Palestina: Nin pan… nin auga

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego

A complexidade é un factor presente en todos os conflictos do mundo da posguerra fría. Son moitas as variables que debemos tomar en consideración e non poucas as interconexións mutuas que as vencellan entre si complicando todo labor tanto de identificación das claves principais como de búsqueda de solucións duradeiras. O Oriente Próximo constitúe un claro exemplo desta situación. Nesta rexión son moitos os problemas que están conectados entre sí. Non pode observarse o conflicto palestino-israelí ailladamente senón englobado dentro do árabe-israelí e tomando en consideración os múltiples intereses que converxen na zona, tanto hexemonicos de Israel como neocoloniais (Estados Unidos, Rusia, Unión Europea, etc).

Menos evidentes sen embargo son outras claves, a miudo mergulladas nos tira e afrouxa de tan duras e interminables negociacións. O control dos recursos hidraulicos presentes na zona constitue unha variable estratexica de importancia decisiva se pretendemos comprender o por qué das reiteradas negativas de Israel para proceder á devolución dos territorios ocupados segundo o acordado en Oslo. Son moitas as causas, pero unha das máis importantes é o control da auga.

O control israelí deste ben tan prezado e escaso en Oriente Próximo é case absoluto. Moitos dos conflictos existentes nas zonas fronteirizas con Siria, Líbano ou Xordania, veñen producidos pola auga. Se Israel, por exemplo, non está disposto a deixa-los Altos do Golán, non é soamente por cuestións estrictamente políticas ou militares senón esencialmente pola riqueza de auga limpa existente neste territorio (cómpre sinalar que, por regra xeral, a auga desta rexión adoita ser de baixa calidade e alta salinidade).

Cos palestinos acontece outro tanto. A loita política e militar está influida por unha cuestión de carácter xeográfico e estratéxico. Se observamos un mapa dos territorios ocupados podemos comprobar como Israel está presente nos lugares máis altos, de mellor acceso, mellor comunicados e por suposto nos máis ricos, máis fértiles e onde maiores son as opcións de obter auga. De feito, Israel cubre co West Bank o 40% das súas necesidades deste recurso. É neste momento cando debemos preguntarnos cal é a variable dependente e cal a independente: ¿a auga ameaza a estabilidade política e a paz ou o non haber estabilidade política é por causa da auga?

Nas negociacións cos palestinos, Israel parte da premisa de non ceder zonas consideradas clave por ser ricas en recursos hidraulicos. Se analizamos a ubicación das zoas cedidas no novo acordo de Wye River podemos comprobar que ise 13% non afecta a ningunha zoa rica; tratase dunha parte do territorio considerada como non esencial. Ademáis, coa esixencia de que un 3% sexa declarada zoa verde ou reserva natural, os israelís tratan de impedir que os palestinos teñan acceso á auga que discurre subterráneamente.

Pero hai máis. Non existe ningún asentamento israelí que careza de auga mentres que carecen dela aproximadamente o 51% dos territorios ocupados polos palestinos do West Bank. Os xudeos consumen cinco veces máis auga, pero os palestinos deben pagala ó dobre do prezo. Os pozos permitidos teñen unha profundidade máxima á que non chega a auga apta para o seu uso mentras que pozos, canais, desviacións,… dos israelís fan palidecer pola súa tecnoloxía e nivel de explotación.

A grandes liñas, isto pode clarificar un pocuo a situación e fai ver como a Autoridade Naciponal Palestina non o ten nada doado no momento de negociar, aínda asumindo que os israelis teñan boa vontade para entregar os territorios. Unha vontade falsa pois existe a premisa inicial de que ningún territorio clave, importante ou explotable, debe ser cedido baixo ningún concepto. A auga, na antigüidade e agora, segue sendo un ben moi prezado e esencial para a vida e a conservación dun pobo; aínda que este pobo sexa o de Israel.