putin

Putin e Hamas

Apartados xeográficos Russia ARCHIVE
Idiomas Galego
 Putin, clic para aumentar
¿Que espera agora Putin cos seus contactos con Hamas? Resulta evidente que busca facilitar para Rusia unha posición de mediador de primeira orde nas conversacións de paz en Oriente Medio e, ao mesmo tempo, enviar sendas mensaxes a EEUU e Israel, consistentes en persuadilos a mudar os seus imperativos xeopolíticos e recoñecer a potencialidade rusa. Salvo en Tel Aviv, e ante o silencio de Washington, Putin obtivo unha interesante receptividade a súa oferta, polo que resultaría factible que Moscova organice unha futura conferencia de paz para Oriente Medio.
 

Dun xeito inédito, a política exterior rusa centra agora a súa atención cara Oriente Medio, como área estratéxica esencial da nova xeopolítica do poder deseñada polo presidente Vladímir Putin. Neste sentido se canaliza o recente ofrecemento realizado polo presidente ruso ao partido islamita palestino Hamas de visitar Moscova, para reactivar as negociacións de paz en Oriente Medio.

A oferta de Putin xa provocou unha inmediata irritación en Israel, cuxo goberno transitorio reaccionou advertindo sobre cómo reaccionaría Putin ante unha eventual invitación israelí aos rebeldes chechenos para falar da paz no Cáucaso ruso.

Reaccións aparte, Putin intenta construír novas alternativas para os intereses rusos nun momento no que entra na fase final do seu mandato, que expira en marzo de 2008. A finais de 2005, o presidente ruso iniciou unha frenética xira por países de Asia Central coa finalidade de atar unha serie de acordos militares e enerxéticos que permitan obter vantaxes xeopolíticas para Rusia no antigo espazo ex soviético, e amortiguar así a presenza e influencia estadounidense e chinesa na rexión, principalmente trala guerra de Afganistán.

Simultaneamente, o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Serguei Ivanov, publicou unha especie de "doutrina da nova política exterior rusa", onde formulaba a necesidade de manter a Asia Central e o Cáucaso baixo a influencia moscovita e iniciar contactos e alianzas nun Oriente Medio en plena transformación. Dúas rexións estratéxicas, principalmente polos factores enerxéticos, peza básica e fundamental na nova estratexia xeopolítica de Putin. Este mesmo documento cualificaba de "ameaza para os intereses rusos" a presenza de Europa occidental e EEUU nestas rexións.

¿Que espera agora Putin cos seus contactos con Hamas? Resulta evidente que busca facilitar para Rusia unha posición de mediador de primeira orde nas conversacións de paz en Oriente Medio e, ao mesmo tempo, enviar sendas mensaxes a EEUU e Israel, consistentes en persuadilos a mudar os seus imperativos xeopolíticos e recoñecer a potencialidade rusa. Salvo en Tel Aviv, e ante o silencio de Washington, Putin obtivo unha interesante receptividade a súa oferta, polo que resultaría factible que Moscova organice unha futura conferencia de paz para Oriente Medio.

A repentina inclusión de Rusia como actor significado na situación en Oriente Medio revela efectos directos tan interesantes para Moscova como arriscados e contraditorios. Dende unha perspectiva histórica, a diplomacia rusa poucas veces alcanzou éxitos significativos nesta rexión e as súas alianzas militares e políticas con países como Siria, Iraq, Irán ou o Exipto de Nasser provocaron aberta conflitividade con EEUU e Europa occidental. Isto obrigo a unha prolongada retirada rusa da rexión, polo que esta ausencia, salvo posicións reactivas ante determinadas crises, persistiu incluso trala desintegración da ex URSS.

A recente oferta rusa é tamén unha "válvula de escape" importante para un Hamas "vixiado" con lupa dende Israel, EEUU e Europa occidental, a tal punto que as constantes ameazas de corte de fondos financeiros para a Autoridade Nacional Palestina poderían deixar ao partido islamita sen perspectivas monetarias sólidas para acometer os retos dun novo goberno.

Indirectamente, a estratexia de Putin consiste en persuadir a antigos aliados rusos como Siria e Irán, a moderar a súas posicións e buscar algunhas vías de negociación con Occidente. Este escenario aínda luce feble e pouco realista, tomando en conta o actual acoso occidental cara Teherán e Damasco. Pero Putin, cuxo país é valedor do programa iraniano de enriquecemento de uranio e manifesta ser un importante socio enerxético de Teherán, semella decidido a virar considerablemente a tradicional posición pro-estadounidense da diplomacia rusa post-soviética.

Un ultimo factor indirecto da estratexia de Putin en Oriente Medio consiste en incluír ao seu país no gran xogo enerxético global, ante potencias como Arabia Saudita, Irán e o futuro Iraq con tutela norteamericana. Xunto á monarquía saudita, Rusia posúe as principais reservas mundiais de petróleo e gas natural, polo que desactivar a competencia saudita semella tamén un claro obxectivo.

Na recente xuntanza en Moscova dos ministros de Economía do Grupo dos Oito, este ano presidido por Rusia, Putin incluíu a oferta de crear unha especie de "OPEP" para os produtores de gas natural. Resulta evidente que, por esta vía, espera colocar a Rusia como potencia enerxética de referencia, limitando a influencia saudita, cuxa rivalidade semella estar asumida en Moscova. En termos políticos, non se debe esquecer que a ideoloxía "wahabbita" saudita forma parte da inspiración relixiosa dos rebeldes chechenios e que Riyad constitúe tamén un actor de importancia no xogo enerxético que está a desenvolverse no corredor eurasiático dende o mar Caspio ata Europa occidental.

Se esta nova estratexia de Putin tivese éxito, ¿estaría Occidente disposto a plantarlle cara ao desafío ruso e librar unha especie de nova "guerra fría"? Aínda está por ver cómo será a participación e a influencia rusa nos cambios operativos da política global, pero Oriente Medio pode ser o comezo e a clave desta conxuntura cambiante.