Paz de Santos

O histórico paso alcanzado cara a consecución definitiva da paz en Colombia, trazado o pasado 23 de setembro na Habana entre o goberno colombiano de Juan Manuel Santos e o principal líder da guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército Popular (FARC-EP), Timoleón Rodríguez Londoño (alias “Timoshenko”), baixo o auspicio do goberno cubano encabezado por Raúl Castro e coa presenza de representantes de países garantes (Noruega, Chile, Venezuela, Ecuador, Uruguai e EUA) ven determinado por unha ampla correlación de intereses xeopolíticos a nivel hemisférico, contextualizados na recente xira do Papa Francisco por Cuba e EUA, e igualmente polos avances no diálogo de resolución de recentes conflitos fronteirizos, especialmente no acaecido desde agosto pasado entre Colombia e Venezuela.

Apartados xeográficos Latin America
Palabras chave Colombia Paz
Idiomas Galego

O histórico paso alcanzado cara a consecución definitiva da paz en Colombia, trazado o pasado 23 de setembro na Habana entre o goberno colombiano de Juan Manuel Santos e o principal líder da guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército Popular (FARC-EP), Timoleón Rodríguez Londoño (alias “Timoshenko”), baixo o auspicio do goberno cubano encabezado por Raúl Castro e coa presenza de representantes de países garantes (Noruega, Chile, Venezuela, Ecuador, Uruguai e EUA) ven determinado por unha ampla correlación de intereses xeopolíticos a nivel hemisférico, contextualizados na recente xira do Papa Francisco por Cuba e EUA, e igualmente polos avances no diálogo de resolución de recentes conflitos fronteirizos, especialmente no acaecido desde agosto pasado entre Colombia e Venezuela.

Este acordo de paz en Colombia estipula un período de seis meses, previsto como data máxima o próximo 23 de marzo de 2016, para pór fin ao conflito mais lonxevo a nivel hemisférico. Para sustentar a consolidación deste proceso, o acordo da Habana senta as bases para impulsar unha serie de mecanismos legais e políticos orientados a posibilitar este acordo. Entre eles destacan a creación dun Tribunal Especial para a Paz; as negociacións para o desarme da guerrilla nun período estipulado de sesenta días a partir da firma do acordo final previsto para marzo de 2016; a tramitación das penas e das amnistías por parte dos actores involucrados no conflito; e finalmente a posibilidade de que as FARC se institucionalice a través dun movemento político legalizado.

A pesar destes históricos avances, quedan plasmadas diversas incógnitas na mesa, en particular aquelas relativas aos mecanismos de supervisión da paz, do desarme da guerrilla e a compensación das vítimas. Con todo, resulta evidente para Santos e as FARC a concreción dunha nova etapa onde as súas principais demandas serán acordadas e institucionalizadas. Para Santos, alén de pasar á historia como o presidente colombiano que alcanzou a paz, o rédito político mais significativo deste acordo estará establecido na contención ou eventual neutralización dos seus rivais políticos, en particular do “uribismo” radicalmente oposto aos acordos de paz.

Pola súa banda, para as FARC, descabezada desde 2008 dos seus históricos liderados por mor da ofensiva militar impulsada polo ex presidente Uribe Vélez con Santos como ministro de Defensa, ábrese unha oportunidade chave para legalizarse como movemento político, normalizando a súa posición a través do seu ingreso nun establishment político que durante anos constituíu o seu principal inimigo.

A “troika” Cuba, EUA e Vaticano

Se ben as negociacións de paz entre o goberno de Santos e as FARC vense levando a cabo desde mediados de 2012 baixo o auspicio de Cuba e dun grupo de países garantes, a súa definición acelérase coa súbita viraxe diplomática establecida entre Cuba e EUA desde finais de 2014, na que o Vaticano posúe igualmente un papel decisivo. Os efectos colaterais da apertura cubano-estadounidense, certificados co intercambio de representantes diplomáticos en xullo pasado, transitan claramente detrás deste acordo entre o goberno de Santos e as FARC.

Non deixa, por tanto, de ser representativo o feito de que o Papa Francisco visite Cuba e EUA como paso previo a este acordo de paz na Habana. A diplomacia vaticana ten sido tan discretamente efectiva nestes achegamentos como igualmente resulta chave e esencial o pragmatismo da política exterior do presidente cubano Raúl Castro, en particular nas súas relacións con Washington.

