Propiciada tralo asasinato o pasado 27 de decembro da líder opositora Benazir Bhutto, a decisión do Tribunal Electoral paquistaní de retardar as eleccións presidenciais para o próximo 18 de febreiro supón un intento do goberno do xeneral Pervez Musharraf, de gañar tempo e espazo para fortalecer aos seus aliados políticos e minar a evolución electoral dos seus adversarios, principalmente do Partido do Pobo Paquistaní (PPP), actualmente dirixido polo fillo e o esposo de Bhutto.
A inestabilidade paquistaní, en gran medida determinada polos dilemas políticos de Musharraf e EEUU, ameaza con incrementar o seu impacto rexional, con obvias implicacións para a seguridade global. O escenario político semella seriamente atomizado. Washington, obsesionado co control do programa nuclear paquistaní, non atopa os recambios políticos necesarios, toda vez Musharraf semella caído en desgraza.
A desaparición física de Bhutto deixa a Washington orfo de aliados con garantías nunha delicada conxuntura que se explica, basicamente, polo seu inalterable e comprometedor apoio ao presidente paquistaní. Esta semana, no Congreso estadounidense comezaron as críticas a Bush por este apoio a Musharraf, a quen se acusa de obstaculizar a democratización de Paquistán.
Como na década dos oitenta do século pasado a través do Servizo de Intelixencia paquistaní (ISI) en Afganistán contra os soviéticos, Washington ven apoiando sen miramentos desde o 11-S a opción de Musharraf, sen ter en conta os obstáculos que isto implica para a efectiva democratización de Paquistán.
Velaí que este país se desliza nun crítico escenario interno de confrontación entre o estamento militar, aparentemente controlado por Musharraf a través do poderoso ISI, e diversos grupos civís e políticos que avogan polo cambio político e formulan demandas de democratización. Por iso, a variable da seguridade nacional, para manter o control do programa nuclear e os privilexios da casta militar, supón tamén un serio dilema no novo escenario que se presenta a Musharraf e Washington no Paquistán post-Bhutto.
Paralelamente, cabe destacar o perigo dunha posible fragmentación territorial en diversas rexións baixo control de xefes tribais descontentos coa autoridade de Islamabad. Outro aspecto ten que ver co avance de diversos movementos islamitas, algúns deles operadores dun cambio político necesario, outros simpatizantes da estratexia do “yihadismo salafista” propio de Al Qaeda, que colocan ao país nunha perigosa polvoreira e baixo o risco de “talibanización”.
As sondaxes político-electorais de cara aos comicios do próximo 18 de febreiro colocan a Nawaz Sharif, da Liga Musulmán de Paquistán, ex primeiro ministro deposto tralo golpe de Musharraf e actualmente única cabeza visible da oposición, con considerables posibilidades de triunfo, incluso contando co apoio do PPP. Pero a clave está en descifrar a evolución do voto do PPP, en caso de que se manifeste a favor de presentar ao fillo de Bhutto, Bilawal Bhutto Zardari, como aparente continuador dunha dinastía política marcada pola traxedia: se a súa nai foi asasinada, o seu avó e ex presidente e primeiro ministro Zulfikar Alí Bhutto foi executado en 1979, tralo golpe militar do xeneral Muhammad Zia-ul-Haq.
Nas próximas semanas, Musharraf tentará orientar o proceso electoral cara unha especie de plebiscito sobre a necesidade de garantir a seguridade nacional, buscando lexitimar un candidato títere. Pero, no caso de espallamento da violencia, existe a posibilidade de decretar o estado de emerxencia e acentuar a represión política contra os disidentes.
Pero as opcións de Musharraf non son tan favorables nin, probablemente, tan oportunas na actual conxuntura paquistaní, tomando en conta a aparente diminución do seu apoio exterior e a posibilidade dunha rebelión popular, con incremento do terrorismo, factores que engaden unha fonda incerteza ao futuro de Paquistán.