A paradiplomacia, entendida como a parte da acción internacional gobernamental levada a cabo por parte de gobernos rexionais ou locais, creceu de maneira constante nas últimas décadas sendo xa un compoñente fundamental á hora de entender as relacións internacionais ¹.
A pesar de que cada vez hai máis estudos sobre este fenómeno de crecente importancia, o certo é que os estudos académicos sobre a paradiplomacia ata as últimas décadas se centraran case exclusivamente no uso de ferramentas de acción paradiplomática por parte de gobernos occidentais ², ignorando o emprego destas por gobernos doutras partes do mundo.
No caso chinés, o aspecto da importancia da paradiplomacia nas relacións exteriores do país foi estudado máis a fondo na última década ³ ⁴. O estudo desta presenta múltiples diferenzas respecto ao comparativamente máis desenvolvido análise do rol da paradiplomacia en países de Europa e Norteamérica. O principal motivo que explica estas diferenzas son as distincións básicas entre o sistema administrativo subnacional chinés e os dos países occidentais.
Características da política local chinesa
A descentralización dun país é un dos factores que vai determinar canto de independente vai ser a axenda das administracións locais á hora de empregar as ferramentas de acción internacional que teñen á súa disposición e a maneira na que as van empregar en primeiro lugar ⁵, polo tanto entender o sistema administrativo local chinés é fundamental para entender o funcionamento e rol que xoga a paradiplomacia nas relacións internacionais da RPC, e entender as diferenzas que esta presenta comparada coa presente en países da OCDE.
China está dividida en 34 divisións de nivel provincial: 23 provincias, 4 municipios (Beijing, Chongqing, Shanghái e Tianjin), 5 rexións autónomas (Guangxi, Mongolia Interior, Ningxia, Tíbet e Xinjiang) e 2 rexións administrativas especiais (Hong Kong e Macao). Os municipios teñen poder provincial e reportan directamente ao goberno central, as rexións autónomas contan con maior independencia que as provincias. As rexións especiais teñen a maior autonomía. A nivel inferior, as provincias divídense en cidades, excepto os municipios e as dúas rexións administrativas especiais que xa son cidades. Á súa vez, as cidades subdivídense en condados rurais (Xian) ou distritos urbanos (Qu), e estas en áreas rurais desenvolvidas (Zhen), rurais remotas (Xiang) e zonas urbanas principais (Jiedao).⁶
Estas divisións teñen baixos niveis de independencia política, a pesar de que nos anos 80 houbo un intento de descentralización administrativa, coa PRC mesmo introducindo eleccións locais nalgunhas áreas rurais ⁷, a maior parte destas reformas foron revertidas e cando non ralentizadas a medida que as capacidades do goberno central para administrar asuntos locais creceron durante o boom económico ⁸. Recentemente só as rexións administrativas especiais gozan dunha certa autonomía e mesmo a destas rexións foi reducida nos últimos anos.
En xeral o sistema chinés está máis centralizado politicamente que o da maioría de países occidentais, pero fiscalmente a situación é moi diferente; as administracións locais chinesas realizan unha significativamente maior parte do gasto público que o goberno central e recollen case a metade dos ingresos fiscais do país ⁹, unha situación practicamente única que revela un nivel de descentralización económica maior que a media da OCDE ¹⁰. A situación ten efectos sobre a maneira na que as administracións locais desempeñan as súas funcións, incluíndo a paradiplomacia, e continuará sendo un factor distintivo no futuro, aínda que nos últimos anos houbo propostas de recentralización fiscal, en parte debido aos efectos negativos sobre o déficit e a débeda do país deste alto nivel de autonomía económica ¹¹ e en parte debido ás tendencias recentralizadoras do goberno chinés dende o nomeamento de Xi Jinping como secretario xeral do Partido Comunista Chinés ¹² como estratexia para loitar contra ineficiencias económicas e a corrupción local.
Os efectos destas dúas dinámicas (o baixo nivel de autonomía política e o alto nivel de autonomía fiscal) repercuten na maneira na que a paradiplomacia é empregada por parte dos gobernos locais e rexionais chineses, con ferramentas deste tipo sendo empregadas principalmente con obxectivos de carácter económico ¹³ e seguindo a liña do goberno central en aspectos xeopolíticos ¹⁴. Como veremos en artigos posteriores desta serie, estas diferenzas informan a maneira na que China emprega a paradiplomacia.
En comparación non se verán algunhas dinámicas que podemos atopar en países occidentais, como rexións con aspiracións soberanistas empregando a paradiplomacia para deseñar a súa propia política exterior separada da do estado central como o caso do Ministerio de Relacións Internacionais de Québec ou as embaixadas da Generalitat de Cataluña, nin tampouco o uso da paradiplomacia como arma en conflitos entre diversos actores políticos dentro dun mesmo país, no caso de que un controle un goberno local e o outro o goberno central.
Bibliografía e recursos
- 1-Scielo. (2014). Exploración de las dimensiones globales de la paradiplomacia. (La paradiplomacia y la construcción de sus bases teóricas)
- 2-Forum of Federations. (n.d.). Exploring the global dimensions of paradiplomacy. (Exploring the global dimensions of paradiplomacy – Forum of Federations)
- 3-ResearchGate. (2020). Chinese paradiplomacy: A theoretical review. ((PDF) Chinese Paradiplomacy: A Theoretical Review)
- 4-Taylor & Francis Online. (2023). Exploration of paradiplomatic practices in China. Journal of Contemporary China. (Full article: Diverse Patterns of Paradiplomacy by Chinese Local Governments: A Comparative Case Study of Zhejiang and Yunnan Provinces)
- 5-Oxford Research Encyclopedias. (n.d.). Paradiplomacy in global politics. (Foreign Relations of Subnational Governments | Oxford Research Encyclopedia of Politics)
- 6-Investor Insights Asia. (n.d.). China administration factsheet. (https://www.investorinsights.asia/china-administration-factsheet)
- 7-Stanford Center on China’s Economy and Institutions. (n.d.). Why did China experiment and then abandon village elections? (Why Did China Experiment with and then Abandon Village Elections? | FSI)
- 8-Stanford Center on Democracy, Development, and the Rule of Law. (n.d.). Local government reform in China in the past ten years: An evaluation based on the Chinese local governance innovation awards. (Local Government Reform in China in the Past Ten Years: An Evaluation based on the Chinese Local Governance Innovation Awards | FSI)
- 9-Xinhua. (2017, marzo 17). China’s reforms on the rise. (Full text: Report on China’s central, local budgets – Xinhua | English.news.cn)
- 10-OECD. (n.d.). OECD fiscal decentralisation database. (OECD Fiscal Decentralisation Database)
- 11-Reserve Bank of Australia. (2024, octubre). The ABCs of LGFVs: China’s local government financing vehicles. (The ABCs of LGFVs: China’s Local Government Financing Vehicles | Bulletin – October 2024 | RBA)
- 12-Journal of Development Studies and Social Sciences. (n.d.). (Centralization and Decentralization in State Governance Systems: The Case of China | Journal of Development and Social Sciences)
- 13-Song, W., & Liu, H. (n.d.). Chinese paradiplomacy at the peripheries: Beyond the hinterland. Routledge. (Chinese Paradiplomacy at the Peripheries Beyond the Hinterland)
- 14-Journal of Contemporary China. (2023). (Diverse Patterns of Paradiplomacy by Chinese Local Governments: A Comparative Case Study of Zhejiang and Yunnan Provinces)

