Que foi daquel soño?

Dicía Yuri Andropov (1914-1984), o principal valedor de Mijaíl Gorbachov (1931) nas mais altas instancias do PCUS nos anos oitenta, que os dirixentes soviéticos coñecían mal a sociedade na que vivían. Dicíao el e debía saber do que falaba pois estaba á fronte do KGB desde 1967. Aínda así, daquela ninguén se imaxinaba que a problemática situación xeral procedería definila como unha crise do sistema. O 25 de xaneiro de 1991, a dimisión de Gorbachov oficializou a liquidación plena da URSS.

Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Russia
Idiomas Galego

Dicía Yuri Andropov (1914-1984), o principal valedor de Mijaíl Gorbachov (1931) nas mais altas instancias do PCUS nos anos oitenta, que os dirixentes soviéticos coñecían mal a sociedade na que vivían. Dicíao el e debía saber do que falaba pois estaba á fronte do KGB desde 1967. Aínda así, daquela ninguén se imaxinaba que a problemática situación xeral procedería definila como unha crise do sistema. O 25 de xaneiro de 1991, a dimisión de Gorbachov oficializou a liquidación plena da URSS.

O brezhnevismo impuxera a parálise xustamente nos anos en que mais era necesario iniciar reformas. Foi a reacción conservadora ao intento de Jruschov (1894-1971) de reformar o modelo autoritario. Daquela, o Politburó apenas podía reunirse 15-20 minutos para que Leonid Ilich (1906-1982) non se cansara en exceso. O proceso deteriorouse aínda máis coa elección de Konstantín Chernenko (1911-1985), evidenciando que ata un enfermo terminal podía chegar ao cume da pirámide sen que ninguén ousase contradicilo. Pero a pesar da xerontocracia, aínda entre os mais ambiciosos se pensaba na viabilidade incontestada da reforma dun sistema que tamén afogaría a propia perestroika, presentada nos seus inicios como unha continuación do proceso iniciado no XX Congreso. A finais dos anos oitenta, o crecemento estancouse e o nivel de vida mantívose nas cotas mais baixas coñecidas ata entón. Mesmo valéndose da acreditada vocación verticalista no exercicio do poder, o resultado dos esforzos de reforma era nulo ante a incapacidade de mover nada nas estruturas do Partido e a administración.

Conta Gorbachov nas súas Memorias que avanzada a perestroika, aínda que se continuou insistindo na preservación da sociedade socialista, a concepción do socialismo experimentou unha transformación profunda e formulouse a pregunta de ata que punto respondía a ese concepto o modelo configurado na URSS nos anos trinta. Todo entón foi sometido a dura crítica para sentar as bases dun novo modelo, evolucionando da ditadura á democracia do proletariado e facer posible a democracia nun sistema unipartidista.

Ollando cara atrás, se algo sobresae nese período é a subestimación dos factores que actuaban en contra dos reformistas e do calado dos problemas a resolver. Nin sequera os economistas mais sobrios e prudentes chegaran a tempo á conclusión certeira de que non farían falta nin dous nin tres anos senón entre quince e vinte como pouco para crear unha estrutura enteiramente nova que permitira á economía alcanzar o nivel dos países industriais desenvolvidos. Estaban todos moi lonxe de facerse unha idea real das dimensións do problema que se fora xestando. Andropov sabía de que falaba pero eran tantas as parcelas mantidas informativamente baixo sete chaves que resultaba complexo acadar unha perspectiva xeral. A reforma simultánea de todos os aspectos sobreestimou tamén tanto as capacidades do PCUS como as propias posibilidades e a madurez cívica.

No eido das nacionalidades, a perestroika propoñía un modelo para transformar un Estado hipercentralizado nunha federación real ou nunha confederación. O empeño non foi desbaratado polos bálticos e as declaracións de soberanía de diferentes repúblicas nin o estoupido de conflitos étnicos senón pola declaración de independencia de Rusia, cun Boris Ieltsin (1931-1999) disposto a liquidar a URSS ou aquelo que sucedera a vella Unión con tal de desfacerse de Gorbachov e impoñer a axenda requirida polas grandes potencias de Occidente, incluída a prohibición do propio PCUS.

Cabe lembrar que nos primeiros anos que seguiron á Revolución de Outubro houbo na URSS máis de cinco mil distritos nacionais. Ata as mais pequenas minorías puideron conservar os seus idiomas, os seus usos e costumes e as súas culturas. Foi Stalin quen produciu un cambio brusco neste panorama, transformando na práctica a URSS nun Estado unitario hipercentralizado pese a manter formalmente os principios fundadores. Gorbachov defendeu que en ningunha parte o problema nacional podería se resolver pola forza.

Nas citadas memorias, o valedor da perestroika confesa que non se meditaran suficientemente ata as súas últimas consecuencias un conxunto de cuestións importantes. Sen entrar a considerar o papel das potencias externas, que o houbo e non foi naturalmente a favor dunha reformulación do modelo, as causas principais da desfeita non foron esas intrigas xeopolíticas senón as taras sistémicas.

Non existen modelos universais cos que calquera país pode resolver os seus problemas. E o abandono dos antigos modelos por mor da súa ineficacia non significa que se diga adeus a determinados ideais senón que, fuxindo do dogmatismo, ábrense perspectivas necesarias de emancipación do pensamento para arbitrar outras propostas que transcendan o “mal menor” do mundo presente. Ese camiño prosegue e dificilmente concluirá algún día.