Politburó na corte do Tsar Boris

Apartados xeográficos Russia ARCHIVE
Idiomas Galego

Todas as pezas do crebacabezas político ruso están patas arriba seguindo as pautas dunha ben elaborada teoría do caos, na que a inestabilidade obedece a lóxicas razóns de fondo que fan encaixar as incoherencias.

Ninguén, facendo uso do pensamento lóxico, pode dar explicado que un Presidente, a piques de rematar o seu mandato constitucional, cun país camiño da estabilidade política e financeira poida decapitar a un xefe de goberno que é quen de facer xermolar a confianza en estamentos antagónicos dunha sociedade descorazonada.

O líder comunista Guendai Ziuganov non tivo empacho en declarar "… por primeira vez en oito anos, tiñámonos atopado a un primeiro ministro aceptable…", mais lodo apuntou directamente aos responsables da morte política de Primakov con afiados dardos"…os responsables desta decisión que envelenaron a mente a a conciencia de Ieltsin están no politburó da súa familia…"

Pola outra banda o Gabinete de Primakov tiña xa madura a axuda do FMI á economía rusa. Dispúñase dun preacordo para desembolsar 4,5 millóns de dólares en cretos fresquiños a liberar nos próximos 18 meses a cambio da aprobación polo parlamento dun paquete de medidas liberalizadoras da economía. De concretarse estes fondos Moscova estaría en disposición de acceder a novos empréstitos chegados de Xapón ou do Banco Mundial, para alixeirar a pesada carga financeira, a longo prazo, dos intereses comprometidos con París e Londres. A nova situación de inestabilidade política fixo arrefriar os ánimos dun FMI, que se apresurou e a meter no conxelador axudas comprometidas.

O incapacitado presidente non tiña porque ter medo algún ao proceso de destitución. Coñecía, a ciencia certa, que ía saír inmaculado do seu procesamento. Na peor da previsións só sairía rabuñado polo parlamento, acusado do uso ilegal do exército en Chechenia, mais contaba coa garantía de que esta acusación frearía en seco na Cámara Alta, composta por Gobernadores locais, líderes rexionais e presidentes das Repúblicas constituíntes de Rusia, moitos deles nomeados directa ou indirectamente polo presidente caprichoso. En todo caso Ieltsin xa tiña no peto a sentencia do Tribunal Constitucional que declarara, axustada a dereito, a intervención militar en Chechenia, que custara máis de 80.000 vidas.

Entón, ¿por que provocar unha crise política que podería ter derivado en conflicto constitucional?

Convén enfocar fora do escenario político e ollar para os que non dubidan en manifestar o seu empacho de satisfacción. Magnates e oligarcas, escorrentados do poder por Primakov, estaban inquedos ante a progresiva consolidación do primeiro ministro, situado en posición privilexiada na grella de saída das inminentes eleccións presidenciais.

O Politburó dun pequeno grupo de atípicos capitalistas que avalaron a reelección de Ieltsin no 96 e nomeados de "oligarcas invulnerables, ata a chegada de Primakov," volve respirar fondamente. Entre eles o destaca a eminencia de Boris Berezovski, "o Rasputín do Kremlin", intimo do privilexiado círculo de amizades da familia Ieltsin, quen extroverteu a súa euforia, logo de coñecer a noticia. Da comitiva do Tsar Boris tamén forma parte o reformista radical, cara o que apuntan as previsións como novo responsable de economía, Boris Fidorov, quen renega do parón privatizador de Primakov e do posterior redimensionamento do intervencionismo estatal.

O Golpe de man de Ieltsin mistura no cóctel gobernamental ingredientes do clan dos oligarcas e do clan dos militares, baixo a inquietante tutela de tres férreos falcóns: Serguéi Stepashin- nomeado primeiro ministro, xeneral e policía ao mando dos 300.000 homes armados do ministerio do interior-, Igor Serguéiev "Ministro de Defensa" e de Vladímir Putin "leal a Ieltsin, xefe do Servicio Federal de Seguridade (con 100.000 homes militarizados) e Secretario do Consello Nacional de Seguridade.

Nun país tan pouco afeito a practicas e costumes democráticos, todo ten a súa lóxica e encaixa para ter atado e controlar o poder e a economía, diante dun inestable período de convulsións políticas, ás portas das eleccións presidenciais. ¡Un caos lóxico!