¿Permiso de Indonesia ou de Portugal?

¿Que país debe dar o consentimento para que unha forza internacional interveña en Timor-Leste? A xulgar polas manifestacións dos grandes líderes mundiais, do propio Kofi Annan e mesmo de Antonio Guterres, primeiro ministro de Portugal, sen a aceptación de Indonesia o despregue non será posible. Na opinión pública instálase como evidencia un punto de vista que alén de invitar ó desconcerto (¿pedir permiso a un agresor que non respecta os compromisos contraídos coa comunidade internacional?) e producir rubor en relación a conflictos recentes nos que igualmente estaba en xogo a protección dos dereitos humanos de persoas indefensas, implica un serio desenfoque do problema.

¿Por qué? A invasión de Timor-Leste por parte de Indonesia e a posterior anexión, declarada en xuño de 1976 por unha Asemblea Popular ad hoc, nunca foi recoñecida polo Comité de Descolonización de Nacións Unidas. Segundo a legalidade internacional vixente, Portugal continúa a ser formalmente a potencia colonial e administradora do territorio. Indonesia é a potencia invasora e a súa ocupación de Timor é ilexítima. Así pois, a Lisboa e non a Iacarta, correspondería dar o visto e prace para permitir o envío dunha forza de pacificación internacional a Timor-Leste baixo mandato da ONU. De igual maneira, carece do máis mínimo sentido esixir de Iacarta que garanta a seguridade en Timor-Leste cando, en realidade, debería darse un ultimátum para que repregara as súas tropas a territorio indonesio.