Presidencias en ruleta rusa

Os recentes acontecementos no panorama internacional dan conta de súbitos cambios internos, pulsos de poder e presións exteriores que determinan o futuro dalgúns presidentes a nivel mundial. Dende inesperadas renuncias presidenciais (Buteflika na Alxeria, Nazarbayev en Kazajstán), e freos electorais a hexemonías presidenciais (Erdoĝan na Turquía), ata desesperadas tentativas de reelección (Netanyahu en Israel) e imprevisibles escenarios determinados por polarizados pulsos políticos con inherencia externa (Maduro e Guaidó en Venezuela). O contexto anuncia así, nalgúns casos, un previsible “final de época” que inevitablemente reconfigurará o mapa de liderados políticos a nivel global.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Others
Palabras chave Presidencias ruleta rusa
Idiomas Galego

Os recentes acontecementos no panorama internacional dan conta de súbitos cambios internos, pulsos de poder e presións exteriores que determinan o futuro dalgúns presidentes a nivel mundial. Dende inesperadas renuncias presidenciais (Buteflika na Alxeria, Nazarbayev en Kazajstán), e freos electorais a hexemonías presidenciais (Erdoĝan na Turquía), ata desesperadas tentativas de reelección (Netanyahu en Israel) e imprevisibles escenarios determinados por polarizados pulsos políticos con inherencia externa (Maduro e Guaidó en Venezuela). O contexto anuncia así, nalgúns casos, un previsible “final de época” que inevitablemente reconfigurará o mapa de liderados políticos a nivel global.

Tras dúas décadas no poder e semanas de protestas nas rúas, o octoxenario presidente alxerino Abdelaziz Buteflika decidiu renunciar este semana á presidencia, a cal formalmente farase efectiva a partir do 28 de abril. O malestar cidadá ante unha tentativa de reelección dun presidente ausente por razóns de saúde, obrigou a unha súbita renuncia onde a estrutura de poder en Alxer, principalmente determinado polas elites políticas e o poderoso estamento militar, auténtico árbitro de poder, decidiron aplacar momentaneamente as protestas a través dunha movida de claro sentido “gatopardiano”.

A renuncia de Buteflika interpreta un consenso das elites por garantir a estabilidade e evitar no Magreb a reprodución de escenarios previos, como o acontecido na caótica Libia “post-Gadafi”. Se ben as protestas cidadás determinaron a posibilidade de reprodución dun escenario similar ao tunisiano en 2011, en Alxer planea igualmente o temor a un eventual fortalecemento dun islamismo militante, como o brevemente acontecido no Exipto “post-Mubarak” baixo o mandato do islamita Mohammed Morsi e a Irmandade Musulmá, posteriormente desarticulada polo golpe palaciego e o retorno ao poder da “faraónica” estrutura militar do xeneral-presidente Abdel Fatah al Sissi, contando co beneplácito occidental.

Ámbolos dous casos, Libia e Exipto, determinados pola efervescencia das “Primaveras árabes” de 2011-2012, das que Alxeria logrou preventivamente escapar. O igualmente calculado silencio europeo é latente sobre o futuro dun país que prové o 15% do consumo enerxético en Europa, así como é peza chave na estratexia mediterránea europea.

Con anterioridade, o 19 de marzo, outro lonxevo presidente renunciaba ao seu cargo. Dende a república centroasiática de Kazajstán, o septuaxenario Nursultán Nazarbayev, no poder desde 1991, anunciaba subitamente a súa renuncia, poñendo fin a un mandato determinado por unha especie de “culto á personalidade”, veneración institucionalizada cara un líder bautizado como o “pai da patria” kazaja.

Non obstante, o contexto kazajo é visiblemente diferente ao alxerino: non hai protestas nas rúas, e o cambio interprétase como un consenso por parte das elites de poder na capital Astaná (que previsiblemente cambiará o seu nome por Nursultán), similar ás transicións presidenciais observadas en países veciños (Uzbekistán, Turkmenistán, Acerbaixán) que consolidaron a continuidade desas estruturas de poder.

Como en Alxer, a estratexia “gatopardiana” obsérvase como garantía de estabilidade en rexións (Asia Central, Magreb) determinadas por diversas variables de potencial inestabilidade (tensións étnicas, pobreza, autoritarismo, integrismo islamita).

Compre observar cómo o “exemplo Buteflika” planea dalgún xeito sobre a atribulada Venezuela. O pulso de lexitimidades de poder entre o mandatario Nicolás Maduro e o presidente parlamentario Juan Guaidó, proclamado como presidente interino e recoñecido inmediatamente por mais de 50 países, alcanza cotas de intensidade en medio da peor crise humanitaria existente no hemisferio occidental.

