A vitoria do antigo comandante da UCK (o Exército de Liberación de Cosova), Hashim Thaci, nos comicios lexislativos e municipais celebrados o pasado sábado en Cosova, podería preanunciar a independencia inminente e o peche do ciclo histórico que, en boa medida, liderara o moderado Ibrahim Rugova, falecido en 2006, á fronte da Liga Democrática, formación que agora quedou en segunda posición co 22% dos sufraxios.
Thaci, co 34% dos votos, debe liderar o tramo final das negociacións con Belgrado e coa troika ou grupo de contacto mandatado pola ONU (Estados Unidos, UE e Rusia), un remate que se anunciaba especialmente duro, pero que agora reduce aínda máis as posibilidades dun horizonte de entendemento. Se hai escasas semanas a idea da independencia semellaba recuar, a vitoria de Thaci e o seu Partido Democrático deixa lugar a poucas dúbidas: de non haber acordo antes do 10 de decembro, despois de oito anos de administración polas forzas internacionais da MINUK, haberá proclamación unilateral da independencia e Washington será dos primeiros en recoñecela, seguido da maioría dos estados europeos. Thaci, probable xefe dun goberno que podería formar en coalición coa Liga Democrática, sumarase en Europa á longa ringleira de líderes de nova xeración proestadounidenses e escasamente comprometidos cunha vocación europeísta que vaia algo máis alá do monetario. Outra pica en Flandes.
No destacable, o mapa político cosovar complétase coa derrota do movemento de Veton Surroi, que non superou a barreira do 5%, e a irrupción da Alianza para unha nova Cosova, que lidera Behxhet Pacolli, cun 12%, e unha ampla vitoria na capital, Pristina, onde quedou en segunda posición superando, cun 24% dos votos, ao PDK de Thaci. Este millonario, que algúns consideran unha especie de Berlusconi albanés, fixerase famoso no seu día por redecorar o Kremlin en tempos de Boris Ieltsin. Hoxe lidera a terceira forza.
Con estes resultados, Belgrado e Moscova teñen a batalla perdida e de pouco valerán as súas resistencias, aínda que teñan "consecuencias". Serbia apostou polo boicot aos comicios (a comunidade serbia tiña reservados 20 postos no Parlamento, dun total de 120), que certamente rexistraron unha elevada abstención (60 %), pero probablemente está máis relacionada coa miseria e o desencanto de amplas capas da poboación que levan anos pagando un alto prezo pola "estabilidade" co risco de que se produza unha explosión social, ca cun hipotético seguimento da súa consigna. Non é o caso das comunidades serbias do norte, onde se apreciou con claridade e onde tamén boicotearon de forma absoluta os comicios municipais, dando como resultado a elección de alcaldes albaneses escasamente representativos e que terán serias dificultades para exercer o cargo.
Este martes, en Viena, nunha nova rolda negociadora, todo quedou como estaba, á espera de novos axustes na composición política da comisión cosovar en función dos resultados do sábado, pero a troika afrontará serias dificultades para integrar a palabra "compromiso" no vocabulario de Thaci e facerlle asumir, como mínimo, a necesidade dunha prórroga nas negociacións para facilitar un acordo. O próximo luns 28, retomaranse de novo os contactos, pero antes do 10 de decembro semella imposible acadar unha solución pactada e cabe imaxinar que despois tampouco. Os albaneses rexeitarán a hipótese dun interminable enredo diplomático. Aínda que se hoxe Thaci é quen de compartir goberno cos herdeiros de Rugova "cousa que non será doada á vista do respectivo historial de longo enfrontamento", hai quen non perde a esperanza de que pasando a páxina da rivalidade partidaria tamén queden atrás outras promesas maiores, independencia incluída, a cambio de xenerosas ofertas económicas externas.