¿Portugal ou Brasil?

Tras corenta anos de autonomía e un cuarto de século compartindo participación na UE, as relacións entre Galicia e Portugal semellan varadas no tempo. Alén Miño, Galicia, sen apenas diferenciación, segue sendo España. Moitos se laian da falta de empatía do lado portugués. Mais o certo é que en todo este tempo nunca contamos en Galicia cunha política ambiciosa e integral a propósito dunha visibilización xenuína en Portugal. Mil esforzos e mil graos de area, moitos deles proveitosos, pero sen un obxectivo macro definido con claridade.  

Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Palabras chave Brasil Portugal Galicia
Idiomas Galego

Tras corenta anos de autonomía e un cuarto de século compartindo participación na UE, as relacións entre Galicia e Portugal semellan varadas no tempo. Alén Miño, Galicia, sen apenas diferenciación, segue sendo España. Moitos se laian da falta de empatía do lado portugués. Mais o certo é que en todo este tempo nunca contamos en Galicia cunha política ambiciosa e integral a propósito dunha visibilización xenuína en Portugal. Mil esforzos e mil graos de area, moitos deles proveitosos, pero sen un obxectivo macro definido con claridade.  

Fraga, mesmo cando discurseaba en castelán nas xuntanzas da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, construíu eurorrexión. Os anos de Feijóo, pola contra, son de estancamento e deconstrución. Dirán que os tempos son distintos, pero as vontades tamén. Aquelo de que a Moncloa recabara o parecer de San Caetano para achegarse ao Palacio de Belém hoxe é auga pasada. Como moito preguntarían na Conventual Santiaguista, en Mérida. A perda de auctoritas é tamén unha consecuencia da falta de política.

Pero non só é o marco institucional, na sociedade civil e outros actores advírtese certo cansazo e falta de ideas. A propia oposición está moi afeita a rebater pero a dimensión propositiva neste eido é marxinal. En grande medida, hoxe é o poder local quen sostén a bandeira construíndo identidade eurorrexional (sobre todo no marco minhoto) con propósitos pragmáticos.

Para Galicia, Portugal debera ser parte da axenda cotiá. Non o é, ou non o suficiente.  A axenda común é feble e retrocedeuse en fluidez, en diálogo, en cooperación. E a frustración, produto en parte tamén de acordos non materializados, vai calando. Urxiría repensar isto nun foro bilateral plural que trace a folla de ruta das relacións no século XXI.

En contraste, Brasil ofrece outra atmosfera, é máis receptivo. Claro que alí temos unha diáspora atenta como cabeza de ponte. Pero se non damos feito con Lisboa nin Porto que están ao lado daremos avanzado substancialmente con Brasilia que está a case 8000 quilómetros? O problema non é a xeografía senón a actitude, dirase. Certo. Pero Brasil e Portugal deberan ser destinos complementarios e non excluíntes na política exterior galega, recoñecendo ao tempo os límites do vínculo triangular. E deberamos contar con ambos os dous, se ben sempre con estratexias claras.