A derrota da coalición liderada por Jerzy Buzek nas eleccións lexislativas celebradas recentemente en Polonia sitúa ao movemento Solidarnosc ao borde da desaparición. A Acción Electoral Solidariedade, referente político principal do mítico movemento que situou contra as cordas ao vello POUP, quedou sen representación parlamentaria. É a segunda derrota apabullante no espacio dun ano. O pasado 8 de Outubro, Aleksander Kwasniewski derrotaba a Marian Krzaklewski, presidente do sindicato Solidarnosc, nunhas reñidas eleccións presidenciais.
A heteroxeneidade inicial de Solidarnosc derivou progresivamente en múltiples rupturas: os sectores de esquerda evolucionaron ata a Unión do Traballo, hoxe coaligada cos ex-comunistas; o sindicato asenta nos vellos bastións da industria socialista; os sectores máis vencellados á Igrexa formalizaron os seus propios movementos (a Liga de Familias Polacas); os sectores máis anticomunistas onte e ultraconservadores hoxe (Autodefensa) seguiron por libre, nucleados agora arredor do antieuropeísmo. Os sectores centristas apenas sobreviven: a Plataforma Cívica non superou o 13 por cento e a Unión polas Liberdades quedou por baixo do 4 por cento. Sen o "inimigo", a forza foise esvaendo.
O contraste coa Alianza de Esquerda Democrática non pode ser maior. O núcleo esencial deste movemento segue a ser a Socialdemocracia da República de Polonia, a herdeira do vello POUP, que conseguiu vertebrar un amplo sector social polo cambio no que militan dende sindicalistas da OPZZ, o sindicato rival de Solidarnosc, vellos apparatchiks, sectores socialistas e socialdemócratas, ata os tabeiróns vermellos, reconvertidos ao mundo dos negocios. Hoxe europeístas e proatlánticos, protagonizan a modernización de Polonia ante a estupefacción de Walesa e compañía. No medio, a equilibrar a balanza, o tradicional Partido Campesiño Polaco, aliado do POUP en tempos da democracia popular.
Ábrese en Polonia unha nova transición que dificilmente trabará a consolidación dos poscomunistas da Alianza de Esquerda. Leszek Miller, probable primeiro ministro, da corrente socialista, con boa sintonía coa Unión do Traballo e sectores da OPZZ, deberá afrontar, sen embargo, unhas negociacións complexas para o ingreso na Unión Europea. Enfronte terá un vacio opositor importante que debe acometer unha longa travesía para a súa rexeneración, unha hipótese dificil pola desgraciada influencia do populismo, antisemitismo e o ultracatolicismo. Menos doado será o entendemento cos sectores sociais que están á espreita dunha negociación que observan con desconfianza.
Dende o exterior, paradoxalmente, os fósiles identificanse agora con Solidarnosc e saúdase o talante de apertura dos herdeiros daquel vello POUP que axudaron a derrubar. Foron eles quen recolleron os ladrillos do muro mentres outros perderonse a debatir sobre quen fixo máis forza para tiralo. A historia é de quen a traballa.