Para Cuba, o momento é estratexicamente histórico para marcar pasos decisivos na súa apertura diplomática con Washington e o Vaticano, toda vez a súa reinserción hemisférica vese consolidada polo seu papel protagónico neste proceso de paz colombiano, sepultando así a vetusta perspectiva que enfocaba a Cuba como centro de exportación guerrilleira a nivel hemisférico. Por tanto, un novo e evidente triunfo diplomático para o goberno de Raúl Castro, aspecto que lexitima tanto a súa posición hemisférica como a viabilidade do seu proceso de reformas internas, cuxas implicacións exteriores son cada vez mais decisivas.

Aínda que cunha participación menor, mesmo nivel de pragmatismo pode observarse na política hemisférica de Barack Obama, na que Cuba ocupa o epicentro de atención e Colombia asiste como efecto colateral, con implícitas repercusións na situación de Venezuela.

No cometido do proceso de paz colombiano, as xestiones do enviado de Washington, Bernard Aronson, resultaron certamente decisivas no achegamento de posicións entre Santos e as FARC, contando co aval do goberno cubano. Incluso, Aronson reuniuse en Caracas co presidente Nicolás Maduro, en aras de potenciar unha reconciliación diplomática entre Caracas e Washington vía proceso de paz colombiano.

Así como Cuba desexa potenciar un proceso de paz en Colombia que sepulte unha etapa histórica traducida polo seus apoios loxísticos ás insurxencias latinoamericanas, para Obama, a paz en Colombia serve igualmente como contemporizador dos receos hemisféricos traducidos na estratéxica cooperación militar e antidrogas que desde 2000  mantén Washington con Bogotá a través do polémico Plan Colombia.

Convencido de que a recuperación da iniciativa rexional por parte de Washington pasa por trazar un novo marco de relación con Cuba, propiciando ó mesmo tempo un escenario de negociación de paz en Colombia, Obama delinea os trazos dunha nova política hemisférica determinada pola necesidade de progresivamente pechar a persistencia de históricos conflitos (Cuba e Colombia), directa ou indirectamente anclados nos parámetros da “guerra fría”, para eventualmente surtir un efecto xeopolítico colateral de influencia e definición de rumbo no marco doutras crises políticas (Venezuela) e territoriais (Venezuela, Colombia), incómodas para potenciar un novo status quo, a tenor do seu cada vez maior impacto a nivel hemisférico.

Esta correlación de intereses determinados polos recentes acontecementos explican a diversidade de variables e elementos que xogan as súas cartas no recente acordo de paz en Colombia subscrito na Habana. Venezuela e Ecuador, países fronteirizos con Colombia e que durante anos víronse afectados polas repercusións rexionais deste conflito, forman parte desde 2012 do grupo internacional de negociación e garantía do proceso de paz colombiano.

Esta perspectiva ten un impacto xeopolítico chave, tomando en conta a reunión en Quito desta semana entre os presidentes de Venezuela, Nicolás Maduro, e o seu homólogo colombiano Santos, baixo o auspicio de anfitrión Rafael Correa, do presidente uruguaio Tabaré Vázquez e da UNASUR e a CELAC, orientado a solucionar o conflito fronteirizo entre Caracas e Bogotá establecido desde agosto pasado, normalizando as súas relacións a través da aceptación do retorno dos respectivos embaixadores. Como consecuencia do acordo de Quito, os ministros de Defensa de Colombia e Venezuela reuniranse a próxima semana na localidade colombiana de Santa Marta, a fin de concretar os aspectos mais complicados en materia de seguridade.

Como acontece en practicamente todo proceso de paz, os actores involucrados soen atribuírse un importante caudal de beneficios en chave diplomática e xeopolítica. Neste sentido, o xa irreversible proceso de paz en Colombia, con todos os seus matices e cúmulos de inevitables incertezas, requiriu da adopción de compromisos decisivos a nivel hemisférico, focalizados por contextos específicos como a apertura entre Washington e A Habana e a normalización das relacións entre Bogotá e Caracas, tradicionalmente tensas nos derradeiros anos.

Con todo, estes escenarios de diálogo e pacificación repercuten, directa ou indirectamente, nas expectativas de Washington e do Vaticano por recuperar as súas cotas de iniciativa e influencia a nivel hemisférico, intereses inevitablemente ligados ás perspectivas da Habana por reconducir a súa reinserción rexional, adoptando un papel chave como actor conciliador na resolución de conflitos.