OTAN: ¿máis forte ou máis feble?

A finais da pasada semana, a OTAN celebraba en Bruxelas o izado das bandeiras dos seus sete novos membros. O avance cara o leste inclúe a países como Romanía, Bulgaria, Eslovenia, Eslovaquia, e os tres bálticos: Estonia, Letonia e Lituania. O número de membros da OTAN pasa de dezanove a vinteseis no que sen dúbida debe ser cualificado como unha ampliación histórica que asenta o vello polo da guerra fría nos territorios dos seus antigos inimigos da Europa central influenciada pola extinta URSS.

Medido nestes termos, o éxito da Alianza ninguén pode discutilo. Non obstante, cabería entender que, en primeiro lugar, o que se afianza con esta ampliación non é tanto o trunfo da OTAN na guerra fría, unha das lecturas reais e posibles desta nova situación, como a consagración do dominio de EEUU sobre o continente europeo. E aquí está un dos principais talóns de Aquiles da nova estructura. É ben certo que os sete novos membros foron aliados de EEUU na guerra contra Iraq, pero nin hai garantías de que isto vaia a ser sempre así no futuro, nin resolve o problema do fondo, as discordancias con algúns dos seus principais aliados, Alemaña e Francia, e quizais mesmo España no inmediato futuro. A prensa alemana, sobre todo, reflexionaba estes días a propósito da nova situación, destacando o feito de que a participación de novos membros pode contribuír a revitalizar a OTAN, pero que a aboca a vivir situacións realmente imprevisibles, na medida en que medra a sensación de que ninguén se vai limitar a ser mero observador senón que abundan os voluntarios para actuar como participantes activos.

Son moitos os que quixeran esa autonomía dos países europeos e son moitos os tradicionalmente decepcionados porque os líderes europeos sempre acaban baixando a cerviz ante os imperativos categóricos da Casa Branca. A OTAN gaña en forza, mesmo cando os países de novo ingreso son economicamente menos desenvolvidos e cun poder militar limitado que nos próximos anos tenderá a reforzarse da man da axuda de Washington. Esa liña de actuación quebrará a expectativa de imaxinar unha Europa que actúe noutra dirección, afastada das lóxicas belicistas e implicada en estratexias de desactivación de conflictos implementando políticas que vaian mais alá do mero esquema do fortalecemento da seguridade, é dicir, con diplomacia preventiva, con cooperación ao desenvolvemento, con intercambio cultural, etc., actuando sobre esas frontes de desesperación e impotencia nas que medra o terrorismo. Velaí a significación de Europa nunha orde multipolar.

¿E Rusia? Despois de opoñerse e negociar medidas compensatorias que recoñezan a súa condición de potencia europea, cun diálogo directo con Bruxelas e unha nova relación económica baseada na exportación das súas materias primas, especialmente petróleo e gas, Moscova, qué remedio, acabou por aceptar o ingreso dos bálticos que deixa a súa fronteira noroeste totalmente descuberta ante a OTAN. Os intentos de calmar ao Kremlin, tanto por parte de Colin Powell como polo secretario xeral da OTAN, De Hoop Scheffer, atoparon terreo fecundo na diplomacia pragmática de Putin, consciente do seu limitado poder militar e estatal.

Un derradeiro aspecto a considerar é o da toma de decisións, a partir de agora mais complexo, na medida en que no Consello sempre se funcionou coa regra da unanimidade, na que cabe agardar matices en función da naturaleza e entidade das decisións a adoptar.

En suma, que con ser histórica a ampliación non o serán menos os desafíos que debe enfrontar a OTAN, dende a súa simple coordinación ata o desenvolvemento das súas relacións e mecanismos internos para levar adiante a súa estratexia de presencia e dominio global.