Serie "A Acción Exterior das Comunidades Autónomas en España", Artigo 1
Jose Manuel Garcia Margallo 2013 cropped

Qué é a paradiplomacia e a acción exterior das CCAA en España?

Nos últimos anos, o termo “paradiplomacia” acadou un considerable nivel de popularidade e uso nas Relacións Internacionais, caracterizado pola ambigüidade terminolóxica que o subxace e pola degradación do sistema estatal-céntrico, vinculado por suposto á iniciativa de organizacións como a Unión Europea, que xeraron un considerable impulso no papel das entidades rexionais mediante a reformulación do Tratado de Maastricht ou a creación do Comité das Rexións.
Liñas de investigación Paradiplomacy
Apartados xeográficos Europe Foreign action of Galicia

Deste xeito, a paradiplomacia tradúcese no conxunto de actuacións que as provincias, os concellos, as entidades locais ou, no caso concreto de España, as comunidades autónomas, realizan en materia de acción exterior e relacións internacionais co obxectivo de promover os seus intereses.

Dentro deste distínguense varios tipos e dimensións que se diferencian principalmente pola complementariedade ou carencia desta con respecto ao Goberno central (paradiplomacia positiva ou paradiplomacia negativa); pola implicación real no ámbito internacional (paradiplomacia directa ou indirecta); e polas intencións da rexión de establecer unha identidade que se expanda polo mundo.

No caso concreto de España, a Constitución de 1978 recoñece xa, a través do titulo VIII da organización territorial do Estado, a posibilidade de obter a autonomía a determinados territorios que conten cunhas características concretas (art.143), servindo esto como precedente para a formación das 17 comunidades autónomas e as 2 cidades autónomas. Isto acabou por facer necesario establecer unha normativa que proporcione coordinación e coherencia entre as actuacións exteriores das mesmas e do Goberno Central. Non obstante, a Constitución determina, a través do seu artigo 149, que o Estado ten competencia exclusiva en materia de Relacións Internacionais, aínda que é certo que os diferentes momentos que se produciron ao longo da historia, como a sentencia 137/1989, foron incrementando paulatinamente o papel das CCAA, sempre en consonancia coas facultades que lle outorga a lei suprema.

Pola súa banda, os propios Estatutos de Autonomía dotan ás Comunidades Autónomas de competencias e institucións propias de autoxestión, seguindo as directrices do Estado, pero conferíndolles unha certa independencia nas súas funcións. Na acción exterior, estas centráronse nos dereitos das entidades autonómicas a facer suxestións nos casos que lles afecten; a instar ao goberno a concluír tratados internacionais; a ser informado polo Goberno central; á participación nas delegacións e representacións españolas cando se traten casos que lles incumban; e na execución daquelas normas internacionais en que España sexa parte e que afecten á comunidade correspondente.

Todas estas cuestións están recollidas tamén na Lei 2/2014, do 25 de marzo, de Acción e Servizo Exterior do Estado, que establece a liña que debe seguir o Estado español e todos os entes que a subxacen. A isto súmase a existencia dunha normativa específica ao respecto que teñen algunhas comunidades autónomas, como a Lei de Acción Exterior de Galicia de 2021, ou outras máis ambiguas pero moi relacionadas con esta, como a Lei de Recoñecemento da Asturianía no exterior, que xuntas conforman o plan de actuación de cada unha das Comunidades Autónomas no exterior.

Porén, é importante resaltar que moitas delas atópanse nunha fase de implantación moi temperá, polo que haberá que esperar a ver se conseguen xerar certo impacto ou simplemente responden a unha cuestión soamente simbólica. Do que non cabe dúbida é do importante pulo que está a recidbir a paradiplomacia con estas iniciativas, en España e no resto do mundo, polo que se agarda que nos vindeiros anos a tendencia siga “in cresdendo” e poidamos observar novos avances.

Deste xeito, e para apoiar estas afirmacións, ao longo dos próximos meses iránse subindo diversos artigos específicos sobre cada unha das comunidades autónomas españolas. Con esto búscase comprender mellor a cobertura xurídica que existe a este respecto e a operatividade da mesma sobre o terreno.