 como responsable , entroutros atentados os cometidos en 1998 contra das embaixadas de Nairobi, Kenia, Tanzania…ou o do 1993 contra das mesmiñas Torres do World Trade Certer.?¿Por que non se intentou derrocar aos Talibáns cando exerceron impunemente a violencia contra o pobo afgán?
¿Non se estarán misturando outros intereses estratéxicos da zona como o control das rotas da droga, o gas e o petróleo? ¿ Está en xogo nesta contenda a "Guerra dos oleoductos", que pretende traer enerxías fósiles dende o Caspio ata os mercados europeos e asiáticos? ¿Estase aproveitando a traxedia para abrirse oco nunha zona estratéxica ás costas de China e Rusia?
Primeira compre separar os egoístas intereses xeoestratéxicos dos EEUU dos da batalla de todos os demócratas do mundo contra do terrorismo. Dotar de autoridade a aqueles países que no contexto internacional se teñen significado polo respecto a vida e aos dereitos humanos. Reforzar os acordos internacionais para o control de capitais, para a cooperación científica, para a eliminación de armas… Penalizar aos países que dificulten os acordos internacionais sobre o respecto á vida.
Crear un foro internacional que estudie as diferencias económicas e os abismos entre os niveis de vida deste mundo unipolar. Dar cabida a todas as concepcións dende o respecto á biodiversidade cultural e á igualdade no acceso aos recursos.
¿Sería unha inxenuidade encargarlle esta tarefa a ONU?. Quizais si, pero ninguén como ela tan autorizada para facelo.