As presións dende Washington de cara á renuncia de Maduro son extensivas cara un estamento militar atrincherado no poder, toda vez as protestas nas rúas pola crise humanitaria e os constantes cortes de electricidade e auga imprimen un caótico panorama onde a inherencia exterior é chave, laminada por un contexto de pulso xeopolítico, principalmente entre Washington e Moscova.

Co apoio estadounidense e da maioría dos países latinoamericanos e europeos, Guaidó pulsa unha folla de ruta de transición “post-Maduro", toda vez o apoio ruso, cubano e chinés a Maduro acrecenta as expectativas de intensificación da violencia política, tal e como se observa actualmente coa actuación de colectivos armados en represión das protestas e as recorrentes presións dende Washington por unha incerta intervención militar.

Outro caso salientable é o do presidente turco Recep Tayyip Erdoĝan. No poder desde 2003 como primeiro ministro, reconvertido en 2014 como presidente, Erdoĝan afianzou unha hexemonía política acicalada polo seu partido AKP, de corte islamita. Diversas eleccións confirmaban unha hexemonía subitamente alterada polos comicios municipais do pasado 31 de marzo, no que Erdoĝan e o AKP perderon en grandes cidades como a capital Ankara e Istambul.

Este freo á hexemonía “erdoĝiana” traerá consecuencias no panorama político turco e na eventual recuperación de espazos democráticos a través da aparición de novas figuras políticas orientadas a contrarrestar un poder cada vez mais autoritario e “sultanático”. Unha revitalización da oposición, principalmente do republicano CHP, orientado a acordar un novo equilibrio político con Erdoĝan.

Finalmente está o controvertido primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu. O dereitista ansioso por fortalecer un “neosionismo” de histórico calado estatal, está atrapado nunha incerta reelección ao seu mandato nos comicios parlamentarios do próximo 9 de abril. O descontento cidadá cara a corrupción do seu goberno e a súbita fractura da súa coalición gobernante, particularmente dende a ultradereita sionista, deixan a Netanyahu cunha única carta a xogar: a política exterior.

E para iso apresurouse por contar co seu irrestrito aliado: o presidente estadounidense Donald Trump. Pero tamén de novos amigos como o igualmente polémico presidente brasileiro Jair Bolsonaro, o primeiro mandatario exterior en visitar o Muro das Lamentacións nunha Xerusalén que Trump e Bolsonaro ven como a capital histórica israelí.

Asinado na Casa Branca o compromiso de Trump para recoñecer a soberanía israelí sobre os Altos do Golán, territorio en disputa con Siria desde a “guerra dos seis días” de 1967, Netanyahu completa a súa carta electoral confiando en alentar ao electorado a través da sempre efectiva ofensiva contra o islamita Hamas en Gaza. Estas súbitas movidas lle permitiron remontar nas enquisas e enfilar cara a súa reelección.

Toda vez, o apoio “trumpiano” nos Altos de Golán anuncia un súbito cambio de equilibrios e estratexias nun Oriente Próximo acicalado pola pax rusa en Siria a través do “pacto de Sochi” (2017) impulsado polo eixe ruso-turco-iraniano, e que permite manter no poder ao réxime do presidente sirio Bashar al Asad, un dos inimigos israelís. De feito, Netanyahu reunirase co presidente ruso Vladimir Putin en Moscova, días antes das eleccións israelís, en clara perspectiva de asegurar un tácito “aggiornamento” entre ambos países sobre Siria, que lle permita a Netanyahu reforzar as súas opcións de reelección.

Por se non semellaba suficiente, outro polémico presidente, Petr Poroshenko, veuse superado por un “outsider” como o presentador televisivo Volodymir Zelensky na primeira volta das eleccións presidenciais ucraínas do pasado 31 de marzo, o mesmo día en que se celebraban as municipais turcas. Como costume, Rusia está na trastenda electoral ucraína: Zelensky busca un compromiso con Moscova para solucionar o latente conflito no Donbas, no Leste ucraíno, toda vez Poroshenko insiste nun discurso nacionalista e relixioso contra Rusia, cuxos resultados electorais ata agora non son os agardados.

Nun 2019 estratexicamente electoral, diversas presidencias vense contestadas por expectativas de cambios, sexan estas a través das rúas, das urnas, das intrigas de palacio, da dinámica institucional ou das presións externas. En perspectiva comparada, os contextos electorais en curso, dende o sueste asiático ata Europa, dan conta igualmente dunha polarización de opcións onde o populismo nacionalista cobra un cariz cada vez mais internacionalista.

Está igualmente por ver se esta vaga de cambios de líderes no poder alcance agora á primeira ministra británica Theresa May, atribulada polo interminable Brexit. Outros mandatarios como o arxentino Mauricio Macri e o boliviano Evo Morales acometerán comicios presidencias a finais de 2019, cuxo escrutinio popular asúmese practicamente de carácter plebiscitario sobre as súas respectivas xestións.